No 85% dos concellos galegos a incidencia da COVID baixou ou mantívose tras un mes sen Estado de Alarma

Mapas de evolución da COVID tras un mes sen Estado de Alarma e indicador para un cribado en Culleredo, o pasado inverno CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Culleredo | Montaxe: Praza Pública

O pasado 9 de maio foi o primeiro día sen vixencia do Estado de Alarma decretado a finais de outubro de 2020 polo Goberno de España para procurar frear o que daquela era a segunda vaga da pandemia do coronavirus e sobre o que se apoiaron tamén as restricións estatais e autonómicas na terceira vaga. Un mes despois, e de xeito paralelo ao avance da vacinación, a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) en Galicia é claramente inferior tanto a 14 (de 92 a 48 casos) como a 7 días (de 46 a 21).

Máis do 60% da poboación galega vive nos 98 concellos onde a incidencia da COVID a 14 días é agora máis baixa que hai un mes

Os datos globais de todo o país tamén se reflicten ao ollármolos sobre o mapa, concello a concello. No 85% dos municipios de Galicia, o número de casos novos da COVID-19 rexistrados nos últimos 14 días eran este 9 de xuño os mesmos ou menos que un mes antes, no primeiro día do Estado de Alarma. Cómpre ter en conta ademais que boa parte dos 169 concellos nos que a situación se mantivo son pequenos municipios onde a situación era xa moi favorable, xa que tiñan cero casos rexistrados a 14 días ou o Sergas incluíaos no grupo de "entre 1 e 9".

Entre os 98 concellos onde a incidencia a 14 días é máis baixa agora que no primeiro día sen Estado de Alarma están cinco das sete principais cidades, todas agás Santiago e Ferrol, que así e todo continúan en incidencias baixas. Mostra disto é que algo máis do 60% da poboación galega -tomando como referencia os datos poboacionais de 2020- vive en concellos onde a incidencia acumulada do coronavirus a 14 días é agora máis baixa que na fin do Estado de Alarma. 

Tan só o 15% reside nos 46 municipios onde ese indicador epidemiolóxico é agora máis elevado que hai un mes. En varios deles, non obstante, as diferenzas son escasas (caso dos concellos que, por exemplo, rexistraban cero casos novos a 14 días o 9 de maio e agora están na franxa de "entre 1 e 9").

O 22% da poboación, en concellos 'libres' da COVID

Esta mellora da situación epidemiolóxica de Galicia percíbese, en xeral, con maior dimensión nos concellos menos poboados. Así, en ata 150 concellos non se rexistraron casos novos nos últimos 14 días -con datos do 9 de xuño- e a cantidade elévase ata 206 contando os que non rexistraron ningún nos sete días previos, segundo as notificacións do Sergas. Nestes municipios, non obstante, reside unicamente o 22% da poboación de Galicia.

Mentres, o 78% restante da poboación vive en concellos onde, malia á diminución da incidencia, aínda se rexistran casos novos tanto a 14 como a 7 días. Estes 2,09 millóns de persoas viven, como amosa o mapa sobre estas liñas, sobre todo na contorna do eixo atlántico, na Mariña e mais no centro e leste da provincia de Lugo.

Os 'máis altos', cada vez máis baixos

A mellora epidemiolóxica xeral reflíctese tamén en que, nas últimas semanas, os concellos con incidencias máis altas apenas superan puntualmente os 300 casos por cada cen mil habitantes a 14 días

Todo isto sucede nun contexto no que a mellora xeral da situación epidemiolóxica e o avance da inmunización propician que os concellos con maiores incidencias acumuladas adoiten presentar, como norma xeral, valores moito menos elevados que poucos meses atrás. Así, por exemplo, con datos do 9 de xuño, a maioría dos concellos con incidencias acumuladas a 14 días máis altas non superan os 250 casos novos por cada cen mil habitantes (caso de Mos, Beariz, Zas ou O Vicedo). 

Xove quedaba nesa xornada ao fío dos 300 casos e unicamente Toques, segundo o Sergas, estaba no intervalo de entre 250 e 500 casos novos por cada cen mil habitantes. Cómpre ter en conta, ademais, que nos concellos de menor poboación, un número moi reducido de casos é dabondo para elevar estas taxas. É o que sucedeu nos últimos días, por exemplo, en Triacastela, Cenlle ou Cortegada.

Mostra da situación que, concello a concello, describen todos estes indicadores é que dende este sábado, 12 de xuño, a práctica totalidade de Galicia está baixo o nivel máis baixo das restricións da Xunta pola COVID. Ningún concello está xa en nivel máximo ou alto e só cinco (Viveiro, Xove, Oroso, Soutomaior e Mos) quedan en nivel medio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.