Galicia encara a terceira 'desescalada' de restricións da COVID con 300 hospitalizacións máis que no inicio da segunda

Cribado da COVID en Muxía o 12 de febreiro de 2021 © Concello de Muxía

O actual paquete de restricións da Xunta pola COVID-19 indican que a súa vixencia chega ata o 3 de marzo. Non obstante, o presidente do Goberno galego xa avanzara que as van volver revisar este luns, 22 de febreiro, e distintas fontes gobernamentais apuntan a que o farán para dar o visto e prace a unha relativa relaxación. Isto é, ao inicio do que sería a terceira desescalada, termo empregado dende o pasado ano para os períodos de levantamento máis ou menos gradual das limitacións.

Todos os principais indicadores da pandemia están en liña claramente descendente, pero aínda por riba das cifras previas á segunda 'desescalada', a da ponte da Constitución

A anterior ocasión en que a Xunta anunciou o inicio dunha "desescalada" foi o pasado decembro, antes da ponte da Constitución. Agora, case tres meses despois, o país segue descendendo dende a que foi a terceira vaga da pandemia, a máis virulenta, que só dende o Nadal deixa tras de si 50.000 novos positivos detectados e algo máis de 800  mortes. Neste escenario, todos os principais indicadores están aínda por riba dos niveis que marcaban antes da segunda "desescalada", aínda que agora existe tamén outro elemento sobre a mesa que daquela aínda estaba por chegar: o comezo da vacinación.

Como coas restricións impostas o pasado novembro, no pico da segunda vaga, a Xunta sinalou que un dos principais obxectivos das medidas posteriores ás festas ía ser procurar "que os centros sanitarios poidan resetearse". Isto é, que a presión no Sergas derivada da pandemia, especialmente nos hospitais, regresase aos niveis previos á explosión de contaxios das semanas do Nadal, Reis e Aninovo. Isto, polo momento, aínda non sucedeu.

Como amosa a táboa sobre estas liñas, as persoas con test positivo da COVID-19 que están hospitalizadas superan actualmente en máis de 300 ás que o estaban ao comezo da segunda "desescalada". No caso concreto das unidades de coidados intensivos, son case un cento máis. Do mesmo xeito, tanto os indicadores de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a sete e 14 días como a media semanal de contaxios e mortes superan os de principios de decembro. Todos estes indicadores seguen trazando, non obstante, unha liña claramente descendente.

No que atinxe ás unidades de coidados intensivos, foi esta semana cando comezaron a percibirse descensos de importancia. Segundo os datos difundidos este domingo, 21 de febreiro, -pechados ás seis da tarde do sábado-, hai aínda 155 persoas infectadas coa COVID nas UCI galegas. No pico de ocupación das unidades de críticos na segunda vaga foran 110. [O ritmo de novos casos da COVID en Galicia roza niveis previos ao Nadal tras 50.000 positivos e 800 mortes]

Aínda que este domingo a hospitalización ordinaria aumenta levemente (580 persoas, tres máis que o día previo), o total de pacientes con test positivo da COVID segue baixando. Os actuais 735 son 5 menos que un día antes e 262 menos que o mesmo día da semana anterior. Cómpre ter en conta, en calquera caso, que estas diminucións se deben tanto a altas hospitalarias como a altas epidemiolóxicas (persoas que pasan a dar negativo por superaren a infección, pero precisan seguir ingresadas) e, en menor medida, aos falecementos.

Os 289 casos novos que suma o Sergas este domingo son a menor cifra en vinte e catro horas dende o 27 de decembro

Con este pano de fondo, o Sergas suma este domingo ao seu cómputo un total de 289 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do venres e a mesma hora do sábado, dos que 252 son diagnósticos mediante PCR. Trátase da menor cantidade de novos casos rexistrados en vinte e catro horas dende o 27 de decembro, cando aínda non era posible rexistrar os primeiros contaxios do Nadal. Nesta liña, a media semanal de diagnósticos mediante PCR sitúase agora nuns 321 ao día. É un nivel, agora si, practicamente equiparable ao previo ás festas, pero un chisco superior ao do comezo da segunda "desescalada".

A combinación do descenso de novos casos co gran número de altas epidemiolóxicas (o total dende o comezo da pandemia está a piques de chegar ás cen mil) permite que a cifra dos considerados como "positivos activos" siga descendendo. Este domingo cruza cara a abaixo o limiar dos oito mil por primeira vez dende o 12 de xaneiro e fica en 8.616. No comezo da devandita segunda "desescalada" eran 6.712. [Menos residencias e persoal sanitario, pero máis maiores de 80: as razóns polas que Galicia terá agora máis vacinas da COVID]

A incidencia segue baixando, pero cun ritmo estancado

Os concellos con máis de 500 casos novos por cen mil habitantes a catorce días xa son apenas vinte

O pronunciado descenso no número de casos novos rexistrados cada día segue propiciando que continúen baixando as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días, se ben o ritmo de descenso destes indicadores tende a estancarse na última semana. Os concellos sen casos novos nas últimas dúas semanas xa son máis de corenta -a mediados de decembro superaron o centenar- e os que superan os 500 casos novos por cada cen mil habitantes a dúas semanas xa son apenas vinte -durante o mes de xaneiro superaron os 180-. O concello de máis de dez mil habitantes con maior incidencia acumulada a catorce días, Carballo, sitúase nos 598.

En consonancia con esta mellora, as incidencias acumuladas nas sete principais cidades, que a Xunta adoita sinalar como un dos principais termómetros da situación xeral, continúan a descender. Son xa tres as que baixan dos 200 casos novos por cada cen mil habitantes (Ourense, Santiago e Vigo) e a que segue tendo a incidencia acumulada máis elevada, A Coruña, está a piques de baixar dos 400.

A positividade media das probas PCR a 7 días segue por baixo do 5%, limiar sinalado pola OMS para dar por controlada a pandemia nun territorio

Todos estes datos rexístranse tras unha semana con arredor de 6.600 probas PCR procesadas ao día, practicamente a metade que nos días con máis test do pasado xaneiro. O número de PCR realizada está relacionado tanto coa procura activa de casos asintomáticos (mediante cribados) como co número de persoas que son sometidas ao test por seren sospeitosas de estaren contaxiadas, teñan ou non síntomas.

Tendo en conta este contexto, resulta significativo que o descenso no total de probas PCR non provoque un incremento nas taxas de positividade, isto é, na porcentaxe de test que dan positivo. A media diaria dos últimos sete días neste indicador segue por baixo do 5%, o limiar que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar a pandemia por controlada nun determinado territorio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.