O DOG coas novas restricións introduce unha obriga que ata agora non existía malia que moitas empresas xa a aplicaban por iniciativa propia mentres sinala que “a información do modelo de predición indica que a incidencia diminuiría tanto a 7 como a 14 días”
Aínda que moitas empresas e profesionais de todo tipo xa viñan aplicando esa medida de protección por iniciativa propia, a Xunta vén de incluír agora na normativa que regula as medidas de protección fronte a COVID-19 a obriga de empregar máscara nos lugares de traballo compartidos por varias persoas. Faino a través da orde coa que a última hora deste venres actualizou no Diario Oficial de Galicia (DOG) as restricións vixentes desde as cero horas do sábado en cada concello de Galicia, na que tamén reflicte que a incidencia da enfermidade segue entre estable e en lixeiro descenso e que o seu modelo de predición “indica que a incidencia diminuiría tanto a 7 como a 14 días, aínda que a 7 días mostra, cara ao final, unha estabilización, pero na liña do descenso”.
Sobre o uso de máscara, a nova norma indica agora que “nas actividades no ámbito laboral desenvolvidas en espazos comúns ou de uso colectivo ou en calquera outra dependencia en que estean varios traballadores/as ou traballadores/as e/ou clientes será obrigatorio o uso da máscara”. Xunto con esa nova medida ata agora non obrigatoria, o DOG tamén permite que calquera doente poida contar cunha persoa acompañante nos hospitais fronte a limitación existente anteriormente a menores, embarazadas e dependentes, e introduce lixeiros cambios na liña de reducir restricións nas atraccións de feira, que xa se permitiran reabrir en abril pero que só seguen sendo posibles en concellos en nivel baixo ou medio.
A situación da pandemia en Galicia sitúase entre estable e en lixeiro descenso e a Xunta salienta que "a transmisión diminúe" agás na área de Ourense
A orde que muda as restricións en vigor desde as cero horas deste sábado di atender aos datos recollidos no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública deste venres, un día despois da reunión do comité clínico, do que recolle unha descrición da situación da pandemia en Galicia entre estable e en lixeiro descenso. Así, sinala que “o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, está por debaixo do 1, o que indica que a transmisión diminúe” e que “unicamente a Área de Ourense presenta o Rt por riba do 1”.
A Xunta tamén sinala que “a incidencia acumulada global de Galicia, a 7 e 14 días, é de 36 e 81 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores tanto a 7 como a 14 días, con respecto ao informe de hai 7 días, en que era de 46 e 91 casos por cen mil habitantes”. Nos últimos datos oficiais feitos públicos este sábado, recollidos ata as 18 horas do venres, o lixeiro descenso dos principais indicadores tradúcese na comunicación de 184 novos casos, 158 detectados por proba PCR nas últimas 24 horas. A media de novos casos diarios nos últimos sete días é duns 130, mentres que hai unha semana era duns 150.
Na última xornada, na que realizou outras 6.200 probas PCR, o Sergas non comunica novos falecementos, que se manteñen en 2.410 desde o comezo da pandemia.
Hai 139 persoas ingresadas, unha trintena menos que hai unha semana, e non se rexistran novos falecementos
Canto á hospitalización, hai 139 persoas ingresadas, das que 31 están en coidados intensivos (unha máis que o día anterior) e 108 en hospitalización convencional (8 menos que na xornada previa). As cifras supoñen unha trintena menos de persoas ingresadas que hai unha semana.
130 dos 313 concellos non rexistraron casos nos últimos 14 días
A nivel xeográfico, a Xunta indica que do total de 313 concellos galegos, “130 non notificaron casos nos últimos 14 días”, e a cifra elévase a 185 sen casos na última semana.
Canto ás cidades, a estabilidade é tamén a nota dominante, con lixeiras tendencias ascendentes da incidencia a 14 días en Ourense e Santiago.