Compostela acolle este venres e sábado as IX Xornadas Estatais da Psicoloxía contra a Violencia de Xénero, organizadas polo Colexio Oficial de Psicoloxía. O encontro, que se celebra por primeira vez en Galicia, reunirá no Auditorio Abanca a máis de 300 profesionais da loita contra a violencia machista. Entre eles está Santiago Boira, profesor da Universidade de Zaragoza e doutor en Psicoloxía, que intervirá o sábado pola tarde. Boira fará fincapé nas intervencións que se poden e se deben facer sobre os homes maltratadores, un ámbito no que leva anos traballando de forma práctica, pois foi responsable en Aragón dun dos primeiros programas de intervención que houbo en España. Tamén ten escrito sobre o tema en libros como Hombres maltratadores. Historias de violencia masculina. Nas Xornadas da Psicoloxía contra a Violencia de Xénero centrará a súa intervención nas Novas masculinidades: construíndo unha autoestima positiva. Falamos con el.
Á hora de falar da violencia machista os focos céntranse sobre todo nas vítimas, nas mulleres que sofren malos tratos, pero non se fala tanto dos maltratadores, dos culpables desta violencia. É importante cambiar o foco, analizar por que estes homes levan a cabo estes acto e intervir sobre eles antes de que o fagan?
Imos un pouco por aí, si: cambiar o foco e centrar o asunto nas novas masculinidades. Temos que reflexionar sobre o papel que temos os homes na loita pola erradicación da violencia, e evidentemente temos moito que ver no problema e na súa solución. Hai unha liña de traballo que se dirixe especificamente aos varóns, que temos que replantexarnos a nosa identidade como homes. A clave é como nos construímos. Se non mudamos isto, non poderemos traballar para chegar a cambios permanentes nas condutas e na erradicación da violencia.
"A raíz do comportamento violento hai que buscala nestas dificultades para construírse como homes máis aló da masculinidade patriarcal e na falta de responsabilidade ante estes comportamentos"
Supoño que non hai un perfil definido do maltratador. Pero que factores detecta a Psicoloxía que inflúen decisivamente das actitudes agresivas ou de control e dominación dos varóns?
Si, efectivamente non hai un perfil. Esta é unha das circunstancias que atopamos ao tratar cos agresores: Son homes que non responden a unha característica concreta, e polo tanto non podemos facer unha análise preditiva e asumir que un home vai ser violento simplemente baseándonos nunha serie de factores obxectivos. Si que hai unha serie de características que sen ser unívocas, si que nos axudan a comprender o comportamento destes homes. A primeira e fundamental é a falta de conciencia de que aquilo que fai é un comportamento problemático, sobre todo cando estamos falando da violencia en sentido amplo -psicolóxica, financeira...-. É importante tamén a construción patriarcal do xénero, ríxida e que responde a un conxunto de atributos e de expectativas que o varón ten con respecto a como ten que comportarse, o que lle leva moitas veces a ter posicións de control, dominación ou violencia. A raíz do comportamento violento hai que buscala nestas dificultades para construírse como homes máis aló da masculinidade patriarcal e na falta de responsabilidade ante estes comportamentos.
"Cando falamos da masculinidade patriarcal, falamos dun modo moi ríxido de construción como varón. Temos que pensar que pasa con aqueles homes que non cumpren con estes requisitos"
Centras a túa intervención na importancia da autoestima. En que inflúe?
O concepto de autoestima refírese á valoración afectiva que temos dun mesmo, a como nos pensamos a nós mesmos. Neste senso, cando falamos da masculinidade patriarcal, falamos dun modo moi ríxido de construción como varón, en relación co poder cara á muller, co éxito, coa predisposición pública, coa imposibilidade de fallar, cunha heterosexualidade compulsiva..., unha serie de esixencias moi sólidas. Temos que pensar que pasa con aqueles homes que non cumpren con estes requisitos. O obxectivo é ver como podemos ter formas alternativas a esta maneira de construírnos como homes e que nos fagan ser máis felices, relegando esta forma patriarcal de pensarnos. E que nos permitan incorporar aspectos de coidado, aspectos emocionais, renunciando a determinados privilexios que nos fan estar sempre nunha situación preponderante. E entender que estas renuncias nos van facer máis felices e nos van aproximar máis a outros homes e mulleres, e aos nosos fillos e fillas.
"O obxectivo é ver como podemos ter formas alternativas a esta maneira de construírnos como homes e que nos fagan ser máis felices, relegando esta forma patriarcal de pensarnos"
Supoño que é moi importante traballar estes conceptos no ensino, cos adolescentes, sobre todo vendo como rapaces de moi curta idade están reproducindo nas súas primeiras relacións de parella os mesmos comportamentos de control que practican outras xeracións...
Si, estámonos vendo sorprendidos ao atopar xente moi nova que utiliza os ciumes como proba de amor, ou que en relacións de parella moi temperás aparecen mecanismos de violencia e de control. Efectivamente, neste contexto a educación é moi importante. Pero aquí temos que facer unha reflexión: en realidade a mocidade o que fai é reproducir a estrutura social e isto e non outra cousa é o que está sucedendo na sociedade. A educación reducímola moitas veces á transmisión regrada de información, a un currículo, cando en realidade hai moitas axencias educando ao mesmo tempo, formais e non formais. E a reflexión habería que estendela a todas estas axencias: están transmitindo valores igualitarios a familia, os medios, a escola, a televisión...?
"A educación reducímola moitas veces á transmisión regrada de información, a un currículo, cando en realidade hai moitas axencias educando ao mesmo tempo, formais e non formais. Están transmitindo valores igualitarios a familia, os medios, a escola, a televisión...?"
Ademais desa acción xeral que se debe facer con todos os homes, hai outro tipo de intervencións específicas que se dirixen aos agresores. Como é este traballo?
Si, despois hai un traballo distinto que se dirixe aos agresores de xénero, aos homes que foron condenados por este tipo de agresións. Hai unha traxectoria longa de traballo en España, con protocolos que se levan a cabo dende o sistema penitenciarios, polos que unha parte da condena se compensa con este traballo psicolóxico, no que se aborda o tema das novas masculinidades, da responsabilidade, da empatía coa vítima, os fillos, ou como se poden construír relacións de parella máis saudables... Estes programas poden traballar con estes homes, dende unha fase incipiente de aparición da violencia como xestionar a ira, o control... Ou tamén en fases máis avanzadas.