A campaña de vacinación contra a COVID-19 continúa avanzando en Galicia e faino, por segundo día consecutivo, sobre todo pola banda das segundas doses para a poboación de entre 70 e 79 anos. Tras unha xornada con algo máis de 25.000 novas doses administradas, a poboación diana -a maior de 16 anos- coa pauta de vacinación completa (as dúas doses, agás no caso de Janssen) supera o limiar do 25% e sitúase no 25,5%, case seis puntos por riba da media estatal.
O feito de que nos últimos días o Sergas centrase a vacinación nesas segundas doses provoca que estea a avanzar con máis lentitude o 'contador' da poboación que ten posta cando menos unha dose. Segue así na contorna do 47%, algo máis de seis puntos por riba do dato para o conxunto do Estado.
Tras unha nova recepción de doses, o Sergas leva administradas o 97,4% das dispoñibles (o dato estatal rolda o 93%). En cifras absolutas, as persoas con cando menos unha dose superan xa os 1,1 millóns e coa pauta completa son xa máis de 600.000.
As persoas menores de 60 que recibiran a primeira dose de AstraZeneca poderán recibir a segunda dose da mesma vacina ou optar pola de Pfizer. A Xunta prevé comezar a citalas a vindeira semana ou na "primeira de xuño"
Chegar a esa pauta completa é precisamente o que vén reclamando boa parte da poboación menor de 60 anos (colectivos como o profesorado) que recibiran a primeira dose da vacina de AstraZeneca antes de que o Consello Interterritorial de Saúde decidise pasar a administrala só ás persoas por riba desa idade. Tras as sucesivas negociacións entre Ministerio e comunidades autónomas e unha vez coñecido o ditame do Consello de Bioética, o departamento estatal decidiu concretar, na actualización da estratexia de vacinación, que estas persoas poderán recibir a segunda dose de AstraZeneca previa sinatura dun consentimento informado específico. En caso contrario, poranlles unha dose da vacina de Pfizer-BioNTech.
Nesta liña, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmaba este venres en resposta aos medios durante unha visita a Ferrol que a Consellería de Sanidade prevé comezar a citar estas persoas dende a semana vindeira ou "na primeira de xuño" para recibiren esa segunda dose. O Goberno galego, reitera Feijóo, segue sendo partidario de administrar a segunda dose de AstraZeneca con normalidade e así o manterá se conta con subministros dabondo desta vacina. En calquera caso, na liña dos protocolos estatais, as persoas que desexen a segunda dose con Pfizer poderán solicitalo.
Continúa a estabilidade epidemiolóxica
As autoridades sanitarias van aclarando aos poucos as dúbidas que ficaban sobre o proceso de vacinación mentres a situación epidemiolóxica en Galicia continúa sendo estable e mesmo lixeiramente descendente. O Sergas notificou este venres 176 novos casos da COVID-19, os detectados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. Deles, 157 son diagnósticos mediante test PCR; cunha media duns 131 diarios na última semana.
Neste contexto, as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 e 7 días seguen tamén estables e baixando lixeiramente para o conxunto de Galicia, alén de oscilacións puntuais en períodos de vinte e catro horas. O dato global galego sitúase agora en 82 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días (unha semana antes eran uns 89) e a 7 días rolda os 37 (no mesmo día da semana anterior eran 44). [Podes consultar a serie completa deste indicador nesta ligazón]
Por áreas sanitarias, a tendencia tamén é a estabilidade con dúas excepcións sinaladas. Unha, a da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que tras encabezar este indicador durante varias semanas segue a descender e xa se achega aos 100 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días. Na banda contraria está a área de Santiago-Barbanza, que mantén unha tendencia lixeiramente ascendente -sobre todo, polos novos casos detectados en varios concellos barbazáns- e se achega aos 90 casos novos por cada cen mil habitantes.
No que atinxe ás sete principais cidades galegas, a maior incidencia acumulada a 14 días segue sendo a de Vigo, pero dentro do mesmo contexto de estabilidade, arredor dos 120 casos novos por cada cen mil habitantes. Na banda contraria, Ferrol segue arredor dos 40 casos novos por cada cen mil habitantes nese mesmo período.
Notable alivio nos hospitais
A melloría da situación epidemiolóxica nas últimas semanas reflíctese agora con máis claridade nos hospitais. As 146 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus notificadas este venres polo Sergas son 38 menos que unha semana antes. Trinta delas están na UCI e unha semana antes eran cinco máis.
No que atinxe á mortalidade oficialmente ligada á pandemia, son dez os falecementos en Galicia con data dos últimos sete días. O total sitúase en 2.410 persoas que morreron tras seren diagnosticadas como positivas por COVID-19, con independencia de que non en todos os casos o virus é a causa última do falecemento.