Que hai detrás dos milleiros de PCR analizadas pola COVID? Profesionais de Microbioloxía e Medicina Preventiva contan como foi o traballo diario dentro dos hospitais
Dentro do laboratorio estás como nunha burbulla. Trabállase nunha campá de bioseguridade na que case non hai liberdade de movemento. Estás de pé co equipo de protección e tes un cristal que baixa por diante e protexe ata a altura do peito, cun oco no que metes as mans. O traballo relízase como dentro dun caixón. Aí se xestionan os tubos nos que veñen os hisopos das mostras da xente, que hai que ir sacando cunhas pinzas de cada tubo para metelos no que van ser analizados. Etiquetas, pipeteas e colocas cada tubo nunha grade de ata cen ocos. Pesa bastante, hai que collela coas dúas mans. O camiño ata a máquina que vai analizar esas PCR é o momento de máis tensión. O tempo xoga na túa contra e non queres ter que repetir o traballo. Necesítanse preto de cinco horas para completar todo o proceso. Se foi ben, o último paso é revisar os positivos e introducilos no sistema.
Os laboratorios de Microbioloxía son a sala de máquinas da pandemia. Encargados de analizar as probas PCR para buscar o coronavirus, viron como a súa carga de traballo se multiplicaba exponencialmente nun contexto cheo de incertezas. ″Traballábamos cun virus que non coñeciamos, e iso nun laboratorio é un problema porque nós temos divididos os patóxenos e cambia a forma na que traballamos en canto á bioseguridade. Nun principio empregamos un pequeno laboratorio de bioseguridade nivel tres″, conta a xefa do servizo de Microbioloxía da área sanitaria de Santiago e Barbanza, María Luisa Pérez del Molino.
″Traballamos nun desconcerto diario″, conta María Luisa Pérez del Molino sobre os primeiros meses da pandemia
″Traballamos nun desconcerto diario″, conta a doutora Del Molino sobre aquelas primeiras semanas de marzo de 2020. Cando soubo da situación en Wuhan (China) non se lle pasou pola cabeza a magnitude do que viña, pero si pensou en que poderían chegar algúns casos a Santiago. Por iso, a finais de febreiro se compraron reactivos a unha empresa de Alemaña, ″a única que tiña reactivos para estas probas PCR específicas naquel momento″.
A dispoñibilidade de reactivos –as diferentes solucións válidas para a análise das mostras dos doentes para inquirir se teñen coronavirus– foi o gran cabalo de batalla dentro dos laboratorios. ″Cando nos caeu a pandemia enriba xa tiñamos a técnica montada, pero non había reactivos suficientes nin nas fábricas. Ían cambiándonos os reactivos, ás veces cada semana, co que tiñamos que mudar os protocolos no laboratorio continuamente″.
"En Santiago houbo unha empresa de Corea do Sur que foi a que nos salvou a vida na primeira onda", detalla a xefa de Microbioloxía
Os países produtores de reactivos comezaron a pechar as súas fronteiras e non mandaban material fóra. ″Pasados os meses xa había unha empresa en España que producía reactivos de PCR, cousa que foi moi boa. Porén, en Santiago houbo unha empresa de Corea do Sur que foi a que nos salvou a vida na primeira onda″, di Pérez del Molino, quen incide en que nunca chegaron a quedarse sen reactivos, nin se deixou de facer ningunha PCR que se considerase necesaria.
"As xerencias dos hospitais pedíronnos que se fixeran PCR as 24 horas, os 365 días", di a doutora Pérez del Molino
Ata a irrupción da COVID nas nosas vidas, os laboratorios de Microbioloxía só facían urxencias ata as dez da noite. ″Pero automaticamente as xerencias dos hospitais nos pediron que se fixeran PCR as 24 horas, os 365 días. Co que houbo que preparar técnicos de laboratorio para facer todas as quendas. Comezamos a pandemia con xente moi moi nova, e moi comprometida″, indica a xefa de servizo de Santiago. Unha das técnicas de laboratorio de diagnóstico clínico que traballou desde o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo conta –aínda que prefire que non apareza o seu nome– que a incerteza ía desde non saber se ían chegar a tempo os repostos de reactivos á propia duración dos seus contratos.
″A técnica para facer PCR non é moi complexa pero require paciencia e concentración. Imaxina que metes unha placa para analizar con 90 mostras e, de pronto, porque non pipeteaches ben, porque os reactivos non se desconxelaron de todo ou porque cometiches un erro no proceso tes que repetir. Iso era esgotador. As supervisoras nos dicían que non abarcásemos de máis, pero co volume de mostras que chegaba ao principio era inevitable funcionar a un ritmo bastante inasumible″, di esta técnica.
"A falta de material foi constante. Tiñas que xogar con iso e ir adaptando a técnica", conta unha profesional de laboratorio de Vigo
Ela pasou os primeiros meses da pandemia no laboratorio do Hospital Meixoeiro, que centralizou a análise do cribado inicial a todas as residencias de maiores de Galicia. ″A falta de material foi constante, desde puntais de pipeta aos propios reactivos. Tiñas que xogar con iso e ir adaptando a técnica, como cando estás cociñando e queres fritir algo pero non tes tixola e apañas con outra cousa″, describe. ″O reactivo era tan escaso e caro que se trataba de non desprezar absolutamente nada″.
De marzo a xullo de 2020 o volume de traballo no laboratorio vigués era tal que ″podían quedar entre mil e dúas mil mostras pendentes de analizar dun día para o seguinte″. ″Todo isto coa tensión engadida do sistema Sergas en si, que é chegar e encher. Ti chegas e xa tes que sabelo todo: a formación ou a traes ti ou tela que coller voando″, engade esta técnica de laboratorio, quen indica que había ″improvisación″ en todos os departamentos porque non podía ser doutra maneira. Para ela, o que xa estaba mal e non mellorou coa pandemia, foi o sistema de contratacións de persoal: ″Contratouse mal, pero contratouse″.
"Ao principio facer máis de 300 PCR ao día era imposible. Pero na terceira onda chegáronse a facer 5.000", di a xefa de servizo de Microbioloxía de Santiago
Nun inicio a técnica de realización das PCR era moi manual, iso quere dicir que levaba máis tempo. Os etiquetados dos tubos por cada mostra dun doente facíanse a man, e os profesionais informáticos do Sergas tiveron que deseñar un sistema para o seguimento desas mostras. Os laboratorios axiña comezaron a empregar a técnica de pooling (agrupación de mostras) que permite aforrar en reactivos. ″Se misturamos en cada tubo as mostras de dez persoas, co mesmo número de PCR atendemos a dez veces máis pacientes″, detalla María Luisa Pérez del Molino.
″Ao principio da pandemia facer máis de 300 PCR ao día era imposible, non tiñamos a técnica automatizada e todo o proceso era máis lento. Pero na terceira onda chegáronse a facer 5.000 PCR diarias. A tecnoloxía xogou ao noso favor e temos o laboratorio optimizado dunha maneira impensable hai un ano″. A xefa de Microbioloxía de Santiago celebra que hoxe non só buscan positivos de COVID, xa van máis alá e identifican as variantes do virus aplicando técnicas de secuenciación.
Hoxe sería impensable que un hospital non tivera laboratorios de Microbioloxía, como estivo a piques de suceder no Álvaro Cunqueiro de Vigo
O peso do servizo de Microbioloxía dentro dos hospitais creceu case tanto como o papel que está a xogar coa pandemia. Para Pérez del Molino, que leva preto de 40 anos exercendo e comezou co VIH, ″sempre tivo peso porque a enfermidade infecciosa sempre estivo aí e foi importante″, mais gañou ″moitísima visibilidade″ con este coronavirus. Hoxe sería impensable que un hospital non tivera laboratorios de Microbioloxía, como estivo a piques de suceder cos recortes no proxecto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
A experiencia en Preventiva
″Palabras como epidemioloxía, incidencia acumulada ou brotes epidémicos non estaban no léxico da xente. Pero xa era o que nós manexabamos a diario. O que pasa é que o faciamos a pequena escala, dentro dos nosos propios hospitais ou con brotes comunitarios como os da lexionela ou a tuberculose″, salienta Cristina Fernández, xefa do servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da área sanitaria de Santiago e Barbanza.
″Moita veces dicimos que somos apagalumes″, di sobre os epidemiólogos a xefa de Preventiva de Santiago
O servizo de Medicina Preventiva era un descoñecido fóra do sistema sanitario, pero tamén gañou peso dentro dos hospitais pois ″xestiona e lidera o impacto de calquera tema hospitalario na seguridade dos doentes e dos traballadores″. A Medicina Preventiva ten dúas partes: por un lado está o que corresponde á vixilancia da hixiene, esterilización, infección adquirida no hospital ou incluso comunitaria, en canto aos estudos de contactos; e por outro a vixilancia e seguridade da saúde dos traballadores: ″Moita veces dicimos que somos apagalumes″.
No inicio da pandemia Cristina Fernández dirixía o servizo de Preventiva do madrileño Hospital Clínico San Carlos. ″Aprendín todo en Madrid nunha situación fóra de control. Fomos collendo o que nos dicían os organismos internacionais, o que xa sabiamos do manexo de brotes e a literatura científica. Todo sumado á nosa propia intuición, porque os protocolos poden ser moi xenéricos e sempre tes que tomar decisións adaptadas ao sitio onde estás″.
″Todo o principio da pandemia foi un ensaio/erro″, salienta Cristina Fernández
″Todo o principio da pandemia foi un ensaio/erro″, apunta Fernández, que chegou a Santiago o pasado verán. ″Por exemplo, moitos xa sabíamos en marzo que ían ser necesarias as máscaras pero había que agardar ao que dixeran os organismos internacionais. Dentro dos hospitais, a pequena escala, en abril xa vivíamos todos con máscaras″, conta.
Cristina Fernández foi a única contaxiada de COVID-19 no servizo de Preventiva en Madrid, caeron todos os membros do comité de crise do San Carlos, pero ela non espallou o virus polo seu servizo porque –celebra–funcionaron os protocolos. ″Está claro que tiñamos coñecemento, pero estabamos illados dos órganos de decisión (e non me refiro aos sanitarios). A nivel de ordes ministeriais chegábamos tarde, parecía que a pandemia ía a unha velocidade á que nós non éramos quen de responder efectivamente″, asevera.
"Foi un aprendizaxe moi grande e tendo que decidir sobre que facer cun quirófano ou cun doente no momento″, apunta a epidemióloga Cristina Fernández
″Había moitos pequenos detalles que decidir″, incide Fernández. O nivel de incerteza era moi alto e o ritmo de toma de decisións non paraba de medrar. Así que epidemiólgos de hospitais de todo o Estado uníronse nun grupo de WhatsApp para intercambiar información e experiencias: ″Intentamos organizarnos un pouco, foi unha aprendizaxe moi grande e máis tendo que decidir sobre que facer cun quirófano ou cun doente no momento″.
Un dos últimos retos para o equipo que dirixe Fernández foi o protocolo para sacar do illamento aos doentes de COVID. ″Un paciente con coronavirus non ten que estar todo o tempo ingresado nun espazo COVID. Foi un reto porque se nos equivocábamos podíamos xerar un brote intrahospitalario e, sen embargo, resultou fenomenal. Isto axudou moito a que o hospital puidera manter a actividade asistencial de non COVID na terceira onda″.
″Penso que todos os sanitarios sentimos a necesidade de estar aí, a responsabilidade de non perder de vista a cuestión. A min un día paroume a Garda Civil porque me saltei o toque de queda ao saír do hospital. Houbo que montar unha cama de UCI un sábado ás onde da noite e case me cae unha multa porque ademais aínda tiña no carné a dirección de Madrid. O sistema sanitario respondeu nesta pandemia como un todo e sen deixar de facer o que pensabamos que tiñamos que facer en cada momento″, razoa Fernández, que non baixa a garda coas vacinas, aínda que ve luz ao final do túnel.