Abanca pide "desculpas" e retira unha campaña para fomentar o uso dos caixeiros e a banca electrónica. A entidade comezará a "retirar" os carteis. "A nosa intención non é incomodar a ninguén", asegura.
Fálase
A Xunta mantén sete comunidades, entre elas Asturias e Castela e León, coa obriga de control pola COVID de viaxeiros que cheguen a Galicia. Unha nova actualización da anterior listaxe de territorios, do 9 de febreiro, segue a contemplar o rexistro de viaxeiros tamén para Portugal e Francia.
Alcoa e Goberno central buscarán un acordo de compravenda da planta da Mariña antes do 30 de abril. A idea é que a SEPI merque para despois vender a factoría a Liberty House, que "segue interesada" en mercala.
A Xunta retoma o mapa de varios niveis de restricións para permitir a reapertura "gradual" da hostalería, a mobilidade entre concellos e as reunións de non conviventes. Agora serán tres niveis e os concellos con incidencia acumulada a 14 días maior de 500 manterán o peche individual e a hostalería, pechada. Ademais, neste caso para toda Galicia, permitirá reabrir os centros comerciais que aínda mantiña pechadas nas fins de semana. Confirma, ademais, o retorno ás aulas universitarias presenciais o 1 de marzo. Toda a información sobre as novas restricións, este mediodía en Praza.gal
O festival O Marisquiño non se celebrará en 2021. A organización confirma a suspensión do evento por falta de financiamento, asegura que "non volverá celebrarse en Vigo" e, segundo a empresa, promotora, Factor Ulises, valorarán a posibilidade de celebralo fóra de Galicia. Entre os recortes e incertezas sobre achegas económicas citan ao Concello de Vigo, á Deputación de Pontevedra e á Xunta. Tras o accidente de 2018, O Marisquiño volveuse celebrar en 2019 pero non en 2020, por mor do coronavirus.
A Xunta segue a fixar datas para exames de oposicións adiados pola pandemia. Os días 20 e 21 de marzo desenvolveranse nos recintos feirais de Silleda e Lugo. as probas de Psicoloxía, Traballo Social, Asistencia Social, Corpo Superior, Medicina e Bioloxía. Así o vén de anunciar o Goberno galego.
Ana Peleteiro revalida o seu título de campioa de España de triplo salto. A atleta barbanzá saltou 14,21 metros. RTVE ofrece as imaxes da competición (Imaxe: captura RTVE). A mugardesa Belén Toimil, pola súa banda, rematou campioa de lanzamento de peso cun lanzamento de 17,81 metros.
O galego é a lingua con máis falantes en Bizkaia tras o éuscaro e o castelán. Así o acredita un estudo da Deputación biscaíña que recolle ETB. A fonda pegada da emigración galega en Euskadi foi retratada por Davide Cabaleiro no documental Sitio Distinto. Na imaxe, o Guggenheim de Bilbao (CC-BY Naotake Murayama)
Persoal da CRTVG mobilizado na plataforma Defende a Galega cumpre 144 'venres negros' reivindicando a aplicación íntegra da lei dos medios públicos."Di o director xeral que a achega dos traballadores é fundamental para gañar novos públicos. Por que non nos deixa entón facer o noso traballo? Por que o supedita aos intereses de quen está no poder?", pregúntanse nesta nova xornada de mobilización.
A Audiencia da Coruña fixa en 25 anos o tempo mínimo de cadea antes da revisión da prisión permanente a que foi condenado o autor do asasinato de Diana Quer en 2016. O tribunal fixa tamén en 18 anos o prazo para que José Enrique Abuín poida acceder ao terceiro grao penitenciario que lle permitiría saídas puntuais. Abuín, detido en decembro de 2017, foi condenado por asasinato e agresión sexual en novembro de 2019, sentenza que o TSXG ratificou o pasado xuño.