A redución dos efectos da pandemia nas aulas segue a liña do conxunto da sociedade, onde se mantén a caída da incidencia e da hospitalización
A dez días de que o 22 de xuño remate o curso na gran maioría do ensino non universitario as cifras de casos activos de COVID-19 ligados a centros educativos é de 269, segundo os datos divulgados este sábado pola Xunta, a cifra máis baixa desde finais de setembro, tamén uns dez días despois do inicio do curso. A redución dos efectos da pandemia nas aulas segue así a liña do conxunto da sociedade, onde se mantén a caída da incidencia, con 81 novos casos sumados na última xornada, e da hospitalización, con só 68 persoas ingresadas, ao tempo que seis de cada dez maiores de 16 anos recibiron xa en Galicia cando menos unha dose de vacina contra a COVID.
As cifras que ofrece a Xunta sobre o impacto da pandemia nos centros de ensino son parciais, xa que nin Educación nin Sanidade teñen datos dos novos contaxios, variable máis precisa que a de casos activos que pode estar enmascarada polas altas e baixas. Porén, os 269 casos actuais contrastan claramente co pico de 3.952 casos activos que chegou a haber a comezos de febreiro.
Segundo os datos divulgados este sábado, o venres había só catro aulas pechadas e ningún centro educativo afectado por completo.
Canto aos centros máis afectados, o que máis casos activos rexistra é o CEIP Seis do Nadal de Vigo, con seis pero ningunha aula pechada, seguido de dous centros en Oleiros e Ourense con cinco casos cada un. As catro aulas pechadas están en centros de Ferrol, Soutomaior, Mos e Redondela.
No conxunto da sociedade o Sergas comunica este sábado a suma doutros 81 novos casos á serie histórica e dous novos falecementos de persoas maiores con patoloxías previas que ademais deron positivo por COVID, o que eleva a cifra de mortes desde o comezo da pandemia a 2.430.
E as cifras tamén seguen á baixa na hospitalización, con 68 persoas ingresadas, unha menos que o día anterior pero unha quincena menos que hai unha semana. Na UCI son 16 os casos actuais, dous máis que na xornada previa pero manténdose en cifras similares ás que se veñen rexistrando desde hai dez días.