A economía galega é a segunda que menos medra do Estado

Crecemento interanual do PIB © AIReS

Cambian as cifras, pero non a diagnose. Menos dunha semana despois de que o Instituto Galego de Estatística confirmarse que o estancamento económico co que Galicia rematou o 2014 continuou no primeiro treito de 2015, un novo indicador económico ofrece números distintos para unha mesa fotografía. O produto interior bruto (PIB) do país medra, pero faino a un ritmo inferior á media do Estado, o que non só desmente a reiteradísima afirmación de que Galicia ía ser "unha das primeiras" comunidades autónomas en "saír da crise", segundo a Xunta, senón que nos primeiros compases da suposta recuperación a fenda non fai máis que acrecentarse.

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), o órgano creado polo Estado para vixiar o cumprimento do dogma da estabilidade orzamentaria, vén de lanzar un novo indicador para estimar o PIB das autonomías, o METCAP. Esta nova metodoloxía, indica a institución, incorpora a información que xa difunden o INE e os institutos estatísticas territoriais e combínaos con outros indicadores económicos, o que explica a disparidade de cifras a respecto de, por exemplo, os avances de resultados do IGE.

O novo indicador contradí que Galicia poida ser unha "das primeiras en saír da crise", como asegurou a Xunta

Partindo desta base a AIReF traza o seu primeiro mapa para retratar o primeiro trimestre de 2015 e nel Galicia figura como un dos territorios cunha economía menos dinámica do Estado. Segundo esta metodoloxía a economía do país medrou nos tres primeiros meses do ano un 2% a respecto do mesmo período do 2014, o que implica que só unha comunidade, Euskadi, estivo por tras (1,9%) e que as 15 restantes estiveron por diante. Nos primeiros postos están as máis turísticas: Catalunya (3,1%) e mais a Comunitat Valenciana e Balears, ambas cun 3,4%.

Mapa difundido pola AIReF

Galicia sae mellor parada na estimación intertrimestral na que, non obstante, as distancias entre autonomías son moito menores. Así, segundo a AIReF o PIB galego medrou a respecto do trimestre anterior un 1%, o segundo maior crecemento despois de Valencia e idéntico valor que comunidades tan dispares en canto a dimensión e riqueza como Catalunya, La Rioja, Andalucía, Castilla y León ou Cantabria. 

Estes datos chegan case ao mesmo tempo que os do paro rexistrado, que amosan unha maior baixada relativa do desemprego en Galicia que no Estado, pero tamén unha menor creación de emprego. Asemade, os datos das oficinas de emprego amosan que os contratos indefinidos diminúen en Galicia tanto a respecto do pasado mes como en termos interanuais, mentres que no Estado aumentan. Deste xeito, a contratación temporal é o sustento das cifras de creación de emprego.

Evolución interanual do PIB galego e español © AIReS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.