A “reactivación económica e emocional de Galicia” a través do ano santo é un dos argumentos que emprega o Goberno galego para xustificar a subvención
A decisión tomada este xoves polo Goberno galego foi a de adiantar pagamentos de ata o 80% dunha liña de subvencións que xa convocara, pero iso non impediu ao presidente Feijóo anunciar a medida como se fose nova, e así o ratificou posteriormente por escrito a propia Xunta ao asegurar que “lanza unha nova liña de axudas de 2 millóns de euros a dous anos para a reactivación do sector das orquestras galegas”. Será "para apoiar a actividade das orquestras galegas sempre que promovan o Xacobeo 2021”, en palabras do propio Feijóo.
Segundo o Goberno galego, a axuda irá destinada a subvencionar “gastos dos eventos que desenvolvan en Galicia ou fóra da nosa Comunidade e que nas súas xiras e materiais promovan o Xacobeo 2021 tanto neste último trimestre como no 2021, para que se consolide como un evento estratéxico na reactivación económica e emocional de Galicia”.
As axudas sufragarán gastos como “alugueiro de equipos, locais, carpas ou similares, gastos directos dos artistas como salarios, viaxes ou dietas"
As axudas valorarán entre outras cuestións “o número de actuacións realizadas en Galicia e fóra o ano pasado” ou “o número de compoñentes do elenco”, e sufragará gastos como “alugueiro de equipos, locais, carpas ou similares, gastos directos dos artistas como salarios, viaxes ou dietas así como calquera outro gasto relativo no evento e serán para actividades que se celebren entre o 1 de outubro de 2020 e o 31 de outubro de 2021”.
A Xunta xustifica as axudas no marco da crise polo coronavirus “que incidiu de xeito directo nas industrias culturais en Galicia” e sinala que “esta inxección económica incidirá directamente nun sector do que forman parte máis de 250 empresas en Galicia e que dá traballo directo e indirecto a máis de 5.000 persoas”.