Sanidade dá ata 15 horas á empresa que se encargue do rastrexo da COVID para comunicar posibles gromos

A documentación do contrato do rastrexo da COVID inclúe o cuestionario a realizar ás persoas contaxiadas e os seus contactos CC-BY-SA Foto: Christina @ wocintechchat.com/Unsplash | Montaxe: Praza Pública

A Xunta fíxalle á teleoperadora coa que contrate o servizo uns mínimos de catro intentos e seis tons para as chamadas a posibles contactos de casos positivos

O sistema estable de rastrexo da COVID-19 que a Xunta quere contratar agora, un ano despois do inicio da pandemia e tras encargar eses traballos a través de procedementos de emerxencia ata que “a situación se complicou”, como recoñece o propio Goberno galego, recolle de xeito pormenorizado as actuacións a realizar pola empresa teleoperadora que gañe o concurso. Os pregos de condicións recollen tanto o protocolo a seguir en función das respostas da persoa afectada e da evolución de cada caso como os procedementos de chamada e de interrelación da empresa co Sergas, que lle dá ata 15 horas para que lle comunique a detección de posibles gromos de dous ou máis casos relacionados entre si. 

Segundo resume Sanidade, “a finalidade do servizo é dar cobertura global á realización das enquisas de todos os casos detectados a través do sistema sanitario, identificar os seus contactos estreitos aos que realizará unha nova enquisa e os seguirá de forma telefónica diaria ao longo do período de corentena”. Para iso, Sanidade calcula nuns 24 minutos as enquisas a realizar a cada caso positivo de COVID para coñecer os seus posibles contactos, nuns 11 minutos as chamadas iniciais a eses contactos e nuns 2 minutos cada chamada diaria de seguimento das persoas en corentena. Chamadas todas elas que a empresa deberá estar en disposición de realizar ou atender de 9 a 22 horas de luns a domingo.

Algunhas das preguntas que deberá realizar o persoal da empresa que contrate a Xunta para o rastrexo da COVID-19 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Chamadas a casos positivos

Os pregos de condicións establecen que desde a recepción por parte da empresa da relación de novos casos, esta deberá realizar “un primeiro intento de comunicación para realizar a enquisa do caso [a dos 24 minutos] no prazo de 6 horas, polo menos para o 90% dos casos e cubrindo o 100% nun prazo máximo de 15 horas”. Para esas chamadas establécese “un mínimo de catro intentos de chamada en diferentes momentos do día (mañá e tarde) con, polo menos, dúas horas de intervalo entre elas, no prazo das 24 horas seguintes á recepción do caso”. Ademais, “a duración do intento de chamada abarcará, como mínimo, 6 tons”.

Se non se consegue contactar coa persoa considerada caso positivo tras eses catro intentos en 24 horas, “e tras verificar que non existe un número telefónico alternativo no sistema de información poboacional da Consellería de Sanidade”, a empresa avisará á Xefatura Territorial de Sanidade correspondente. No caso das persoas positivas por COVID-19 ingresadas en hospitais ou residencias, a empresa derivará o seguimento a outras estruturas de Sanidade.

Os pregos de condicións tamén reflicten que a empresa comunicará a Sanidade “a existencia de dous ou máis casos asociados a un mesmo lugar (unha empresa, ximnasio, colexio, facultade, colexio maior, bar/restaurante), ou outro tipo de coincidencias que indiquen a posibilidade dun gromo, nos últimos 14 días”, e sinalan que “a comunicación deberá realizarse nun prazo non superior a 15 horas desde a detección do segundo caso”.

Fragmentos da memoria xustificativa do contrato de rastrexo da COVID que está a tramitar a Xunta CC-BY-NC-SA Praza Pública

Chamadas a posibles contactos

Entre as “accións adicionais” que piden á empresa está a “detección de contactos nos que se sospeita que non están realizando a corentena”

A empresa que preste o servizo deberá realizar o seu primeiro intento de comunicación co 90% dos contactos “no prazo de 6 horas tras a súa identificación” despois das enquisas aos casos positivos, “debendo acadar o 100% nun prazo máximo de 15 horas”. O procedemento para estas chamadas é similar ao dos casos positivos, con catro intentos de chamada en 24 horas e 6 tons como mínimo por chamada. 

Se non se consegue falar coa persoa, a empresa deberá verificar o teléfono chamando novamente ao caso positivo do que deriva ese posible contacto e segundo a información adicional que este achegue realizaranse novos intentos e “enviarase un SMS cunha solicitude de resposta telefónica”, antes de rematar avistando igualmente as xefaturas territoriais de Sanidade.

Seguimento da corentena de contactos

O seguimento da corentena das persoas consideradas contactos de casos positivos recolle un procedemento similar de chamadas pero, neste caso, “cada día que dure a corentena”. Se non se consegue contactar durante dous días consecutivos, alertarase a Sanidade.

A Xunta tamén lle establece á empresa como “acción adicional” a realizar a partir das conversas que manteña coas persoas afectadas a “detección de contactos nos que se sospeita que non están realizando a corentena e informar á Xefatura Territorial de Sanidade Correspondente” así como detectar “as circunstancias nas que non é posible realizar a corentena”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.