O Centro de Investigación Sociolóxicas (CIS) do Goberno de España publicou o pasado mércores a súa habitual enquisa preelectoral previa ás eleccións galegas. O inquérito apuntaba a unha cómoda maioría absoluta do PP, con entre 2 e 4 escanos máis dos precisos para mantela (40-42) pero, ao mesmo tempo, outorgaba ás tres forzas da esquerda que obterían representación -PSdeG, BNG e Galicia en Común- un intervalo de escanos que, na súa banda máis alta, rozaría tamén o limiar dos 38 asentos no lexislativo que dan dereito a formar Goberno.
Os escanos que outorgaba ao PP (40-42) non cadraban coa suma das estimacións provinciais; a versión corrixida (39-42) si o fai sen alterar a representación para outras forzas nin as porcentaxes de voto
Esa estimación de escanos non se correspondía, no caso do PP, coa suma mecánica dos resultados que o propio CIS apuntaba para cada unha das provincias, senón que situaba o intervalo dos de Alberto Núñez Feijóo comezando nun escano por riba desa agregación, 40-42 no canto de 39-42. Unhas horas despois da publicación do barómetro, o instituto demoscópico estatal corrixiu o erro, situando os populares entre un e tres escanos por riba dos 38 da absoluta e deixando a PSdeG, BNG e GeC nas mesmas posicións.
O novo documento sostén igualmente que o PP caería case 1,6 puntos co PSdeG como segunda forza, o BNG como candidatura que máis medra e GeC como cuarto e último grupo do Parlamento
Esta corrección da suma para o total de Galicia non altera as estimacións de voto válido elaboradas polo CIS para cada unha das forzas políticas. O PP, segundo a enquisa, lograría ata o 46% dos sufraxios (1,56 puntos menos que hai catro anos) e o PSdeG retornaría á segunda posición, en cabeza dunha eventual alternativa pola esquerda, co 19,5% dos apoios (en 2016 tivo o 17,87%).
O BNG, segundo este estudo demoscópico, seguiría sendo a forza que máis medra en votos e escanos, chegando ao 16,8% (algo máis do dobre do 8,33% que tivo nas anteriores eleccións). Galicia en Común sería o cuarto e último grupo do Parlamento, co 7,2% dos votos (case doce puntos menos que os obtidos por En Marea como partido en 2016). Marea Galeguista (2,9% no total galego), Vox (1,4%) e Ciudadanos (2,2%) serían as seguintes forzas por esta orde, todas elas lonxe de obter representación en calquera circunscrición.
O CIS estima que o PP tiña en perigo escanos por Ourense e Pontevedra
A corrección non altera o reparto de escanos por circunscricións que o CIS estimou na primeira publicación da enquisa. Así, estima que o PP tería en perigo no momento de realización da enquisa (do 10 ao 19 de xuño) senllos escanos en Ourense e Pontevedra, mentres que mantería os mesmos que hai catro anos na Coruña e podería quedar igual ou avanzar un en Lugo.
Mentres, os posibles crecementos do PSdeG aúntaos o CIS como seguro en Pontevedra e como probable en Lugo e Ourense. O BNG, segundo o inquérito, duplicaría representación en todas as circunscricións e estaría en condicións de ir un chisco máis alá na Coruña e Lugo. Galicia en Común, pola súa banda, tería asegurada a representación polas circunscricións atlánticas, podería aspirar a un posto por Ourense e non chegaría ao limiar do 5% en Lugo.
A devandita corrección tampouco atinxe á ampla bolsa de indecisión que retrata o inquérito. Mentres que no ano 2016 as respostas "non sabe" e "non contesta" sumaban un 23% do electoral, neste 2020 superan o 40% en voto directo. Así, o 31,6% do electorado aínda non sabería que opción escoller e outro 12,7% non responde á pregunta.