Hai tan só seis anos, no Concello de Bergondo convivían seis oficinas bancarias, entre as existentes no polígono industrial, no núcleo da capital municipal e na parroquia de Guísamo, ao pé da Nacional VI. Ao carón desta estrada, camiño de Betanzos, mantíñase aínda unha sucursal do Santander, que o banco decidiu pechar dentro dun proceso de ERE que suporá a clausura doutras 78 en toda Galicia e o despedimento de 370 persoas.
O peche dunha sucursal do Santander en Guísamo (Bergondo), a única no lugar, é o último caso da perda progresiva de servizos bancarios en moitos concellos
En todo o municipio de Bergondo xa só quedarán dúas oficinas bancarias --unha de Abanca e outra do propio Santander no polígono industrial-- pero ningunha a partir do 23 de abril en Guísamo, núcleo duns 1.500 habitantes. Ante a decisión da entidade que preside Ana Botín, varias ducias de veciños e veciñas concentráronse este mércores ante a oficina convocados pola CIG, nunha protesta apoiada polo goberno local, que rexeita tamén un proceso de peche masivo de sucursais que afonda na perda de servizos no rural e áreas non urbanas.
Dende 2008, Galicia perdeu máis da metade das súas oficinas bancarias e 45 concellos carecen xa de sucursal. Hai un total de 1.234 abertas tras clausurarse 1.300 en doce anos, pero o proceso continúa ao abeiro dunha decisión estratéxica xeral en todas as entidades bancarias. No caso do Santander, como lembra Maite Freire, delegada da CIG na entidade, a previsión é o peche da metade das oficinas de toda a provincia de Lugo, ata quedar en 15, ou un total de 30 na da Coruña.
Galicia perdeu máis da metade das oficinas bancarias desde 2008; en 163 concellos hai unha ou ningunha sucursal
"A idea é que nos concellos de menos de 10.000 habitantes pechen todas as oficinas e só quede, naqueles onde é rendible, un axente financeiro", di Freire, que sinala o caso de Guísamo como paradigmático dunha problemática cada vez maior en vilas e zonas rurais de Galicia. "Na concentración deste mércores había clientes protestando cun andador", destaca a delegada, que advirte da cantidade de maiores afectados que, á marxe das comisións que teñen que pagar ao banco, "van acabar tendo que pagar taxis en grupos para ir sacar a súa pensión á oficina que hai no polígono industrial".
No fondo, o pulo cada vez maior que os bancos dan aos seus servizos dixitais e á banca electrónica, manexada dende o ordenador ou o teléfono móbil. Solucións que poden ser válidas para as novas xeracións, pero que engaden novas dificultades para as persoas de maior idade. "Non me parece normal ni moral forzar a xente de 80 anos a ter que darlles as claves da súa conta aos netos ou aos fillos para poder manexar os seus cartos, pero tampouco que o Goberno siga permitindo esta situación que afonda no baleiramento do rural", insiste Freire.
O de Guísamo é un caso, pero a indignación é común en moitas outras comarcas afectadas. Ademais dos 45 concellos sen ningunha oficina bancaria, noutros 118 só hai unha, cifra que se disparou entre 2010 e 2011, despois da fracasada fusión entre as caixas galegas, e posteriormente tras procesos como a integración do Popular e o Pastor no Santander. En total, 163 municipios cunha única ou ningunha sucursal.
No Concello de Curtis, por exemplo, as catro sucursais que o grupo Santander tiña hai pouco quedarán nunha soa a partir de finais de maio. O proceso parece irreversible e entre as máis de cen localidades cunha única oficina bancaria inclúense algunhas tan importantes como Brión, Vilaboa, Ponte Caldelas, Abegondo, Mugardos, Outeiro de Rei, Ribadumia, Vedra, A Illa de Arousa, Meis ou Cuntis.
En Celeiro (Viveiro), onde non hai moito había cinco oficinas bancarias, Abanca vén de pechar a última que quedaba
En Celeiro, parroquia de Viveiro cuns 1.300 habitantes e un importante porto e actividade comercial, Abanca vén de pechar a única oficina bancaria que quedaba na localidade malia ao milleiro de sinaturas recollidas pola veciñanza en contra da decisión. "O banco tomounos moito o pelo; deixáronnos como o galo, sen plumas e cacarexando", resume Marifina Rey, unha das mulleres que liderou a recolleita de firmas e as protestas.
De nada serviu. Tan só quedou o caixeiro --"que disque ía ser de última xeración e é igual que calquera outro", destaca Rey-- nunha localidade cun importante movemento comercial pola presenza do porto, de industria relacionada coa pesca ou da confraría. "Aquí viña mesmo xente de Viveiro expresamente para se quitar das ringleiras que había que aturar na oficina da vila", insiste esta veciña que alerta dun problema que "non é só da xente maior".
En Celeiro, non hai moitos anos, chegou a haber cinco bancos con cadansúa sucural: Caixa Galicia, Banco Bilbao, Banco Pastor, Hispano e Banco de Galicia. Quedaba a de Abanca e xa non está, unha decisión que no Concello de Viveiro, tras contactar coa entidade, xustificouse en que a maioría das operacións que se fan son agora electrónicas.
Maite Freire, delegada sindical no Santander, repara no paradoxal da situación, aludindo á propia experiencia de traballadores que "pasan moito tempo axudando clientes a facer operacións desde o móbil na propia oficina" ante as limitacións dos horarios de caixa impostos agora na maioría de entidades: de 8:30 a 11 da mañá. "Logo os bancos xustifican os ERE na escasa actividade presencial porque, evidentemente, esas operacións electrónicas non contan como tal", explica.
Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG no BBVA, ratifica a situación e unha estratexia común en moitas entidades: "Restrinxir servizos que afectan especialmente as pesoas maiores, as que teñen máis dificultades para se manexar nos caixeiros ou coa banca online". "Entre estas medidas e o peche de oficinas, os bancos teiman, sobre todo nas zonas rurais, na exclusión financeira que sofre boa parte da poboación galega", explica.
Os bancos restrinxen o horario de caixa, fomentan operacións electrónicas ou cobran por sacar cartos no mostrador: "Teiman na exclusión financeira"
Ao horario restrinxido aplicado en boa parte das entidades únense outras medidas, como a aplicada polo BBVA de cobrar 2 euros de comisión á clientela que retira cartos sa súa propia conta nos mostradores. Ademais, moitos bancos fomentan os servizos electrónicos entre a poboación maior, con campañas como a lanzada por Abanca hai unhas semanas e que atopou un gran rexeitamento nas redes sociais que obrigou ao banco a retirala.
As medidas provocan a indignación de moita clientela e os reproches ante traballadores que teñen instrucións e incentivos por diminuír a actividade presencial das oficinas nunha estratexia que o persoal advirte como "global". "As sucursais xa non son esenciais porque non é a economía real a que move o negocio dos bancos", denuncia Freire.
Noutros casos, as queixas e a imposibilidade dos traballadores a realizar determinadas xestións a partir dun horario acabou peor. "Xa houbo que chamar á policía algunha vez porque hai xente que non o entende e alporízase de máis", confesa unha traballadora de banca. A solución para moita da clientela enfadada é o cambio de entidade.
"Hai bastante xente que optou por Caixa Rural porque o servizo é máis tradicional e persoal", din desde unha oficina do BBVA. Noutros casos, cada vez en máis concellos ou núcleos importantes de poboación, non hai alternativa. "Ou desprázanse a outra localidade porque alí non teñen oficina ou quedan na única que hai", explica persoal bancario. No fondo, outro servizo que esmorece no rural ou nas vilas afastadas das áreas metropolitanas. Entre campañas contra o despoboamento ou polas alternativas fóra das cidades.