Máis da metade da poboación galega vive en concellos con menos de 10 casos novos da COVID nas últimas dúas semanas

Vacinas contra a COVID preparadas para a súa administración polo Sergas, nunha imaxe de arquivo, e mapa de incidencia a 14 días a 18 de xuño CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza Pública

Con datos pechados este 18 de xuño de 2021, un total de 1,39 millóns de persoas residen nalgún dos 292 concellos galegos que rexistraron menos de 10 casos novos da COVID-19 nos últimos 14 días, segundo datos do Servizo Galego de Saúde. Dentro deles están as algo máis de 413.000 persoas que viven nalgún dos 165 municipios onde non houbo caso novo ningún nesas mesmas dúas semanas.

Todos estes concellos suman -segundo os datos definitivos de poboación do ano 2020 (os de 2021 aínda son provisionais)- o 51,3% da poboación de Galicia. Daquela, máis da metade da poboación galega vive en concellos con esta favorable situación epidemiolóxica. Os restantes 1,32 millóns de persoas viven nos vinte e un municipios con máis de dez casos novos nestas dúas semanas. Entre eles están as sete principais cidades.

Alén dalgúns gromos locais -como os detectados a pasada semana en puntos da área sanitaria da Coruña e Cee ou, máis recentemente, na cidade de Lugo e no concello veciño de Castroverde-, o mapa de incidencia da COVID-19 en Galicia a 14 días fala de estabilidade ou lixeiras melloras alí onde si houbo máis de dez casos novos nese período. Atendendo ao indicador máis inmediato, con datos do día 18 só en tres das sete cidades (A Coruña, Ourense e Ferrol) o número de casos detectados a 7 días é máis da metade dos rexistrados en 14 días, polo que nas catro restantes a tendencia volve ser descendente. [Podes consultar aquí a evolución da incidencia nas sete cidades]

Algúns gromos como os mencionados contribuíron a que, nos últimos días, as cifras de casos novos rexistrados no global de Galicia pasasen do descenso á estabilidade. Este sábado, o Sergas notifica 94 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do xoves e a mesma hora do venres. Nos últimos sete días con datos completos foi diagnosticada unha media de 78,57 infeccións ao día; hai unha semana eran 79,86, o que é boa mostra desa estabilidade.

Estas cifras de casos novos propician que os indicadores de incidencia acumulada para o global de Galicia tamén permanezan estables tanto a 14 como a 7 días. Ambos valores volven baixar lixeiramente na última xornada con datos completos e quedan en 41,14 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e en 20,44 a sete. A cifra a sete días segue sendo menos da metade que a catorce, polo que tamén o dato xeral galego apunta a un lixeiro descenso.

Por áreas sanitarias, a única que aínda traza unha liña ascendente na súa incidencia acumulada a 14 días é a da Coruña-Cee, aínda que xa apunta ao acougo para comezar a baixar cando roza os 67 casos novos por cada cen mil habitantes. A área de Lugo, malia os devanditos gromos, mantense na estabilidade e todas as demais fan o mesmo ou baixan levemente agás a de Ferrol, cunha lixeira repunta na incidencia a 14 días que non lle impide seguir, cando menos de momento, por baixo dos 50 casos novos por cada cen mil habitantes.

Os sinais de control e acougo nos principais indicadores epidemiolóxicos reflíctense tamén nas cifras de positividade das probas PCR. A positividade media a sete días para o conxunto de Galicia segue arredor do 1,8%, isto é, moi por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio. Galicia no seu conxunto non supera ese limiar dende mediados de febreiro.

Estabilidade en torno ás 60 persoas hospitalizadas

A estabilidade é tamén a tónica dominante dos últimos días nas cifras de hospitalización de persoas con test positivo do coronavirus. Son 61 por terceiro día consecutivo, segundo os datos pechados ás seis da tarde do venres. Neste caso, supoñen 7  menos que unha semana antes e dentro do total, están na UCI 16 persoas, as mesmas que sete días antes.

Os indicadores de mortalidade ligados á pandemia seguen tamén en niveis baixos malia os dous falecementos notificados este 18 de xuño polo Sergas (dous homes de 76 e 81 anos, ambos na Coruña). O total sitúase en 2.433 persoas falecidas con test positivo da COVID-19, o cal non implica que todas elas morresen directamente a causa do virus.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.