Na xornada festiva do pasado 17 de maio administrouse en Galicia o número máis baixo de vacinas contra a COVID-19 dende mediados de febreiro, apenas un milleiro, segundo os datos notificados o martes, día 18. Sucedía tras varias xornadas de récord e na véspera de que, unha vez superada a ponte, o Sergas recuperase o ritmo de vacinación.
Segundo o informe actualizado este 19 de maio polo Ministerio de Sanidade, na xornada previa foron administradas en Galicia case 37.000 doses de vacinas contra a COVID-19. Isto implica que o Sergas leva postas xa 1.644.918 doses, o 94,4% das recibidas ata agora (algo máis de catro puntos por riba da media estatal) e que 1,1 millóns de persoas recibiron en Galicia cando menos unha dose. Case 550.000 completaron xa a pauta de vacinación (dúas doses en todas as vacinas agás na de Janssen, que é monodose).
O 47% da poboación 'diana' da vacinación en Galicia xa ten polo menos unha dose posta e a pauta completa está a piques de chegar á cuarta parte do obxectivo total
En termos porcentuais e sempre segundo a mesma fonte dos datos, o Ministerio de Sanidade, tras os avances da pasada semana e o reinicio da inmunización a un ritmo máis elevado tras a ponte festiva, o 47% da poboación diana da vacinación en Galicia (a maior de 16 anos) xa ten polo menos unha dose posta e a pauta completa está a piques de chegar á cuarta parte do obxectivo total.
Os maiores avances dos últimos días están a observarse nas primeiras doses do grupo de entre 50 e 59 anos, que no devandito día 18 xa superaran o 40% con cando menos unha administración de vacina. Tamén destaca o feito de que tres cuartas partes da poboación de 70 a 79 anos xa completasen a inmunización e nove de cada dez persoas de 60 a 69 anos recibisen xa polo menos unha dose.
Incidencia a 7 días á baixa en gran parte do país
O proceso de vacinación retoma o ritmo mentres os indicadores epidemiolóxicos seguen amosando unha tendencia descendente da incidencia da COVID na maior parte de Galicia. A incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 7 días, á que Sanidade concede cada vez máis importancia por reflectir con maior precisión os cambios máis inmediatos, traza unha liña descendente para o conxunto de Galicia, cuns 37 casos novos por cen mil habitantes neste período, e tamén na maioría de áreas sanitarias.
Cos datos do último día dispoñible (o luns, día 17), esa incidencia acumulada a 7 días descende con claridade en todas as áreas sanitarias agás na de Ourense, cunha lixeira repunta nas últimas xornadas. É previsible que ese descenso free tamén nos vindeiros días na área sanitaria de Santiago-Barbanza, polo relativo empeoramento na capital galega e na contorna barbanzá. Así e todo, resulta significativa a tendencia á baixa das dúas áreas máis poboadas (A Coruña-Cee e Vigo) e que a área viguesa, a que aínda ten maior incidencia acumulada a 7 días, xa baixe dos 60 casos por cen mil habitantes neste período.
A Xunta define o xoves os cambios nas restricións con "especial atención" a sete concellos para os que valora novas medidas
Baixando un chisco máis ao detalle, o mapa da incidencia acumulada a 14 días reflicte que a contorna das Rías Baixas segue xuntando boa parte dos concellos con valores máis elevados nun indicador que para o conxunto do país rolda os 84 casos novos por cada cen mil habitantes e tamén apunta a unha liña descendente. Tamén seguen destacando as incidencias en puntos da comarca de Ordes, nos municipios máis occidentais da Terra Chá, no Deza ou no leste da provincia de Ourense.
Estes valores analizaraos a Xunta na reunión do comité clínico que finalmente se celebrará o xoves, día 20 -inicialmente programárase para este mércores, pero foi adiada por cadrar cunha reunión do Consello Interterritorial de Saúde-. Ao contrario do que vén sendo habitual, a Consellería de Sanidade si avanzou en que concellos "podería" aumentar o nivel de restricións para os vindeiros días, referíndose especificamente a Lobios, Moraña, Ponte Caldelas, A Pobra do Caramiñal, Cee, O Barco de Valdeorras e Mos.
Todo isto sucede nun día no que a Consellería de Sanidade notificou 128 novos casos, os rexistrados entre as seis da tarde do 17 de maio (festivo, o que adoita implicar menos probas) e a mesma hora do martes, día 18. Deles, 108 foron diagnósticos mediante PCR. Na última semana, o Sergas procesou unha media dunhas 6.134 PCR cada día que deron lugar, de media, a uns 130 diagnósticos da COVID-19 en cada xornada.
A estabilidade e posterior acougo das cifras de incidencia do coronavirus séguese reflectindo, tamén aos poucos, nos indicadores de hospitalización. As 162 persoas ingresadas con test positivo da COVID nos hospitais galegos son 29 menos que unha semana antes. Dentro deste total están na UCI un total de 38 e unha semana antes eran dúas máis.
Na última semana si se rexistraron máis falecementos de persoas coa COVID-19 que na anterior, con 15 nos últimos sete días con datos completos. O Sergas vén subliñando nas últimas xornadas, non obstante, que non é posible establecer mecanicamente en todos os casos que a causa da morte sexa o virus. O total de falecementos ligados á pandemia en Galicia chega así aos 2.409.