A vindeira fin de semana, a do 26 e 27 de xuño, decaerá da normativa estatal contra a COVID-19 a obriga xeral de uso de máscara ao aire libre. Os detalles da flexibilización serán aprobados dous días antes nun Consello de Ministros extraordinario, segundo anunciou o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. No caso galego, a mudanza chega case un ano despois de que a Xunta implantase esta obriga xeral sen apenas excepcións e con idéntica regulamentación para espazos rurais e urbanos.
Á espera da nova redacción da norma -prevese que siga sendo obrigatoria en espazos abertos cando non sexa posible gardar a distancia de seguridade, entre outros matices- e mentres o presidente da Xunta e outros membros do PP seguen a atacar o anuncio por "unilateral" e "político", os datos epidemiolóxicos apuntan a que Galicia entrará nesa nova fase coa incidencia da COVID-19 estable, estancada. Estancada, concretamente, no seu nivel máis baixo en dez meses, pero cunha capacidade diagnóstica moito máis elevada que daquela.
Este domingo, 20 de xuño, o Sergas notificou 75 novos casos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do venres e a mesma hora do sábado. Son catro menos que na mesma xornada da semana anterior. Cos datos do último día completo dispoñible (o venres), a media diaria a sete días de novas infeccións diagnosticadas no país está un chisco por riba das 79 e unha semana antes era dunhas 80.
A incidencia acumulada da COVID-19 a 14 días só sobe na área sanitaria da Coruña-Cee e os indicadores a unha e dúas semanas para o conxunto de Galicia mantéñense estables no nivel de risco baixo
Esta estabilidade nas cifras de casos novos reflíctena tamén os datos de incidencia acumulada para toda Galicia e de seis das sete áreas sanitarias. O dato a catorce días está marcado pola estabilidade en todas as áreas agás na da Coruña-Cee, que aínda traza unha liña ascendente e sobe dos 70 casos novos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas. Todas as demais áreas sanitarias están por baixo dos 50 -limiar para o risco baixo de transmisión, segundo os protocolos vixentes- e as de Vigo e Santiago-Barbanza caen alén dos 30.
Para o global de Galicia, a incidencia acumulada a 14 días sitúase nos 41,29 casos novos por cada cen mil habitantes, cos datos do último día completo dispoñible. O indicador a sete días, o máis inmediato, rolda agora os 20,52 casos novos. A combinación de ambas cifras amosa que, aínda que por escasa marxe, a incidencia a sete días aínda é menos da metade que o dato a 14 días. Isto significa, daquela, que continúa unha levísima tendencia descendente, pero nun clima de estabilidade ou estancamento xeral.
Esta circunstancia tamén queda clara na coñecida como razón de taxas, isto é, na comparación da incidencia acumulada a 7 e 14 días nunha determinada xornada co mesmo indicador do mesmo día da semana anterior. Cando o resultado desta división é inferior a 1, supón que a incidencia está a diminuír.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, nas últimas xornadas a razón de taxas reflicte tamén esa estabilidade epidemiolóxica. Ambos indicadores están agora próximos ao 1, pero sen chegar a superalo.
Estabilidade tamén nos hospitais
A mesma tendencia á estabilidade ou lixeiro descenso é o que reflicten os hospitais. O número de pacientes coa COVID-19 ingresados nos centros hospitalarios galegos era de 60 ás seis da tarde do sábado, un menos que un día antes (aínda que nas fins de semana é frecuente que se reduzan as altas) e 8 menos que o mesmo día da semana anterior. O número de pacientes na UCI, 15, é o mesmo que sete días antes.
Todos estes indicadores teñen como pano de fondo o avance da vacinación. Á espera de que, co comezo da nova semana, o Ministerio de Sanidade actualice o seu balance completo, os datos que vai avanzado o Sergas reflicten que a inmunización segue avanzando a bo ritmo.
Así, a Consellería de Sanidade indica que 1,52 millóns de persoas xa recibiron en Galicia cando menos unha dose de vacina e que algo máis de 979.000 teñen xa a pauta completa. Cómpre ter en conta, non obstante, que o pasado venres (con datos do xoves), o Ministerio de Sanidade indicaba que en Galicia eran xa máis de 990.000 as persoas coa pauta completa. Haberá, daquela, que agardar a comezo da nova semana para confrontar ambos datos.