Galicia vólvese aproximar á velocidade de cruceiro que acadara a principios de maio na vacinación contra a COVID-19. A maior chegada de doses durante a pasada semana propiciou que na semana actual, o Sergas recupere un ritmo medio superior ás 30.000 doses administradas ao día. Así, apenas catro días despois de iniciar a inmunización da poboación xeral de 40 a 49 anos, algo máis dunha de cada cinco persoas neste grupo de idade ten xa posta cando menos unha dose de vacina: son xa o 20,8%, mentres que a media estatal rolda o 23%.
O Sergas volve superar a media diaria de máis de 30.000 doses administradas polo impulso da maior cantidade chegada a pasada semana
Atendendo aos datos divulgados este xoves polo Ministerio de Sanidade, en Galicia van xa administradas arredor de 2,16 millóns de doses de vacinas, o 95,6% das recibidas ata o mércores (algo máis de catro puntos por riba da media estatal). Algo máis de 30.200 destas doses foron administradas durante a propia xornada do mércores, na que o país se aproximou xa ao 60% da poboación diana da campaña de vacinación (a maior de 16 anos) con cando menos unha dose de vacina posta.
Nestas últimas xornadas segue a destacar o avance da campaña nos grupos de 50 a 59 anos, no que a cobertura con cando menos unha dose xa supera o 90%, e tamén no devandito grupo de 40 a 49 anos. Dáse a circunstancia de que o grupo de 40 a 49 anos supera xa en porcentaxe de persoas con pauta completa ao grupo de 60 a 69 (40,4% fronte a 32,1%). Boa parte deste grupo de persoas sexaxenarias agarda para recibir unha segunda dose de vacina de AstraZeneca, que aos poucos se van administrando tamén a persoas menores de 60 que a recibiran como colectivo esencial antes da recomendación de non administrala a estas idades.
O avance xeral da vacinación permite que xa máis da metade da poboación total de Galicia recibise cando menos unha dose de vacina e que, contando sobre a poboación maior de 16 anos, a porcentaxe de persoas que completaron a pauta (dúas doses, agás coa monodose de Janssen) rolde xa o 37%. Son, daquela, algo máis de 865.000 as persoas vacinadas por completo.
Nas próximas semanas, o Sergas continuará centrando a vacinación na poboación de 40 a 60 anos, incluíndo a denominada "repesca", isto é, persoas que xa foran citadas nunha primeira ocasión, pero non acudiran por motivos diversos (por non poderen, non recibiren a citación ou outras razóns). A continuación, o Goberno galego sinala o mes de xullo como horizonte para comezar a vacinar ás persoas menores de 40 anos, grupo de idade no que o chamamento mediante mensaxes SMS se combinará cun sistema de autocita a través de internet.
Incidencia á baixa tanto a 14 como a 7 días
A incidencia acumulada consolida a súa entrada na zona de risco baixo, cuns 48 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días
Mentres segue avanzando o proceso de vacinación, os principais indicadores epidemiolóxicos continúan claramente á baixa, coa única variación reseñable de que o ritmo de diminución é lixeiramente máis pausado nas últimas xornadas. Cos datos do último día completo dispoñible (o martes, día 8), a incidencia acumulada a 14 días consolida a súa entrada na zona de risco baixo, cuns 48 casos novos por cada cen mil habitantes, e o indicador a 7 días segue sendo menos da metade (21,22), o que indica diminución.
A foto fixa da xornada amosa 86 casos novos notificados polo Sergas, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Son unha vintena menos que na mesma xornada da semana anterior. Nos últimos sete días con datos completos, o Sergas diagnosticou unha media algo inferior ás 85 infeccións novas por xornada. Unha semana antes, este dato situábase arredor das 105.
Por áreas sanitarias, a incidencia a 14 días é relativamente estable en todas elas. Oscila entre os algo máis de 57 casos novos por cada cen mil habitantes na área e Lugo e os 42 que rexistra a área de Santiago-Barbanza.
Mentres, nos hospitais o acougo da pandemia segue sendo evidente. As 66 persoas con test positivo da COVID-19 que había ingresadas ás seis da tarde do mércores son 41 menos que unha semana antes e outro mínimo dende mediados de agosto de 2020. Quince desas persoas estaban ingresadas na UCI, cinco menos que sete días antes.