Poderán elixir se queren só o aparato ou tamén o servizo de axuda á cidadanía dúas horas á semana, para o que ademais deberán ceder ao banco unha oficina
A Xunta quere subvencionar a bancos para que poñan caixeiros en concellos onde xa non hai oficinas e axuden a operar con eles e ensinen á cidadanía o uso da banca electrónica durante un máximo de dúas horas á semana, segundo avanzou Praza.gal. O Goberno galego vén reiterando en sucesivas notas de prensa que os concellos interesados “non terán que facer ningunha achega económica e só deberán ceder e acondicionar os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento”.
Porén, tanto o protocolo marco acordado entre a Consellería de Facenda e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) como o modelo de convenio que deberá asinar cada concello establece como obrigas deles “asumir o custe” dos subministros de electricidade e telefonía necesarios ou da limpeza dos locais nos que se instalen.
Entre os gastos que a Xunta subvencionará ás entidades financeiras están o transporte do caixeiro, a instalación e a súa conexión ás redes eléctricas e de datos, e serán os concellos os que asuman os consumos destas
Segundo as bases da liña de subvencións sometidas a exposición pública, no importe das axudas aos bancos, cuxa contía máxima “establecerase de acordo a estudos de mercado”, incluiranse como gastos subvencionables ás entidades financeiras os de mantemento, seguridade, transporte do caixeiro e instalación “incluída obra civil necesaria no seu caso, as conexións ás redes eléctricas e de datos e calquera outra adaptación que sexa necesaria realizar na dependencia municipal” que se ceda para a súa colocación.
Pero tanto o protocolo marco coa Fegamp como o modelo de convenio a asinar por cada concello interesado sinalan como obrigas municipais “dotar aos espazos cedidos para a instalación do caixeiro automático das acometidas de electricidade, telefonía e outras que foran necesarias para realizar a conexión do caixeiro, e asumir o custe destes subministros ao longo da prestación dos servizos”.
Os concellos interesados tamén poden elixir entre dispoñer só dun caixeiro ou contar ademais co servizo de axuda e formación da cidadanía que a Xunta tamén subvencionará ás entidades financeiras durante un máximo de 104 horas ao ano, isto é, dúas horas cada unha das 52 semanas do ano. Para iso, ademais do espazo para a instalación do caixeiro, deberán “poñer a disposición da empresa que resulte beneficiaria da subvención un local habilitado e con capacidade suficiente” e “autorizar a súa utilización sen custe para a mesma, sendo aconsellable que este local estea próximo á localización establecida para a instalación do caixeiro”.
Os concellos, di o modelo de convenio que deben asinar, terán ademais a obriga de “facerse cargo da execución e pago dos gastos derivados da limpeza e conservación dos espazos e locais cedidos para a instalación dos caixeiros e para a prestación dos servizos de asistencia financeira e formación”.
Segundo avanzou Feijóo, 25 dos 45 concellos que actualmente carecen de oficinas bancarias xa se adheriron ao protocolo marco asinado entre Xunta e Fegamp
O pasado 29 de abril, ao tempo que a Xunta reiteraba que os concellos non terían que facer “ningunha achega económica”, o presidente Feijóo aseguraba que, dos 45 concellos que actualmente carecen de oficinas bancarias, 25 xa se adheriran ao protocolo marco asinado entre o Goberno galego e a Fegamp: Aranga, Vilasantar, Dumbría, Lousame, Paderne, Cabanas e Dodro, na provincia da Coruña; Ribeira de Piquín e Samos, na provincia de Lugo; e Carballeda de Avia, Larouco, Vilar de Santos, Arnoia, Petín, Xunqueira de Ambía, Chandrexa de Queixa, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Piñor, Porqueira, Os Blancos, A Teixeira, A Peroxa, Melón e Oímbra, na provincia de Ourense.