Pedro Sánchez anuncia a fin da obrigatoriedade xeral do uso da máscara en exteriores pola COVID para o 26 de xuño. O presidente do Goberno de España vén de avanzalo na súa intervención ante o Cercle d'Economia, en Barcelona. A medida implicará introducir cambios na chamada lei da 'nova normalidade', que serán aprobados o vindeiro xoves nun Consello de Ministros extraordinario. En Galicia, a obrigatoriedade xeral do uso da máscara en exteriores aínda que haxa distancia está implantada dende xullo de 2020.
Fálase
A Comisión Interuniversitaria de Galicia publicou este xoves as notas da selectividade (ABAU). Pódense consultar nesta ligazón. Na imaxe, probas da ABAU en Pontevedra, o pasado 8 de xuño.
Salvamento Marítimo e a central de emerxencias do 112 Galicia veñen de informar de que foi localizado o corpo sen vida do mariñeiro desaparecido tras o naufraxio do Sempre Güeto esta tarde perto de Cedeira. Outro pesqueiro que se atopaba na zona rescatou o seu cadáver. Dous mariñeiros dos dez da tripulación faleceron neste naufraxio, pois o primeiro rescatado rematou falecendo en terra. Foto:Shipspotting
Galicia supera as 980.000 persoas coa vacinación contra a COVID-19 completa tras a administración de 33.955 doses na xornada do mércores. Dende o comezo da campaña de vacinación, o Sergas leva postas 2,32 millóns de doses, o 96,1% das recibidas. Un total de 1,44 millóns de persoas recibiron cando menos unha dose.
Un mariñeiro desaparecido, outro "ferido de consideración" e oito rescatados tras envorcar un barco de Portosín perto de Cedeira, segundo informa o 112. O Siempre Güeto volvía de faenar na costa asturiana. Foto:Shipspotting
A Xunta aproba financiar con 2,88 millóns de euros o plan para pagar a bancos que poñan caixeiros onde xa non hai oficinas e axuden a operar neles dúas horas á semana. O financiamento "para o período 2021-2025" foi aprobado no Consello da Xunta deste xoves. O proxecto desenvolverase mediante acordos cos concellos e o Executivo galego resalta que xa se sumaron estes 34: Aranga, Vilasantar, Lousame, Cabanas, Dumbría, Santiso, Coirós, Dodro, Paderne , Toques, Vilarmaior, Ribeira de Piquín, Samos, O Páramo, Larouco, Arnoia, Petín, Lobeira, Os Blancos, Oímbra, Vilar de Santos, Carballeda de Avia, Xunqueira de Ambía, Chandrexa de Queixa, Xunqueira de Espadanedo, Piñor, Porqueira, A Teixeira, Melón, Cenlle, Rairiz de Veiga, A Peroxa, Tabodela e Pontedeva.
A Comisión Europea dá o seu visto e prace ao plan do Goberno de España para os 69.500 millóns de euros de fondos europeos de recuperación que chegarán como transferencias (a outra metade, como créditos, aínda non foron solicitados). Así o confirmou a presidenta da Comisión, Ursula Von der Leyen, en visita a Madrid xunto ao titular do Goberno español, Pedro Sánchez. Horas antes, Von der Leyen realizou o mesmo anuncio para o plan portugués xunto a António Costa. Agora resta o visto e prace do Consello Europeo e prevese que os cartos comecen a chegar a partir do mes vindeiro. (Imaxe: Pool Moncloa / Fernando Calvo)
Competencia abre expediente aos bancos Sabadell, Santander, Caixabank e Bankia (estes dous últimos veñen de fusionarse) por posible "falseamento da competencia" mediante "actos desleais" na comercialización dos créditos do Instituto de Crédito Oficial para paliar os efectos da pandemia nas empresas. A CNMC considera que "a actuación dos bancos investigados se afastaría da boa fe esixida ás empresas nas súas relacións cos clientes".
Camariñas, Malpica de Bergantiños e Soutomaior quedan no nivel medio de restricións pola COVID-19 a partir do vindeiro sábado, 19 de xuño. Así o acaba de decidir o comité clínico que asesora á Xunta coa pandemia, que se volverá reunir a semana que vén para volver analizar os datos epidemiolóxicos dos concellos. Mentres tanto, o resto dos municipios galegos fica no nivel medio baixo de restricións. [Na imaxe, a praia de Canido en Malpica CC-BY-SA Turismo de Galicia]
- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta pola COVID dende o 19 de xuño
O Ministerio de Sanidad aproba comezar a vacinación dos menores de 40 anos e non aborda a relaxación no uso das máscaras. Crea tres novos grupos para a inmunización (entre 30 e 39 anos, 20-29 e 12-19), que poderían empezar a ser vacinados en paralelo aos maiores de 40.