Galicia está a piques de chegar ao 25% da poboación maior de 16 anos coa pauta completa da vacinación contra a COVID-19, que implica a administración de dúas doses en todas as vacinas agás na de Janssen, que é monodose. Segundo o informe divulgado este xoves polo Ministerio de Sanidade, durante a xornada do mércores o Sergas administrou case 35.000 novas doses, un ritmo moi semellante ao da xornada previa.
Ao contrario que en xornadas anteriores, boa parte parte das administradas foron segundas doses. Concretamente, ao grupo de idade de entre 70 e 79 anos, que se achega deste xeito ao 90% coa pauta completa e ao 98% con, cando menos, unha dose administrada. No que atinxe á poboación xeral, a porcentaxe con cando menos unha dose apenas variou a respecto da xornada anterior, precisamente porque boa parte da administración se centrou nas devanditas segundas doses, neste caso.
A vacinación avanza mentres os principais indicadores epidemiolóxicos permanecen estables e mesmo con lixeiras tendencias á baixa, máis alá de certos empeoramentos en puntos concretos do país. Este xoves, o Sergas sumou 183 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Deles, 167 foron diagnósticos mediante probas PCR. Na última semana, cada xornada realizouse unha media de 125 diagnósticos a través destes test, nunha liña lixeiramente á baixa.
Con estas cifras, as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) para o conxunto de Galicia seguen descendendo lixeiramente. Atendendo aos datos do último día completo con datos dispoñibles (o martes, día 18), o indicador a 14 días sitúase en 83 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días, nuns 36. O feito de que a incidencia a 7 días sexa menos da metade que a cifra a 14 días apunta esa tendencia descendente.
Por áreas sanitarias, a maior incidencia acumulada a 14 días segue estando na de Vigo, que aínda que transita por un período de relativa estabilidade, está agora por riba das cifras da de Pontevedra-O Salnés, que vén experimentando unha mellora nas últimas xornadas e agora se sitúa en 114 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días fronte aos 117 da área viguesa. Na banda contraria séguense situando, coas incidencias a 14 días máis baixas, as áreas de Lugo e Ferrol.
A tendencia máis desfavorable dos últimos días no que atinxe á incidencia da COVID-19 a 14 días é a da área sanitaria de Santiago-Barbanza, fundamentalmente polo empeoramento en varios concellos barbazáns. Agora, a incidencia a 14 días nesta área achégase xa aos 90 casos novos por cada cen mil habitantes.
Cambios no mapa de restricións da Xunta dende o sábado 22
A Xunta pasa a permitir que os bares sirvan ceas ata a 1 da madrugada, como os restaurantes, se contan con medidores de CO2
A devandita situación epidemiolóxica vén de ser reflectida pola Xunta en diversos cambios no seu mapa de restricións pola COVID-19, que estarán en vigor dende as cero horas do día 22. Tras a reunión do comité clínico, adiada esta semana ata o xoves, a Consellería de Sanidade confirmou cambios de nivel en case unha trintena de concellos e ratificou que Lobios será o único que permaneza no nivel máximo, que implica peche perimetral e clausura da hostalería.
Mentres, o nivel alto pasa a estar integrado por Cambados, Vilanova de Arousa, Moraña, Ponte Caldelas, Mos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Oleiros. No medio situaranse Barbadás, O Barco de Valdeorras, Santiso, Boiro, Rianxo, Padrón, Ordes, Valga, Ames, Carral, Fisterra, Cee, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Cangas, Moaña, Salceda de Caselas, Chantada, Viveiro e Cervo. Todos os demais pasan ou mantéñense no nivel baixo de restricións.
Ademais, e á espera de que poida ofrecer máis detalles en rolda de prensa ou a través do DOG, a Xunta anuncia que dende o propio día 22, o horario de peche dos bares ao dos restaurantes quedará equiparado. Así, todas estas instalacións poderán servir ceas ata a 1 da madrugada con independencia da súa licenza, todos eles condicionados a teren medidores de CO2 para poder facelo.