Galicia confirma o seu estancamento ao subir o PIB a metade que no Estado

CC-BY-SA Praza Pública

A economía galega confirma o seu estancamento. Se durante 2014 foi a que menos creceu en todo o Estado, ao medrar tan só un 0,5% e case un punto menos que España, o primeiro trimestre non muda a tendencia. O Produto Interior Bruto de Galicia incrementouse de novo un 0,5% en relación co último trimestre do pasado ano, case a metade do incremento experimentado polo conxunto da economía española (+0,9%). 

O PIB de Galicia medrou un 0,5% no primeiro trimestre, case a metade menos que o do conxunto do Estado

Os datos aínda empeoran de comparármolos cos de hai un ano. Con respecto ao primeiro trimestre do pasado ano, o PIB galego subiu un 0,9%, case dous puntos menos que o incremento experimentado no conxunto do Estado, onde o PIB medrou un 2,7%, segundo os datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estadística (INE). A recuperación, se é que é real, está chegando moito máis tarde ao país, que non alcanza o mesmo ritmo que España. 

De feito, hai sectores que non só non se están recuperando, senón que están a empeorar. A agricultura e a industria rexistraron taxas negativas neste primeiro trimestre, con retrocesos do 0,9% e o 0,4% respectivamente. Son, pola contra, construción e servizos as que tiran da economía, con incrementos do 2% e do 1,3% respectivamente. 

A economía galega creceu un 0,9% con respecto a hai un ano, fronte ao 2,7% de España; agricultura e industria rexistraron taxas negativas

Malia todo, a Xunta saca peito. A Consellería de Facenda destaca que os datos supoñen "un incremento de cinco décimas respecto ao trimestre anterior, que era do 0,4%". "Ademais, o crecemento interanual do PIB galego sitúase no nivel máis alto desde mediados de 2010", asegura nun comunicado, no que insiste en que "a evolución no primeiro trimestre do ano foi igualmente positiva no ámbito do emprego", segundo o Goberno galego. 

"O número de postos de traballo a tempo completo creceu un 1,5% respecto ao primeiro trimestre de 2014, e o incremento do emprego prodúcese en todos os sectores agás no sector primario", engade a Xunta, que obvia uns datos que volven situar o país nos últimos postos da recuperación. A cifra de empregos aumentou un 0,9% na industria, un 4% na construción e un 1,9% nos servizos, pero o compartamento é moi desigual. A taxa foi negativa na información e comunicacións (-2,4%), nas actividades financeiras e de seguros (-3,9%) e en actividades artísticas, recreativas e outros servizos (-1,3%). 

A Xunta insiste no comportamento positivo da economía galega, onde as exportacións continúan estancadas

Para a Xunta, "constátase a mellora progresiva do consumo interno, sostida no aumento do gasto dos fogares, que medrou un 1,3% en termos interanuais". Pero este gasto das familias tan só medrou tres décimas desde o trimestre anterior, unha mellora que Facenda atribúe tamén ao gasto público das administracións que subiu un 1,8% respecto a hai un ano, pero que non variou en comparación cos últimos tres meses de 2014. 

As eivas parecen tamén claras e repetitivas, xa que as exportacións de bens e servizos mantéñense "estables", como di a Xunta, ao non medrar con respecto a hai un ano e tan só un 0,7% en comparación co último trimestre do pasado ano. 

Peche de traballadores nos estaleiros de Vigo CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.