A incidencia da COVID, en risco baixo e diminuíndo en seis das sete áreas sanitarias ás portas da nova fase da 'desescalada'

Traballadoras da área sanitaria de Ourense, nunha imaxe divulgada polo Sergas o pasado 8 de marzo CC-BY-SA Sergas

A "revisión integral" do esquema de restricións da Xunta pola COVID-19 "verá a luz" a vindeira semana. Así o confirmou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na liña do anunciado a principios de mes polo presidente do Goberno galego. "A normalidade está máis cerca", admite o titular de Sanidade, que entre chamadas á prudencia ata a conclusión da vacinación, admite que este novo "documento de desescalada" traerá consigo novas relaxacións nas medidas. Esa flexibilización, sinala Alberto Núñez Feijóo, chegará tamén ás residencias da terceira idade, onde tras a fin da vacinación chegará unha práctica "volta á normalidade" en actividades, encontros ou visitas.

A Xunta ultima o documento no que plasmará a seguinte relaxación das restricións e o Goberno de España avanza que "pronto" rematará a obriga xeral de uso da máscara en espazos exteriores

Cabe agardar que entre esas mudanzas estea a fin da obriga xeral do uso de máscara en espazos exteriores. A Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial de Saúde aínda non a abordou formalmente, pero este mesmo mércores o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, avanzaba que ese cambio chegará "pronto". 

Ás portas desa nova fase na desescalada, os grandes números da evolución epidemiolóxica de Galicia seguen sendo positivos. Os datos globais galegos falan de tendencias descendentes nas incidencias acumuladas tanto a 7 como a 14 días. Sitúanse un chisco por baixo dos 20 e e un pouco por riba dos 42 casos novos por cada cen mil habitantes, respectivamente para o conxunto do país e a súa tendencia é lixeiramente descendente mentres seguen en niveis de risco de transmisión baixa, segundo os protocolos vixentes (por baixo de 50 a catorce días e de 25 a sete).

A incidencia acumulada a 7 e 14 días segue baixando no global galego e só aumenta na área sanitaria da Coruña-Cee

A situación tamén é de risco de transmisión baixo e tendencia descendente en seis das sete áreas sanitarias. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, só na área sanitaria da Coruña-Cee medra con claridade a incidencia acumulada a 7 días, que se sitúa agora nuns 35 casos novos por cada cen mil habitantes. A evolución da cidade da Coruña e dalgúns concellos da Costa da Morte están por tras dese cambio de tendencia na área coruñesa.

Nas restantes, ou descende con claridade ou se mantén estable nunha contorna de valores baixos. O mesmo sucede coas incidencias acumuladas a 14 días.

Alén da alteración na área sanitaria coruñesa -onde, non obstante, a incidencia é moi inferior que en calquera das anteriores vagas da pandemia-, o resto de indicadores para o conxunto de Galicia seguen falando de acougo. Este mércores, o Sergas notificou 65 casos novos e, nos últimos sete días con datos completos, diagnosticou unha media diaria de pouco máis de 76 infeccións novas ao día. Unha semana antes, este indicador medio roldaba as 85. Cando rematou o Estado de Alarma, o 9 de maio, eran case 180.

Mentres isto sucede, a positividade media das probas PCR (porcentaxe das que dan positivo) leva xa uns tres meses notablemente por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar por controlada a pandemia nun determinado territorio. O valor medio a sete días para o conxunto de Galicia rolda agora o 1,7%.

Outro mínimo de hospitalización dende agosto de 2020

O acougo nas principais cifras epidemiolóxicas continúase reflectindo nos indicadores asistenciais. O número de casos considerados como positivos activos segue a descender aos poucos e ás seis da tarde do martes estaba xa en 1.346. É o valor máis baixo dende mediados de agosto do ano pasado, cando a capacidade diagnóstica era moito máis baixa que na actualidade.

Dentro deste total de casos activos, un total de 62 persoas estaban ingresadas nos hospitais galegos. Son cinco menos que un día antes e nove menos que o mesmo día da semana anterior. Quince delas son atendidas en unidades de coidados intensivos, o mesmo número que sete días antes.

O Sergas dá conta de todos estes indicadores mentres encadea seis días seguidos sen novos falecementos de persoas coa COVID-19. Cómpre ter en conta que estes datos se consolidan durante uns días, polo que estas cifras das xornadas máis recentes aínda poden variar. Polo momento, dende o pasado día 10 de xuño o total de falecementos oficialmente ligados á pandemia en Galicia segue sendo de 2.430 persoas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.