O aforro bancario da poboación galega tamén se estanca

Depósitos e créditos bancarios en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Diversos indicadores veñen amosando o estancamento da economía galega nos últimos tempos en ámbitos como a evolución do PIB, os salarios ou o emprego, circunstancia que puxo fin á senda da converxencia do país con Europa en termos de renda e que agudizou situacións como as situacións de risco de pobreza ou exclusión social aínda que estas sigan tendo menor impacto que noutros puntos do Estado. Fronte a todos estes indicadores houbo un que veu avanzando en positivo durante toda a crise, o do aforro bancario, con sucesivos récords históricos mentres o crédito non deixaba de caer. No entanto, semella que o estancamento chegou tamén ás contas da poboación galega nas entidades financeiras.

Poboación e institucións galega teñen depositados nos bancos uns 57.000 millóns de euros

Os datos máis recentes do Banco de España, correspondentes ao terceiro trimestre de 2015, indican que familias, empresas e administracións tiñan depositados nesta altura nos bancos 57.248 millóns de euros. Esta cifra supón un descenso de 501 millóns a respecto do dato de xuño e de algo menos de 100 millóns con relación a setembro de 2014. Observado en perspectiva cabe concluír que o aforro galego leva dende hai máis dun ano estancado na contorna deses 57.000 millóns, á que chegou pola senda alcista iniciada a finais de 2012, cando o aforro comezou a recuperarse tras dous anos de descensos.

Circunstancias como o paro, o descenso nos salarios ou os cambios no sector bancario poden contribuír a explicar un panorama no que, tal e como amosa a gráfica que acompaña estas liñas, o crédito que os banco sofrecen en Galicia continúa en caída libre. Segundo o Banco de España en setembro do pasado ano os fondos que as entidades prestaban en Galicia roldaban os 43.300 millóns, uns fondos semellantes aos de hai dez anos, cando os depósitos da poboación nas entidades supuñan 23.000 millóns de euros menos que na actualidade.

A fenda entre depósitos e créditos bate un novo récord e achégase xa aos 14.000 millóns de euros

Esta disparidade de ambos indicadores provoca que a fenda entre depósitos e créditos tampouco experimente estancamento ningún. Ben ao contrario, acada un novo récord. Así, a diferenza achégase xa aos 14.000 millóns de euros que continúan convertendo a Galicia en fornecedora neta de crédito para outros territorios do Estado.

Como informou este diario, mentres os aforros aumentaron e os créditos seguiron caendo, os bancos reduciron tamén notablemente o emprego que xeran no país e a súa presenza no territorio. A información máis recente do regulador e do Instituto Galego de Estatística acredita que, dende o inicio da crise, as entidades pecharon un terzo das súas sucursais en Galicia.

Billetes de euro CC-BY Alegri

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.