O documento oficial que autoriza a contratación do dispositivo non cita as circunstancias que agora esgrime o presidente, quen insinúa que sen elas o rastrexo seguiría outorgado a dedo por procedementos de emerxencia
O documento oficial co que a Xunta xustifica que o dispositivo de rastrexo da COVID-19 deixe meses despois de estar contratado a dedo a través de procedementos de emerxencia e pase a ser estable a través cun concurso público di que o que fixo ao Goberno galego dar o paso foi “o gran número de casos e a incerteza ante a aparición de novas ondas” tras o Nadal, despois de que “a situación se complicou novamente” tras un verán anterior máis tranquilo. Porén, preguntado este xoves o presidente Feijóo polo motivo polo que a Xunta agardou ata ese momento para contratar un servizo estable, a súa resposta introduciu dous novos elementos non contemplados no expediente oficial: as novas variantes do virus e a escaseza de vacinas.
“Vimos que isto vai para longo”, di Feijóo e “tomamos a decisión” de sacar agora o contrato para ter un sistema estable
“Acreditamos coa variante británica nesa terceira onda que a porcentaxe de contaxios se disparara, que empezaba a haber unha serie de variantes que empezaban a modificar o comportamento do virus”, respondeu Feijóo na súa comparecencia tras o Consello da Xunta deste xoves, ao que engadiu a lentitude de chegada de vacinas a respecto do previsto inicialmente. “Vimos que isto vai para longo”, dixo, e “tomamos a decisión” de sacar o contrato, explicou.
O presidente insinuou que sen a aparición das novas variantes e cun maior ritmo de chegada de vacinas, elementos que non cita o documento oficial que autorizou o contrato, a Xunta seguiría a manter o sistema de rastrexo en precario, con contratos de emerxencia. Feijóo chegou a responder este xoves que agora “necesitamos incrementar o sistema de rastrexo con publicidade e transparencia”, admitindo así que nos últimos meses consentiu que se mantivese sen esas características e malia as denuncias sobre o seu funcionamento.
“En dous anos non podemos estar facendo contratos de emerxencia”, di agora o presidente
Feijóo tamén salientou que o contrato agora a concurso ten un prazo de vixencia dun ano (por uns 13,8 millóns de euros) prorrogable por outro, ao que engadiu que “en dous anos non podemos estar facendo contratos de emerxencia” como os que o servizo acumula no último ano.