O CIS publicou este mércores a súa sondaxe preelectoral para as eleccións ao Parlamento galego do vindeiro 12 de xullo. O estudo prognostica unha clara maioría absoluta para o PP de Alberto Núñez Feijóo, que chegaría ao 46% dos votos e entre 40 e 42 escanos (no 2016 obtivo o 47,5% e 41 deputados). O descenso na estimación de voto para os populares non tería o mesmo efecto nos escanos que lle son asignados, en boa medida pola maior fragmentación do voto nas restantes forzas.
O descenso na estimación de voto para os populares non tería o mesmo efecto nos escanos que lle son asignados, en boa medida pola maior fragmentación do voto nas restantes forzas
O PSdeG-PSOE recuperaría a segunda posición que hai catro anos correspondeu a En Marea; os socialistas obterían o 19,5% dos votos (17,9% en 2016) e entre 16 e 18 escanos (fronte aos 14 actuais). O BNG sería a terceira forza, medrando con forza, e sumando o 16,8% dos apoios e entre 12 e 14 deputados/as, o que implicaría duplicar o seu resultado (8,36% e 6 escanos).
A enquisa outorga a Galicia en Común o 7,2% dos votos e entre 4 e 6 escanos, aínda que estaría moi preto de chegar ao 5% necesario para obter representación por Lugo.
En canto ás restantes forzas, quedarían todas fóra do Parlamento, cun mellor resultado para a Marea Galeguista (2,9%), que superaría o 4% en Pontevedra, achegándose polo tanto ao mínimo esixido para obter escano. Ciudadanos (2,2%) e VOX (1,4) ficarían moi lonxe de obter representación.
As eleccións están sendo seguidas con "moito" ou "bastante" interese polo 40% da poboación, mentres que o 39% di ter "pouco" interese" e un 20% "ningún" interese
Iso si, aínda que o CIS prognostica que, no peor dos casos, o PP obterá 40 escanos, dous por riba da maioría absoluta, a enquisa tamén prevé que a suma de PSdeG, BNG e GeC se move entre os 32 e os 38 escanos que constitúen esa maioría.
Neste estudo preelectoral, realizado entre os días 10 e 19 de xuño, o 31,6% dos entrevistados e entrevistadas afirmou non saber aínda a quen vai votar.
A sondaxe sitúa a Feijóo como o máis valorado (5,92). En segundo lugar aparece Ana Pontón (5,13)
O CIS indica que o 69% dos galegos e galegas irá a votar "con toda seguridade", unha porcentaxe inferior á que habitualmente refliten este tipo de estudos preelectorais. As eleccións están sendo seguidas con "moito" ou "bastante" interese polo 40% da poboación, mentres que o 39% di ter "pouco" interese" e un 20% "ningún" interese nas informacións que se van publicando sobre os comicios.
O 46,4% das persoas entrevistadas cualifican a situación de Galicia como "boa" ou "moi boa", pero só o 20% di que é mellor que hai catro anos
En canto á valoración dos líderes políticos, a sondaxe sitúa a Alberto Núñez Feijóo como o máis valorado (5,92) e tamén o máis coñecido (99,8%). En segundo lugar, aparece Ana Pontón (5,13), cun coñecemento próximo ao 75%. O socialista Gonzalo Caballero fica preto do aprobado (4,86), cun coñecemento do 83%. Antón Gómez Reino aparece despois, cunha nota de 3,88% e un coñecemento do 51%.
O 46,4% das persoas entrevistadas cualifican a situación de Galicia como "boa" ou "moi boa", fronte a un 40,5% que a define como "regular" e un 12,1% que a cualifica de "mala" ou "moi mala". Porén, preguntados sobre se a situación é "mellor" ou "peor" que hai catro anos, só o 20% di que é "mellor", mentres que o 32,8% sinala que é "peor" e un 44,7% opina que é "igual". A xestión de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta é definida como "boa" ou "moi boa" polo 45% da poboación, como "regular" polo 31% e como "mala" ou "moi mala" polo 22%.