A cantante, actriz e presentadora Fátima Pego adoita divulgar a través das redes sociais mensaxes contra a violencia machista e a prol da igualdade de xénero. Ás portas da pasada fin de semana a estas mensaxes engadiuse unha en primeira persoa, a da denuncia de acoso machista que ela mesma estaba a sufrir a través da súa conta de Instagram, onde adoita compartir diversas imaxes da súa actividade profesional na orquestra Panorama e na Televisión de Galicia.
"Isto vai para todos os homes que se cren co dereito de falarlle a unha muller como se fose un obxecto: sodes patéticos"
Segundo as capturas divulgadas pola cantante e comunicadora, un usuario de Instagram dirixiuse a ela en privado para lle dicir que ten un "cuerpazo increíble" e "un culazo y unas pedazo de tetas brutales". "Estás increíble y cantas y actúas de lujo", dicía a mensaxe, antes de engadir comentarios sobre a propia orquestra Panorama.
Unhas horas despois, o mesmo home volvía escribir a Fátima Pego para afirmar que "me corría entre tus tetas" e "te follaba el culazo hasta el fondo y me corría dentro". "Con esas mallas abiertas es que te la metía hasta el fondo hasta que nos corriéramos a la vez en tu culo", concluía.
"Animo a todas as mulleres a que non se sintan intimidadas e denuncien (...) este tipo de violencia verbal"
Diante destes comentarios, a artista decidiu divulgalos xunto cunha denuncia pública. "Isto vai para ti e para todos os homes que se cren co dereito de falarlle a unha muller como se fose un obxecto. Sodes patéticos", escribiu Fátima Pego, quen agrega que se sente "cansa" de "por ser muller, estar nun escenario e vestir 'sexy', sintades que tedes o dereito de falarnos nestes termos".
"Animo a todas as mulleres a que non se sintan intimidadas e denuncien, da forma que sexa, este tipo de violencia verbal #stopmachismo", concluíu a reflexión de Fátima Pego, acompañada das capturas das mensaxes que recibiu. A cantante recibiu numerosas mostras de apoio dende o pasado venres e o acontecido foi sinalado como exemplo do acoso machista que moitas mulleres padecen tanto nas redes como fóra delas.