As novas restricións aplicables desde este sábado en 60 concellos de Galicia volven supor un duro impacto para a economía, sobre todo para unha hostalaría xa danada desde o inicio da pandemia e que se ve obrigada ao peche durante un mes nas cidades e as súas áreas, ademais doutras localidades. O clamor e as mobilizacións por un rescate e apoio inmediato ao sector estendéronse xa por todas as urbes, onde os Concellos renovan ou impulsan novos plans de rescate, conscientes de que son insuficientes ante a falta aínda de axudas directas por parte da Xunta, sinalada polos gobernos locais.
Galicia é unha das poucas autonomías que non deu axuda directa ningunha aos autónomos durante a pandemia
Galicia vénse mantendo como unha excepción, sen outorgar axudas directas aos autónomos que na maioría de comunidades aprobaron xa ás poucas semanas do inicio do confinamento de marzo e tras o anuncio dun plan dotado con 70 millóns pero aínda sen aprobar. Neste xoves, Feijóo anunciou unha "liña urxente de axudas para saír en apoio da hostalaría e o turismo", 1.000 euros ao mes --1.500 no caso de empresas con máis de dez traballadores-- para ata 12.000 establecementos afectados polo peche de actividade neste outono, nunha medida que se activará coa súa publicación no DOG "a finais deste mes de novembro".
A Xunta anuncia axudas urxentes de 1.000 euros mensuais nunhas semanas para locais obrigados ao peche, compatibles con outras que sumarían ata 7.200 por negocio
Estas axudas directas serán compatibles coas contías previstas no plan xeral para autónomos polo que os locais poderán percibir 1.200 euros como complemento ao cesamento de actividade e 4.000 máis no caso de ter estado en ERTE nalgún momento ou sufriran unha baixada de facturación de máis do 50% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Sumarían eses 7.200 euros como máximo dos que fala Feijóo.
Xa que logo, as axudas seguen sen ser aprobadas e tardarán aínda unhas semanas, case oito meses despois das estritas restricións de marzo que fixeron que desde o Goberno central se impulsasen os préstamos ICO, as prestacións aos profesionais por conta propia por cesamento da actividade e os ERTE por forza maior que, lembrou Feijóo este xoves, activaranse agora de novo cos novos peches.
A tardanza nas axudas foi denunciada por varios alcaldes nos últimos días. A rexedora de Lugo, Lara Méndez, alertou das "duras" restricións e pediu que se acompañen de "apoio" e "medidas de impulso e respiro" para os sectores máis afectados por parte da Xunta, da que pide "implicación total e absoluta".
Os gobernos das cidades, que impulsaron axudas directas desde hai meses, censuran a tardanza da Xunta á hora de activar as súas
En Ferrol, o alcalde Ángel Mato lembrou á Xunta "que as axudas teñen que chegar cando son precisas" e que é "imprescindible que o fagan con celeridade" e "o máis axiña posible". Ás súas críticas uniuse o presidente da Deputación da Coruña, Valentín García Formoso, que recordou ao Goberno galego que é quen ten "competencias en emprego, industria e comercio" e que debe "concretar as subvencións que anunciou en datas recentas e convocalas canto antes".
Ambos dirixentes presentaron unha nova liña de axudas, coordinada entre Deputación e Concello, e dotada con 2 millóns de euros, dirixida sobre todo á hostalería, o comercio e as actividades culturais, e logo doutro plan de axudas á empregabilidade anterior dotado con 1,7 millóns na cidade departamental. Será parte dun novo plan do organismo provincial, que vai mobilizar 3 millóns para colaborar nos plans de axudas a autónomos na urbe ferrolá, na Coruña e en Santiago.
Na Coruña, a alcaldesa Inés Rey advertiu de que "é preciso o apoio económico ou a Xunta contribuirá a converter a crise sanitaria nunha crise económica sen precedentes". Na súa cidade, o plan Presco tiña unha partida de 6,2 millóns para autónomos e micropemes, con axudas de ata 6.000 euros persoa, aínda que polo momento só hai un milleiro en proceso de pago e con atrasos. A cantidade media que percibe cada persoa é de algo máis de 2.000 euros e o Concello xa anunciou que prevé sumar entre 1,6 e 2 millóns máis para cubrir todas as solicitudes, así como impulsar outro plan de apoio.
"As axudas teñen que chegar cando son precisas e é imprescindible que o fagan con celeridade", di o alcalde de Ferrol, Ángel Mato
En Pontevedra, o plan Supera20, dotado con 1,25 millóns de euros para micropemes e autónomos, permite que cada beneficiario puidese acadar ata 5.000 euros, fronte aos 2.000 por negocio das axudas implantadas na cidade de Ourense. Pola súa banda, en Lugo, o Plan Reanima, impulsado polo Concello, abrangueu xa uns 3.500 beneficiarios na súa primeira fase e está dotado de 5 millóns de euros, cantidade semellante á destinada polo Concello de Santiago a un Plan de Reactivación centrado tamén nos sector económicos máis afectados.
Todas as cidades levaron a cabo tamén outras medidas centradas na hostalaría como a ampliación de terrazas, exención de pago de tributos e taxas ou bonificacións de pagamentos en aperturas e adaptacións de locais. Nese aspecto, o Concello de Vigo aplicou exencións que entre lixo, vado e auga superaron os 5 millóns, mentres que a taxa cero en terrazas e ampliacións destas supuxo, desde a súa implantación, "uns 25 millóns", tal e como aclara a administración local.
Desde o Concello vigués tamén houbo axudas á contratación, un programa de incentivos para a contratación indefinida ou para a creación de empresas. Ademais, en 2021 apóstase pola "suba cero de taxas e impostos" e unha morea de bonificacións e exencións de impostos.
Ante a insuficiencia das axudas e a tardanza da Xunta, o sector hostaleiro convocou xa novas mobilizacións contra o peche, tras as celebradas nas últimas semanas. En Lugo, hai prevista unha concentración este sábado a partir das 11, e na Coruña o mesmo día ao mediodía. O venres, desde Samil, en Vigo, unha caravana de coches partirá ás 11, mentres que en Pontevedra e Caldas tamén se levarán a cabo protestas. Ademais, varias asociacións profesionais preparan accións a nivel galego.
O sector hostaleiro volve mobilizarse contra o peche e e as principais asociacións do sector piden un "plan de rescate" a Xunta e Goberno central
De feito, a Asociación Hostalaría Compostela, así como as provinciais de Pontevedra, Lugo e Ourense e a asociación de hosteleiros de Ferrol e comarca emitiron un comunicado conxunto no que critican unhas restricións "desproporcionadas", así como a "criminalización" do sector, e demandan 30 millóns en axudas directas "que compensen como mínimo o 50% das perdas ocasionadas polo peche".
No documento, as principais asociacións hostaleiras de Galicia piden un "plan de rescate por parte da Xunta e do Goberno de España". Entre as medidas demandadas, a posibilidade de exoneración da parte da cotización empresarial do 85% ou 75% tanto para traballadores en activo como os suspendidos e da cota de autónomo. Tamén a "anulación do compromiso de mantemento de emprego" por parte das empresas ou que as axudas directas "complementen cando menos o 70% da base de cotización actual cun mínimo de 1.200 euros mensuais".
Ademais, entre outras, demandan tamén medidas a respeto do abastecemento de enerxía, un tipo de IVE reducido ao 4% para as actividades de hostalería e turismo e a ampliación indefinida dos ERTE "ata que a situación se normalice".
Desde a oposición, e durante a súa intervención na Comisión de reactivación económica e social, a portavoz do BNG, Ana Pontón, sinalou o confinamento da hostalería "sen que haxa axudas directas a un sector que está ao límite e do que dependen miles de postos de traballo". Así, puxo como modelo o que ten feito o Goberno alemán garantindo a cobertura do 70% das perdas dos establecementos polos peches derivados da COVID, unha medida que debería servir de exemplo para o Executivo de Feixóo.
No PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, xa advertira de que as medidas "necesairas contra o virus" debía ir acompañadas "dun plan extraordinario de axudas directas aos sectores afectados polo peche".