Practicamente un empate entre a dereita e a esquerda en Galicia de cara ás eleccións do vindeiro 12 de xullo. Esa é a expectativa que se tira do barómetro do CIS do mes de xuño publicado este mércores e que outorga á suma de PP, Vox e Ciudadanos o 39,8% dos sufraxios e o 40,2% aos que apañarían PSdeG, BNG e Galicia en Común.
Os partidos de esquerda (PSdeG, BNG e Galicia en Común) sumarían o 40,2% dos votos, fronte ao 39,8% da dereita (PP, Vox e Ciudadanos)
O CIS sitúa o PP claramente en cabeza das expectativas de voto en Galicia ante as eleccións autonómicas. Con todo, o indicador que ofrece o último barómetro é o de voto máis simpatía, que non equivale a unha estimación de sufraxios e non permite proxección de escanos.
Segundo o CIS, PSdeG e BNG estarían practicamente empatados na segunda posición, con arredor de cadanseu 18% de apoio
Sexa como for, e segundo ese indicador, o Partido Popular obtería o 38,7% do voto nos comicios, por diante do PSdeG, co 18,6%, e tan só a un punto o BNG, que alcanzaría o 17,6% dos sufraxios e sería a forza que experimentaría unha maior suba no 12X. Pola banda contraria, Galicia en Común, que segundo o CIS alcanzaría unicamente o 4% dos sufraxios, moi lonxe das cifras que conseguira a coalición da antiga En Marea, e unha porcentaxe que non lle permitiría superar o limiar para entrar na repartición de escanos.
En canto á pregunta sobre a simpatía, os partidos da esquerda suman o 37% das opcións, fronte ao 18% dos da dereita e un 35% que di non sentir simpatía por ningunha formación política.
Núñez Feijóo e o líder máis valorado (6,1), seguido de Pontón (5), Caballero (4,9) e Gómez-Reino (3,9)
Segundo o inquérito do CIS, o apoio a Vox en Galicia seguiría sendo residual, ao sumar tan só o 0,6% dos votos, ao igual que o de Ciudadanos, que alcanzaría o 0,5%.
De fixármonos na pregunta sobre a intención de voto, o PP obtería o 34,7% dos sufraxios, fronte ao 14,8% do BNG, o 14,1% do PSdeG e o 2,5% de Galicia en Común, aínda que a porcentaxe de indecisos nesta altura chegaría ao 21,2%.
En canto á valoración dos líderes políticos, Núñez Feijóo é o máis valorado cun 6,1 de puntuación media, seguido de Ana Pontón (5), Gonzalo Caballero (4,9) e Antón Gómez-Reino (3,9).
Á pregunta de quen lle gustaría que fose o presidente da Xunta de Galicia, o 53,1% responden que Núñez Feijóo; o 12,5%, Ana Pontón; o 12,3%, Gonzalo Caballero; e o 1,4%, Antón Gómez Reino.