Menos dun cento de hospitalizacións con COVID por primeira vez desde agosto

Material para a toma de mostras de probas PCR no hospital de Ourense © Sergas

A enfermidade segue a retroceder nas UCI pero o Sergas comunica dúas novas mortes na última xornada, sete en catro días

A última actualización dos datos oficiais sobre a pandemia da COVID-19 en Galicia por parte do Sergas deixa a cifra de 98 persoas hospitalizadas co virus, o que supón baixar do cento de ingresos por primeira vez desde finais do pasado agosto. A enfermidade segue a retroceder paseniñamente nos principais indicadores, pero aínda hai datos negativos como a comunicación do falecemento de dúas persoas máis na última xornada -sete en catro días- que deixan o cómputo de mortes en 2.424 desde o comezo da pandemia.

Nos hospitais as persoas en UCI son na última xornada 15, cinco menos que un día antes e a metade que hai unha semana. Pola súa banda, en hospitalización convencional hai outras 83 persoas, cifra similar á da última semana.

Canto aos novos casos, o Sergas vén de sumar 91 na última actualización, en liña coas cifras das últimas xornadas nas que tamén se viña baixando do cento de novos positivos.

Canto á distribución territorial, na última xornada rexístrase unha caída significativa dos casos activos na área sanitaria de Vigo, a que peores cifras presentaba nese eido, en liña tamén coa súa maior poboación, que pasou de 635 a 574. Na cidade de Vigo tamén segue a baixar a incidencia de casos acumulados a 14 días, indicador no que agora a cidade con peores cifras é Pontevedra, mentres que a peor evolución estase a rexistrar en Ferrol. 

Neste último caso, inflúe o brote localizado na fragata Almirante Juan de Borbón, que obrigou a multiplicar as probas diagnósticas tras 16 positivos nunha tripulación de 170 persoas. 

En todo caso, todas as cidades oscilan entre os 50 e os 100 casos de incidencia acumulada, moi lonxe dos máis de 500 que chegaron a rexistrar hai só catro meses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.