Unha década despois das caixas, o recorte bancario restrinxe servizos e ameaza miles de empregos en Galicia

Mobilización contra o ERE do BBVA, en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

En 2008, considerado o de inicio da crise económica pola caída de Lehman Brothers, había en Galicia máis de 2.500 oficinas de entidades financeiras, entre caixas e bancos que manexaban sobre 50.000 millóns de euros en depósitos e tiñan uns 70.000 millóns en créditos, ambos indicadores en máximos históricos. Caixa Galicia e Caixanova declaraban cadanseus beneficios de 200 millóns de euros, dominaban o mercado galego, articipaban no Etcheverría e no Banco Gallego e competían co histórico Banco Pastor, ademais de cos grandes grupos españois. 

Galicia perdeu desde 2008 máis da metade das súas oficinas bancarias e 45 concellos carecen xa de sucursal

A fracasada fusión das caixas e a caída da efímerca Novacaixagalicia provocou a perda duns 9.000 millóns de euros públicos, a adxudicación dos restos ao venezolano Banesco e a creación de Abanca, que deu ganancias ao pouco e que vén de sumar 137 millóns de beneficios no primeiro trimestre deste ano, un incremento do 8,2%. O esfarelamento do sistema financeiro galego levou por diante o Banco Gallego, acabou coa venda do Etcheverría e a integración do Pastor primeiro no Popular e logo no Grupo Santander. 

Ao tempo, a reestruturación e fusións a nivel estatal fóronse estendendo ao propio Santander, o BBVA ou CaixaBank, acompañado de sucesivos ERE, despedimentos e peches de oficinas que continúan nesta altura, con anuncios de máis recortes nos tres grandes grupos bancarios que impactan tamén de cheo en Galicia, con milleiros de empregos ameazados.  

Os ERE e recortes en Caixabank, Santander e BBVA impactan tamén en Galicia, onde contan cuns 3.300 traballadores

Polo camiño, desde aquel 2008, o país perdeu máis da metade das súas oficinas bancarias e 45 concellos carecen xa de sucursal. Hai un total de 1.234 abertas tras clausurarse 1.300 en doce anos e afondar na exclusión financeira. Ademais, noutros 118 municipios só hai unha sucursal, polo que en 163 localidades hai só unha ou ningunha. 

A tendencia non acouga O Santander, hai dous anos clausurou 134 sucursais no noso país e agora a entidade --que obtivo un beneficio ordinario de máis de 5.000 millóns en 2020-- negocia un novo ERE, que levará ao peche de 79 oficinas máis e ao despedimento de 370 persoas en Galicia. 

O Santander negocia outro ERE e o despido de 370 persoas en Galicia; o banco tiña 401 sucursais hai dous anos e quedará con 155

En abril de 2019, a entidade presidida por Ana Botín contaba con 401 oficinas en Galicia; a finais de 2020 eran pouco máis de 230. Ao finalizar o ERE en marcha, en decembro deste ano, quedarán 155. Unha perda de máis do 60%. O número de empregados cae tamén a metade en dous anos e quedará nuns 1.400. 

O proceso acontece tamén no BBVA, que tivo a pasada semana a primeira reunión formal cos sindicatos para negociar un ERE que afectará finalmente 3.800 traballadores en toda España, do que aínda se descoñece o impacto en Galicia, tanto nos traballadores --un total duns 860 agora en Galicia-- como no peche de oficinas --560 a clausurar en total-- tras un recorte xa do 8% do persoal en 2020. 

Pola súa banda, no Banco Sabadell-Gallego, onde en Galicia traballan sobre 460 persoas, o recorte no número de empregados proposto no último ERE afectaría un máximo de 45 persoas. 

No caso de Caixabank, tras a fusión por absorción de Bankia, anunciou o pasado martes a intención de levar a cabo un ERE para prescindir de case 8.300 empregos e pechar máis de 1.500 oficinas no Estado. En Galicia afectará arredor dun cento de traballadores e un número aínda non coñecido de sucursais. 

O BBVA negocia un ERE para 3.000 persoas en toda España e Caixabank, outro para máis de 8.000 que suporá un cento de despidos en Galicia

Na actualidade, en Galicia Caixabank conta con 160 sucursais cuns 630 empregados, fronte ás 18 oficinas e 120 traballadores de Bankia. 

Xoán Carlos Viveiro, secretario xeral da sección sindical de CCOO en Caixabank, amosou a súa "sorpresa" por algunhas das condicións trasladadas pola direcció, como qeu só aceptará que a metade das saídas sexan de empregados maiores de 50 anos, algo que "eliminaría boa parte da voluntariedade nas saídas". 

"Son unhas condicións de derruba e un insulto a un sector que foi esencial durante a pandemia", explica quen prevé "conflitividade" e alude tamén á "meritocracia" á que fai referencia á entidade no caso da reestruturación "logo de que o presidente de Caixabank vise triplicado o seu soldo e de que Caixabank obtivese un beneficio de case 1.400 millóns en 2020". Foron, exactamente, 1.381. 

Os sindicatos acusan as grandes entidades dunha "dixitalización forzosa e forzada" que restrinxe servizos e serve para xustificar os ERE

Caixabank, como boa parte das entidades, xustifica os recortes na caída dos ingresos, a crise pola pandemia, a lenta recuperación do crédito e os tipos de interese baixos cos que o BCE trata de reactivar a economía. Ademais, sinala a dixitalización que, segundo todas as entidades, provoca un menor uso das oficinas. Unha dixitalización que os sindicatos sinalan como "forzosa e forzada". 

No fondo, o pulo cada vez maior que os bancos dan aos seus servizos dixitais, manexada dende o ordenador ou o teléfono móbil. Para os representantes dos traballadores, son as restricións de servizos á clientela o que acaba por facer descender a atención presencial e serve como "xustificación para os ERE". 

Mobilización contra o ERE do Santander e o peche de oficinas en Guísamo (Bergondo) CC-BY-NC-SA CIG

Maite Freire, delegada sindical da CIG no Santander, advirte do paradoxal da situación, aludindo á súa propia experiencia ou a de compañeiros que "pasan moito tempo axudando clientes a facer operacións desde o móbil ou no caixeiro na propia oficina" ante as limitacións dos horarios de caixa impostos agora na maioría de entidades: só ata as 11 da mañá. 

Caixabank, Santander e BBVA limitan xa o horario de caixa ata as 11 da mañá, unha medida que Abanca aplicará tamén desde o vindeiro xuño

Unha limitación que iniciou Caixabank, á que logo se uniron o Santander e o BBVA e que desde o vindeiro xuño aplicará tamén Abanca, que está informando por correo aos clientes desa nova "reorganización do horario de caixa" que di facer para "potenciar un modelo máis ordenado de atención". "É evidente que hai un acordo entre entidades e que non é froito da casualidade", denuncia Miguel Fernández, delegado da CIG no BBVA en Galicia. 

"Logo os bancos xustifican os ERE na escasa actividade presencial porque, evidentemente, esas operacións electrónicas nas que o persoal axuda non contan como tal", explica Freire, que destaca tamén os incentivos que se lles ofertan aos traballadores por reducir a presenza de clientes nas oficinas ou potenciar a banca online

Desde o BBVA, o delegado da CIG, Miguel Fernández, destaca tamén a "política de restrición de servizos" que está a prexudicar a clientela e coa que o se "pretenden xustificar os despedimentos". Así, advirte do cobro de dous euros de comisión que a entidade aplica a quen retira cartos da súau propia conta, "unha comisión inxusta que afecta fundamentalmente ás persoas maiores e en xeral ás que teñen dificultades co usos dos caixeiros", e sinala as longas ringleiras que moita xente ten que aturar e que "fan que desistan de facer os trámites nas sucursais". 

Os representantes do persoal nos tres grandes bancos --con arredor de 3.300 traballadores en Galicia-- insisten en lembrar, ademais, a enorme carga de traballo soportada ou o elevado número de baixas por estrés ou ansiedade. "Os empregados de Caixabank estamos coa lingua de fóra, con ringleiras habituais, sen dar atendido o volume de traballo... Pouco casa iso coas xustificacións que a entidade fai do ERE", explica Xoán Carlos Viveiro, de CCOO. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.