O Servizo Galego de Saúde notificou este 25 de maio un total de 90 novos casos da COVID-19. É a cifra máis baixa nun ciclo de vinte e catro horas (de seis a seis da tarde) dende o pasado 8 de marzo, cando foran notificados 88 novos casos.
Os 90 casos notificados este martes polo Sergas son a cifra máis baixa en vinte e catro horas dende o 8 de marzo, cando foran 88
En termos de días naturais, no último dispoñible con datos completos (o domingo, 23) rexistráronse 86 novos casos. Para atopar unha cifra máis baixa hai que retrotraerse ao pasado 3 de abril (84) e, antes diso, ao 7 de marzo (80).
Este contexto de contención dos principais indicadores epidemiolóxicos segue traducíndose, máis evidentemente dende mediados de mes, na ocupación hospitalaria. As 140 persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus ás seis da tarde do luns (e, máis aínda, as 138 á mesma hora do domingo) supoñen a cifra máis baixa dende finais de agosto de 2020. O dato notificado este martes rebaixa, ademais, en 36 pacientes o do mesmo día da semana anterior.
Trinta e unha destas persoas hospitalizadas están ingresadas en unidades de coidados intensivos, seis menos que hai unha semana. No pico de hospitalización, reflexo da explosión de contaxios durante as semanas do Nadal e o Aninovo, chegou a haber máis de 250 persoas coa COVID nas unidades de coidados intensivos e máis de 1.400 hospitalizacións simultáneas por esta razón.
A incidencia a sete días, contida na maioría de áreas
A incidencia acumulada a 7 días para toda Galicia, con 39 casos novos por cada cen mil habitantes, segue sendo menos da metade que o dato a 14 días, o que apunta a tendencia descendente
Mentres isto sucede, os indicadores de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) tamén falan de acougo. Cos datos do último día completo dispoñible (ata o domingo 23), só unha das sete áreas sanitarias, a de Lugo, traza unha liña ascendente no dato a 7 días, con 44 casos por cada cen mil habitantes. A razón son gromos como o detectado en Vilalba que, segundo a área sanitaria, está xa controlado.
No resto de áreas sanitarias, a estabilidade é a tónica xeral e a que ten un dato máis elevado, a de Vigo, xa volve baixar dos 60 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días. O dato do global de Galicia queda así un chisco por baixo dos 39 casos neste indicador.
Eses 39 casos por cada cen mil habitantes a sete días son menos da metade do dato da incidencia acumulada a 14 días, situado en algo menos de 80 casos. Esta correlación implica que a tendencia xeral segue sendo levemente descendente.
Sobre o mapa, estas incidencias acumuladas séguense repartindo de xeito desigual, con máis concellos por riba dos datos globais canto máis ao suroeste. Nos últimos días seguen destacando as incidencias acumuladas a 14 días en concellos do Barbanza como A Pobra do Caramiñal e, máis ao sur, tamén o concello de Mos (influído por un gromo nun centro escolar). Máis cara ao interior, tamén destacan os datos de Ordes ou Trazo e, nas provincias de Lugo e Ourense, fano municipios como Xermade e Vilalba, puntos da Mariña e varios concellos do sur da provincia e, xa en territorio ourensán, municipios como Lobios ou Vilariño de Conso.
No que atinxe ás sete principais cidades, a estabilidade epidemiolóxica segue sendo tamén a tónica dominante. A que segue tendo unha incidencia acumulada a 14 días máis elevada, Vigo, mantense dende comezos de maio na contorna dos 120 casos por cada cen mil habitantes. O dato máis baixo segue sendo de Ferrol (25) e Santiago, que empeorara durante a pasada semana, volve acougar os seus indicadores.