Os datos sobre a evolución da pandemia da COVID-19 en Galicia reflicten xa integramente a primeira semana sen Estado de Alarma. Polo momento, as cifras non só reflicten ningunha repunta ou empeoramento significativo na incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) do coronavirus, senón que mesmo apuntan a un reinicio da lixeira senda descendente dentro da relativa estabilidade dos últimos meses.
A incidencia a 7 días sitúase arredor dos 40 casos novos por cada cen mil habitantes, menos da metade do indicador a 14 días
Cos datos do último día completo dispoñible (o domingo, 16 de maio), a incidencia acumulada da COVID-19 a 7 días, o indicador que reflicte as mudanzas máis recentes, sitúase agora un chisco por riba dos 40 casos novos por cada cen mil habitantes. A 14 días, esta incidencia acumulada rolda os 87 casos. O indicador da última semana é inferior á metade da cifra a 14 días, o que supón unha tendencia descendente.
Estas tendencias danse nunha xornada na que o Servizo Galego de Saúde suma 116 casos novos ao seu cómputo, os rexistrados entre a seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. Deles, 105 son diagnósticos mediante probas PCR.
Esta é a situación epidemiolóxica xeral do país á espera de que, nos vindeiros días, se poida observar o efecto da recente ponte festiva nunha dupla dirección: a lixeira diminución no número de probas realizadas e os eventuais contaxios que se puidesen producir en encontros sociais durante unha fin de semana prolongada. Mentres, sobre o mapa, en ata 136 concellos galegos non se rexistran casos novos da COVID-19 dende hai 14 ou máis días (unha cifra moi semellante á de semanas anteriores) e en 179 non houbo casos novos nos últimos 7 días.
Entre as sete principais cidades, só Santiago escapa agora da estabilidade xeral, aínda que cunhas incidencias acumuladas moderadas, arredor dos 70 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días
O maior número de concellos con incidencias acumuladas a 14 días relativamente máis elevadas séguense situando na contorna das Rías Baixas. Máis concretamente, en Vigo e a súa contorna, así como en concellos da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés ou do Barbanza. Tamén en municipios do Deza e do sur da provincia de Lugo, áreas da comarca de Ordes ou algúns dos concellos máis occidentais da Terra Chá.
Entre as sete principais cidades, a estabilidade segue sendo a tónica dominante na súa incidencia acumulada a catorce días. Desta tónica xeral escapa nos últimos días a cidade de Santiago, que traza unha liña ascendente na súa incidencia acumulada a 14 días dende finais da primeira semana de maio. Así e todo, a incidencia acumulada da capital galega neste período segue sendo moderada, de algo menos de 70 casos novos por cada cen mil habitantes nesas últimas dúas semanas.
Se volvemos abrir o foco cara ás cifras globais de Galicia, a comparación das incidencias acumuladas a 14 e 7 días coas dos mesmos días da semana anterior (a coñecida como razón de taxas) tamén trae consigo boas novas. Cando a división estes indicadores cos do mesmo día da semana anterior resulta inferior a 1, este resultado indica que a incidencia do virus tende a diminuír e se supera o 1, que tende a aumentar.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a tendencia da incidencia acumulada a 7 días é a diminuír e ademais, ese ritmo de diminución aumenta de forma lenta, pero constante. Esa mellora do indicador a 7 días adoita ser preludio de que suceda o mesmo coa incidencia a 14 días.
As 176 persoas ingresadas son 14 menos que as que había hai unha semana
Mentres todo isto sucede, o alivio tamén segue chegando aos poucos á situación dos hospitais. Mesmo tendo en conta a influencia da ponte festiva -en domingos e festivos adoitan tramitarse menos altas hospitalarias-, as 176 persoas con test positivo do coronavirus ingresadas nos hospitais galegos ás seis da tarde do 17 de maio son 14 menos das que había o mesmo día da semana anterior. Dentro deste total, 37 persoas coa COVID-19 están nas UCI dos hospitais galegos; unha semana antes eran 46.
Ao tempo, os indicadores de mortalidade ligada á pandemia continúan nos seus niveis máis baixos dende o verán de 2020 malia á notificación de 9 falecementos de persoas coa COVID nos últimos sete días. O total de mortes de persoas co coronavirus en Galicia (a causa da morte non é necesariamente o virus en todos os casos) sitúase agora en 2.405.
45% da 'poboación diana' con cando menos unha dose de vacina
Todas estas cifras epidemiolóxicas nun contexto no que, tras varios días de récord no número de vacinas administradas, o ritmo de inmunización descendeu considerablemente en Galicia no día festivo do 17 de maio. Segundo o informe actualizado polo Ministerio de Sanidade este martes, durante a xornada do luns administráronse pouco máis de 1.000 doses de vacinas en Galicia, polo que a porcentaxe de poboación diana (a maior de 16 anos) con cando menos unha dose segue sendo a mesma que o día anterior, na contorna do 45%.
O informe do luns reflectía que ata esa xornada, o Sergas administrara o 97,7% das 1.645.165 doses de vacina que recibira. O informe deste martes reflicte que a Xunta ten xa 1.742.275 doses, tras unha nova entrega por parte do Ministerio, e leva postas o 92,3%, catro puntos por riba da media estatal.