Seis de cada dez maiores de 16 anos recibiron xa en Galicia cando menos unha dose de vacina contra a COVID

Indicadores do Sergas no Pazo Paco Paz de Ourense, recinto que está a utilizarse como zona de vacinación, este 11 de xuño CC-BY-SA Xunta

Galicia rematará esta semana con máis do 60% da súa poboación maior de 16 ou máis anos, o grupo diana da vacinación contra a COVID-19, con cando menos unha dose xa posta. Segundo os datos actualizados este venres polo Ministerio de Sanidade, durante a xornada do xoves, 10 de xuño, o Sergas administrou algo máis de 31.700 doses máis e elevou a media dos últimos sete días a unhas 32.000 inxeccións por xornada.

A media diaria de doses administradas en Galicia elévase nos últimos sete días por riba das 32.000

Sempre segundo este balance, o maior avance nesas vinte e catro horas produciuse nas primeiras doses da poboación de 40 a 49 anos, incorporada esta semana á campaña de vacinación e cunha cobertura xa superior ao 27% con cando menos unha dose. Tamén destaca o incremento do grupo de 50 a 59 anos, onde a porcentaxe de persoas con pauta completa (dúas doses, agás na vacina de Janssen) xa supera o 40% e supera a do grupo de 60 a 69 (32,2%), que comezou antes a ser vacinado pero que se viu afectado polas disfuncións na distribución e administración da vacina de AstraZeneca.

Estas cifras supoñen que, ata o xoves 10 de xuño, en Galicia ían administradas case 2,2 millóns de doses de vacinas contra a COVID-19, o 93,9% das recibidas (algo máis de 3 puntos por riba da media estatal). Un total de 870.311 persoas teñen xa a pauta completa de vacinación (case o 37% da poboación diana, con datos do xoves) e ese 60% de persoas con cando menos unha dose equivale a 1,4 millóns de persoas.

O descenso da incidencia continúa malia ser máis lento

Mentres avanza o proceso de vacinación, a incidencia acumulada da COVID-19 segue contida, descendendo un chisco máis lentamente que en días anteriores pero, en todo caso, baixando e afondando nos seus niveis máis baixos dende agosto de 2020. Cómpre ter en conta, ademais, que daquela a capacidade diagnóstica do Sergas, como no resto de sistemas de saúde, era menor á actual. [No 85% dos concellos galegos a incidencia da COVID baixou ou mantívose tras un mes sen Estado de Alarma]

O indicador a 14 días rolda agora os 47 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días sitúase arredor dos 21. O feito de que a incidencia a 7 días sexa menos da metade que a 14 amosa que esa tendencia segue sendo descendente. Ambos indicadores atópanse na zona de risco baixo de transmisión, segundo os protocolos vixentes a nivel estatal sobre a base do sistema de alertas da UE. 

Por áreas sanitarias, a única variación á alza é a rexistrada na da Coruña-Cee, onde os datos reflicten a detección de algo máis dunha vintena de novos casos da COVID-19 en vinte e catro horas. Así e todo, nesa áreas a incidencia acumulada segue sendo baixa (arredor dos 40 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días). Todo isto sucede nunha xornada na que o Sergas notificou 104 casos novos e a media de diagnósticos a sete días rolda os 82 por xornada. Nos hospitais hai 69 persoas ingresadas con test positivo da COVID, 29 menos que unha semana antes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.