Anunciado por Feijóo en marzo tras un ano con contratos de emerxencia, o concurso por 13,8 millóns non pasou da fase de valoración das ofertas, aínda non desveladas e cuxa gañadora terá 45 días para poñer en marcha o dispositivo
Coa incidencia da COVID-19 nos seus niveis máis baixos desde o pasado verán e en descenso, e coa vacinación notablemente avanzada con máis da metade da poboación xa cunha dose, Galicia afronta o segundo verán da pandemia sen contar aínda cun sistema estable de rastrexo dos posibles contactos das persoas afectadas. Tras sucesivos contratos de emerxencia con empresas teleoperadoras, a Consellería de Sanidade non decidiu dotarse del ata que “a situación se complicou” no pasado Nadal, o presidente Feijóo anunciouno en marzo e tres meses despois o concurso, por 13,8 millóns, non pasou da fase de valoración das ofertas das posibles empresas interesadas, aínda non desveladas e cuxa gañadora terá 45 días para poñer en marcha o dispositivo. Mentres, a Xunta vén de activar xa o seguro para turistas que encargou por 1,4 millóns.
Cando o 11 de marzo o presidente anunciou o concurso salientou que facilitaría "a obtención de prezos máis baixos" que os contratos de emerxencia que se veñen realizando desde hai máis dun ano
Cando o 11 de marzo o presidente anunciou a licitación do sistema estable de rastrexo salientou que o servizo xa se viña prestando durante o primeiro ano da pandemia con contratos de emerxencia e que o novo concurso que se ía convocar “facilita a concorrencia [de empresas] e a obtención de prezos máis baixos para a administración”. Ese concurso -coa modalidade de acordo marco, co que se pagará en función do número de chamadas finalmente realizadas ou recibidas, polo que os 13,8 millóns són só unha estimación da Xunta- convocouse o 22 de marzo e as ofertas podían enviarse ata o 19 de abril, pero dous meses despois e tras celebrarse varias mesas de contratación para analizar a documentación o Sergas aínda non desvelou os nomes das empresas interesadas.
Cando remate o proceso de valoración das ofertas, e se non hai recursos polo medio dalgunha empresa, tras a formalización do contrato a gañadora terá aínda 45 días para “implementar o fluxo [de traballo] e dispoñer de todos os medios para poñer en marcha o servizo”.
O servizo prestado ata agora con contratos de emerxencia evidenciou todo tipo de eivas denunciadas polo seu persoal e no novo concurso tampouco se requiren coñecementos sanitarios
A contratación dun servizo estable de rastrexo chega despois de que o prestado ata agora con contratos de emerxencia evidenciase todo tipo de eivas denunciadas polo seu persoal. A documentación oficial do novo concurso permitiu comprobar as condicións de traballo desas persoas que veñen prestando o servizo, con contratos temporais de 900 euros brutos por 30 horas á semana como modalidade máis habitual.
No novo dispositivo agora aínda pendente de contratar a Xunta seguirá sen requirir coñecementos sanitarios ao persoal encargado das chamadas. Si esixirá á empresa que leve o contrato que sexa quen de atender o volume de chamadas que lle poida encargar, pero deixa en mans dela se ten que contratar ou despedir persoal e como.
Sanidade dará ata 15 horas á empresa gañadora para comunicarlle posibles gromos de COVID, fíxalle uns mínimos de catro intentos e seis tons para as chamadas a posibles contactos de casos positivos e pídelle como “accións adicionais” a “detección de contactos nos que se sospeita que non están realizando a corentena”.