O candidato socialista presenta o PSdeG como “a casa común do progresismo” e “punto de encontro para a Galicia do futuro”
A campaña electoral que comeza na medianoite deste xoves a venres será clave para mobilizar o seu electorado. Así o considera, poucas horas antes do seu inicio e da tradicional pegada de carteis, o candidato socialista, Gonzalo Caballero, que acompañado polos cabezas de lista das catro provincias compareceu na praza do Obradoiro para apelar a “todos aqueles que votaron ao PSOE” nos sucesivos comicios xerais, locais e europeos do pasado ano e garantirlles que, se o volven facer, o seu partido “liderará a maioría de progreso” que gobernaría a Xunta.
Caballero salientou este xoves que as enquisas amosan que malia que a maioría dos galegos cren que Feijóo pode gañar as eleccións, “só o 34% queren que presida a Xunta”, polo que confiou na “enorme capacidade de activación, de motivación” dos seus na campaña para facelo a el mesmo presidente. Nesa liña, o socialista salientou que “o 50% din que van decidir o voto durante a campaña” e asegurou que “a última semana das eleccións xerais de novembro foi fundamental” para darlle a vitoria a Pedro Sánchez, polo que pediu que os que o votaron daquela o apoien agora a el.
Caballero di que liderará un “cambio tranquilo” sen “ningún proxecto contra ninguén”
O líder socialista tamén se referiu á crise económica provocada polo coronavirus e apelou a que Galicia teña “un goberno que protexa á cidadanía”. Caballero asegurou que o que el presidise impulsaría un “cambio tranquilo” sen “ningún proxecto contra ninguén”, incidindo na mensaxe de presentar o PSdeG como “punto de encontro para esa Galicia do futuro”.