O ensino mantense desde hai un mes arredor dos 600 casos activos de COVID mentres Sanidade di non ter datos dos novos positivos

Aula baleira e casos de coronavirus nos centros de ensino CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Hai 29 aulas e dúas escolas infantís pechadas, na Cañiza e Santiago

Como fai a diario na xornada seguinte a cada día lectivo, a Consellería de Sanidade remitiu este sábado aos medios de comunicación un listado cos casos activos de COVID-19 ligados a cada centro de educación non universitaria de Galicia, un total de 572 este venres, na liña dos arredor de 600 que se veñen rexistrando desde hai un mes. Porén, ese é un dato que, pola influencia que teñen nel as altas de días anteriores, non reflicte tan ben a evolución da pandemia como o de novos casos activos, indicador que a mesma Consellería de Sanidade que divulga os casos activos di non ter. Así o vén de responder oficialmente a unha petición de transparencia formulada por Praza.gal, na que remite á Consellería de Educación e obvia que as escolas infantís dependen de Política Social, evidenciando así a fragmentación no seguimento da pandemia dentro do Goberno galego.

A información de casos activos que divulga Sanidade reflicte que este venres había pechadas 29 aulas e dúas escolas infantís, unha na Cañiza e outra en Santiago.

Canto aos centros con máis casos, o IES de Mos rexistra un total de 22, seguido polos 21 do CPR Plurilingüe Hijas de Jesús da Coruña, aínda que ningún dos dous ten ningunha aula pechada. Nese eido é o E.I. Dalila Reibón de Moaña o máis afectado, con tres aulas pechadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.