Galicia entra nunha carreira electoral en terreo descoñecido

Cincuenta e seis candidaturas concorren aos comicios do 12X CC-BY-SA Praza Pública

Dende as cero horas deste 26 de xuño Galicia está en campaña cara ás eleccións nas que, o vindeiro 12 de xullo, o electorado está chamado a conformar o Parlamento da undécima lexislatura autonómica, ao que lle corresponderá elixir o novo Goberno. As principais forzas políticas desenvolveron esta media noite actos máis ou menos semellantes aos de anteriores ocasións. Alén das innovacións puntuais en formatos, tecnoloxía ou discursos; a presenza de máscaras, a escasa concorrencia de militancia e a distancia entre as persoas evidenciaron que o país se interna nunha carreira electoral que vai transcorrer por terreo descoñecido no formal e no político por mor da pandemia do coronavirus.

A carreira electoral vai transcorrer por terreo descoñecido no formal e no político por mor da pandemia e cunha bolsa de electorado indeciso moito máis ampla do habitual

A campaña comeza coas enquisas a apuntar á posibilidade de que o PP logre a súa cuarta maioría absoluta consecutiva, o que suporía para Alberto Núñez Feijóo encadear tantas vitorias como lograra Manuel Fraga entre 1989 e 2001. Pero os inquéritos -a comezar polo do CIS, o máis amplo- indican máis cousas. Entre outras, que as bolsas de electorado indeciso son moito máis amplas do habitual -máis dun 30%, segundo o barómetro preelectoral do devandito organismo estatal- cun pano de fondo no que a abstención xa non só depende, a priori, das ansias de cambio ou continuidade política e nin sequera do tempo meteorolóxico que faga o día dos comicios, inusualmente recolocados nun domingo en pleno verán a causa da propia pandemia. 

Pola dereita, o reto dos de Feijóo é non só atraer para si todo o voto que lles marchou cara a Ciudadanos e a extrema dereita de Vox nas eleccións xerais celebradas durante 2019. Tamén seren quen de transmitir ao seu electorado que a maioría non está "feita" e de faceren ver que votar o PP nas eleccións galegas non é exactamente o mesmo que facelo nas xerais, con Pablo Casado á fronte, porque o de aquí é Feijóo. Caso contrario, perciben o risco de mobilizar de máis á esquerda.

O PP procura que o seu electorado non dea por feita a maioría, pero sen axitar en exceso a campaña para evitar mobilizar á esquerda

Non en van, ao contrario que noutras convocatorias, dende a dirección do PP en Galicia admítese abertamente que mesmo na cartelaría electoral as siglas do partido ficaron nun papel residual. Nesta liña, Feijóo comeza a campaña proclamando non querer unha Galicia "dividida en partidos" e asegurando que vai fuxir da confrontación con outras opcións políticas.

Neste espectro xogan tamén Ciudadanos e Vox. Aínda que os estudos demoscópicos auguran que ningún dos dous partidos logrará superar en ningunha circunscrición o limiar do 5% que dá dereito a escanos, ambas aspiran a condicionar a campaña e, no caso da formación da extrema dereita, a súa presenza en diversas localidades será intensa ata o 12X.

Un dos actos de inicio de campaña do 12X do PP, este xoves en Vigo CC-BY-SA PPdeG

Pola banda da esquerda, se algo é seguro é que o 12X Galicia asistirá á enésima reconfiguración de forzas. Resta saber a transcendental cuestión de se son quen de recolocárense ata sumar 38 escanos ou ben, como en 2012 e 2016, as diferentes opcións se limitan a reordenar as bancadas da oposición ao PP de Feijóo. 

O PSdeG confía na campaña para repetir os éxitos de 2019

No PSdeG, Gonzalo Caballero debuta na candidatura á presidencia da Xunta co desafío de que a campaña valla para reactivar o electorado que, hai apenas un ano, permitiu á formación lograr o fito histórico de ser o máis votado en Galicia, nos comicios xerais do 28A. A crise do coronavirus, a omnipresencia de Feijóo dos últimos meses e os números das enquisas que lles prognostican escaso crecemento erosionaron os ánimos dunha base electoral e militante que os de Caballero aspiran a axitar dende esta fin de semana, na primeira presenza de Pedro Sánchez na campaña galega cun mitin en Ourense que será tamén o seu primeiro acto deste tipo dende a fin do estado de alarma pola covid-19.

Gonzalo Caballero, este xoves en Vigo, nun dos actos previos ao comezo da campaña do PSdeG para o 12X CC-BY-NC-SA PSdeG

Gonzalo Caballero: "Pido o voto a todos os que apoiaron o Partido Socialista nas citas electorais do ano pasado; temos a forza para gañar e gobernar"

Caballero, acostumado a lograr resultados políticos con teimosía, di confiar na campaña para lograr o empurrón que o sitúe na presidencia dun "goberno progresista". Por iso o PSdeG prevé desenvoler unha intensa axenda de actos co seu candidato, sen máis limitacións que as impostas para evitar contaxios do coronavirus. "De acurtar a campaña, nada", resumen fontes coñecedoras dos plans de Caballero ata o 12X.

"Pido o voto a todos os que apoiaron o PSdeG-PSOE nas citas electorais do ano pasado; o seu apoio fixo posible vencer ao PP en Galicia por primeira vez na historia e que máis da metade dos galegos e galegas teñan alcalde ou alcaldesa socialista", lembrou Caballero no acto inaugural da campaña socialista, en Santiago. Nas próximas dúas semanas, sinalou, o PSdeG vai amosar que ten "o proxecto para dar un futuro de oportunidades a Galicia" e tamén "a forza para gañar e gobernar".

O BNG ve posible "facer historia" liderando "o cambio galego"

A nacionalista Ana Pontón é a única aspirante á presidencia que recunca como cartel electoral a respecto de 2016 e tamén é a primeira líder que confronta electoralmente en máis dunha ocasión co PP galego dende que Feijóo o lidera. Mentres noutras formacións da esquerda os ánimos foron á baixa durante parte das últimas semanas, no seo do BNG a sensación é a contraria e a súa candidata di estar convencida de que pode ser presidenta da Xunta e "facer historia" á fronte dun novo Goberno da esquerda encabezado polo Bloque.

Ana Pontón: "Sei que somos a candidatura que máis ilusión e esperanza esperta para derrotar o PP e abrir un tempo novo

Tras lograr hai catro anos 6 meritorios escanos no escenario electoral máis adverso para a formación en dúas décadas, no Bloque soñan co sorpasso ao PSdeG que a formación xa lograra a mediados dos anos 90 do século pasado, pero desta volta non para liderar a oposición, senón para gobernar. "É tempo de ilusión e de rebeldía", reiterou Pontón na compostelá Praza das Praterías no acto de apertura de campaña, no que proclamou que nón só "hai partido" nestes comicios, senón que "saímos a gañalo".

Pontón, con Xosé Luís Rivas (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense) e Luís Bará (Pontevedra), amosando os carteis electorais do BNG para o 12X CC-BY-NC-SA BNG

Nesta liña, Pontón alenta a militancia a formación. "Quero dicirvos, coa man no corazón, que o cambio galego é posible se todas e todos nos mobilizamos, co BNG pódese construír unha Galiza mellor", animou para lanzar a primeira petición de voto para "a candidatura catalizadora do cambio". "Sei -asegurou- que somos a candidatura que máis ilusión e esperanza esperta para derrotar o PP e abrir un tempo novo".

Galicia en Común chama á mobilización "na campaña máis decisiva da democracia"

A esquerda rupturista estréase nestas eleccións baixo as siglas de Galicia en Común-Anova-Mareas, a coalición liderada por Antón Gómez-Reino como candidato á presidencia da Xunta para a que os inquéritos auguran unha representación parlamentaria notablemente menor á lograda hai catro anos por En Marea, formación na que se integraran daquela Podemos, Anova e Esquerda Unidas, entre outras formacións. 

Gómez-Reino, flanqueado por Eva Solla e Iria Figueroa este xoves en Vigo CC-BY-NC-SA GeC

Gómez-Reino: "O obxectivo do PP é desmobilizar o electorado de esquerdas, pero non o vai lograr"

No primeiro acto da campaña, celebrado en Vigo, Gómez-Reino alertou de que "o obxectivo" do PP e do seu candidato "pasa por desmobilizar o electorado de esquerdas" para manter o poder, "pero non o vai lograr". A que agora comeza, sinala o candidato, é "a campaña máis decisiva da historia da democracia en Galicia" tras a que pode rematar unha década "de maltrato á nosa sanidade pública, a que nos sostivo durante a pandemia", exemplificou. 

"Precisamos un presidente que exerza o liderado para construír a Galicia post-covid" e para iso, pediu, cómpre "votar o 12 de xullo para botar o PP da Xunta" e "dicir alto e claro bye bye, Feijóo", alentou.

Marea Galeguista di aspirar a estar nun Parlamento "vivo e diverso"

Marea Galeguista, a coalición de En Marea con Compromiso por Galicia e Partido Galeguista, comezou a campaña asegurando que, malia que as enquisas indican o contrario, manteñen a esperanza de lograr representación parlamentaria para que a Cámara sexa "viva e diversa". A formación, que presenta a Pancho Casal como cabeza de cartel, reivindica as "potencialidades de Galicia como país". Na seguinte lexislatura, sinala Casal, o "foco" debe estar "nas emerxencias social, feminista, ambiental e democrática que vive Galicia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.