Galicia cruza o limiar do 50% da poboación a vacinar con cando menos unha dose coa COVID en niveis de agosto de 2020

Vacinación contra a COVID no centro de saúde do Milladoiro © Xunta

Algo máis de 1,19 millóns de persoas ou, o que é o mesmo, algo máis da metade da poboación galega maior de 16 anos recibiu xa cando menos unha dose de vacina contra a COVID-19. Os datos actualizados polo Ministerio de Sanidade este 27 de maio confirman que, tras a administración na xornada previa de algo máis de 25.000 doses -retomando así o ritmo minorado xornadas atrás-, o 50,6% da poboación diana da campaña de vacinación ten xa posta polo menos unha dose, sete puntos por riba da media estatal polo maior peso das persoas de maior idade en Galicia.

Tras a administración de algo máis de 25.000 novas doses, 1,19 millóns de persoas recibiron en Galicia cando menos unha

Mentres, a poboación diana que xa completou a pauta vacinal (dúas doses, agás na vacina monodose de Janssen) supera xa o 26%, isto é, algo máis de 613.000 persoas coa protección completa. Ata o momento, o Sergas leva administradas 1,79 millóns de doses, o 97,5% das recibidas -algo máis de dous puntos por riba da media estatal-.

Nas últimas xornadas está a avanzar, sobre todo, a vacinación completa das persoas de 70 a 79 anos e tamén as primeiras doses das persoas entre 60 e 69 e máis 50 e 59 anos. Neste último grupo de idade, o que foi incorporado máis recentemente á vacinación, a porcentaxe de persoas con cando menos unha doses xa che achega ao 60% (o dato estatal rolda o 51%). Ademais, nesta semana están comezando a ser administradas as segundas doses das persoas menores de 60 anos que, por pertenceren a grupos profesionais considerados esenciais ao inicio do proceso, recibiran a vacina de AstraZeneca antes de ser limitada para poboación por abixo desa idade.

O primeiro dato (case) completo de casos novos fornecido directamente pola Xunta

Sanidade pasa a detallar os novos diagnósticos diarios por todas as probas de infección activa e non só os realizados mediante PCR

A vacinación avanza nunha xornada na que o Sergas incorpora 130 casos novos ao seu cómputo total, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores, exactamente os mesmos que nas vinte e catro horas previas. A actualización de datos fornecida pola Consellería de Sanidade trouxo consigo este xoves unha novidade: por primeira vez dende o inicio da pandemia, a Xunta ofrece directamente un dato practicamente completo de casos novos rexistrados da COVID-19.

Este cambio débese a que o departamento sanitario do Goberno galego pasou a desagregar a serie histórica completa, con todos os datos diarios, das cifras de casos novos diagnosticados a través de todas as probas diagnósticas de infección activa, isto é, tanto mediante PCR como a través de test de antíxeno. Ata agora, só era posible calcular o total de casos (incluíndo os asintomáticos que computan directamente como "curados") e a Xunta só detallaba cantos destes eran diagnósticos mediante PCR.

Como é posible observar no gráfico sobre estas liñas, este avance informativo tras ano e medio de pandemia non muda as tendencias que se viñan observando, coa COVID-19 transitando pola súa fase máis estable e nunha senda levemente descendente que a leva a niveis inéditos dende agosto de 2020, cando a capacidade diagnóstica do Sergas era moito menor. Así, por exemplo, agora é posible saber que nos últimos sete días con datos completos foron rexistrados unha media diaria de algo menos de 150 diagnósticos de infección activa

A diferenza entre o total de diagnósticos de infección activa e o total acumulado de casos COVID-19 rexistrados polo Sergas dende o comezo da pandemia é duns 4.100 casos. Aínda que a Xunta non o especifica, todo parece indicar que eses algo máis de 4.000 casos se corresponden con persoas que deron positivo en test de anticorpos, pero por seren asintomáticas e non teren infección activa foron contabilizados directamente como "curadas", sen pasaren antes pola consideración de "positivos activos".

Incidencia estable e máis alta no suroeste

A incidencia a 14 días rolda os 75 casos novos por cen mil habitantes e a 7 días, os 38

Alén desta novidade na forma de presentar os datos por parte da Xunta, a evolución epidemiolóxica no global de Galicia segue marcada pola estabilidade e a devandita tendencia lixeiramente descendente. A incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días da COVID-19 para o conxunto de Galicia sitúase unha décima por baixo dos 75 e a sete días, marca uns 38

O feito de que agora o indicador a 7 días estea un chisco por riba da metade da incidencia a 14 días podería indicar, a xeito de foto fixa, unha lixeirísima tendencia ascendente. Non obstante, a incidencia acumulada a 7 días volve dar sinais de leve descenso, polo que todo apunta a que a estabilidade seguirá sendo a tónica dominante nos vindeiros días.

Alén dos datos xerais, como amosa o mapa sobre estas liñas, os concellos con maiores incidencias acumuladas a 14 días séguense situando, sobre todo, na contorna das Rías Baixas. É o caso da Pobra do Caramiñal ou Mos, que dende o sábado estarán en nivel máximo de restricións xunto a Lobios

Os datos por áreas sanitarias son tamén reflexo desta circunstancia. A que segue marcando unha incidencia acumulada a 14 días máis elevada é a de Vigo, que así e todo amosa sinais de baixar dos cen casos novos por cada 100.000 habitantes a 14 días por primeira vez dende mediados de abril. As únicas tendencias lixeiramente ascendentes atópanse nos últimos días na área de Santiago (polo impacto da Barbanza) e mais na de Lugo, a causa dos gromos detectados en concellos como Viveiro ou Vilalba.

A menor hospitalización dende finais de agosto

En consonancia coa situación epidemiolóxica, a presión hospitalaria tamén mellora máis significativamente nas últimas semanas e xa descende tamén ata niveis equiparables aos de agosto de 2020. As 129 persoas con test positivo do coronavirus ingresadas ás seis da tarde do mércores son 31 menos que as que se rexistraban unha semana antes. Malia ao leve ascenso en vinte e catro horas (+2), as 33 persoas na UCI son unha menos que o mesmo día da semana anterior.

Mentres todo isto sucede, as cifras de mortalidade oficialmente asociadas á pandemia tamén seguen en niveis moi baixos, aínda que polo momento sen acadar semanas enteiras sen falecementos rexistrados, como sucedera o verán do ano pasado (circunstancia tamén favorecida pola menor capacidade diagnóstica que había daquela). O dato medio diario de mortalidade nos últimos sete días segue sendo inferior a 1 falecemento por xornada e o total sitúase en 2.415.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.