A terceira vaga da pandemia do coronavirus remite con forza a nivel internacional e, no caso galego, faino de forma moi pronunciada dende comezos de febreiro, cando comezou a remitir a explosión de casos detectados tras as semanas do Nadal, Aninovo e Reis. Os principais indicadores epidemiolóxicos de Galicia xa regresaron a niveis previos ao Nadal ou están a piques de facelo e isto sucede tras apenas dous meses con case 50.000 novos casos detectados polo Sergas e 800 falecementos de persoas que contraeran a COVID-19.
O 45% dos positivos e o 37% das mortes de persoas coa COVID-19 en Galicia rexistráronse dende o 24 de decembro
Atendendo ás cifras oficiais fornecidas pola Consellería de Sanidade, o 45% dos casos da COVID-19 confirmados en Galicia foron detectados dende o 24 de decembro, o cal é mostra da virulencia da terceira vaga, mais tamén da actual capacidade diagnóstica, moi superior ao do comezo da pandemia, pero semellante á da segunda vaga. Dende aquela xornada, as mortes confirmadas de persoas infectadas polo coronavirus son xa 800, o 37% do total. Tras os dez falecementos incorporados ao cómputo oficial este 20 de febreiro (catro deles das últimas vinte e catro horas), o total chega a 2.164.
Este sábado, o Sergas suma 417 novos casos da COVID-19, os detectados entre as seis da tarde do xoves e a mesma hora do venres. Deles, 309 son diagnósticos mediante PCR. Alén das oscilacións concretas dun día puntual (a notificada este sábado é a cifra máis alta no que vai de semana), a media diaria de diagnósticos mediante PCR rolda na última semana os 340, isto é, un nivel moi semellante ao previo ao Nadal e practicamente idéntico ao dos días posteriores á ponte da Constitución, cando se rexistrara unha lixeira repunta.
Mentres, o Sergas segue revisando a súa serie histórica de datos e recolocando e incorporando casos rexistrados dende o 1 de xaneiro, ata 128 nos últimos dous días. Algúns, directamente como persoas recuperadas (así sucede, por exemplo, no caso de positivos en test de anticorpos en persoas sen sintomatoloxía e con PCR negativa). O gran número de altas e a tendencia descendente nas cifras de novos casos permite que os positivos activos sexan menos de 10.000 por primeira vez dende o 13 de xaneiro [podes consultar aquí a serie íntegra de casos activos por áreas sanitarias]
A incidencia a 14 días baixa de 280
Os concellos con máis de 500 casos novos por cen mil habitantes a 14 días roldan a trintena tras chegar a ser máis de 180 durante o mes de xaneiro
Un dos indicadores que aínda non regresou a niveis previos ao Nadal -pero cunha tendencia que permite augurar que o fará proximamente- é a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días. Ese indicador baixa xa dos 280 casos e rolda os 276 para o conxunto de Galicia, aínda superando o previo ao Nadal (algo menos de 190). Non obstante, a incidencia acumulada a 7 días (arredor de 100) si é xa moi semellante á anterior ás festas (90).
En liña con estes descensos, a situación vai mellorando aos poucos sobre o mapa. Os concellos que superan os 500 casos novos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas son xa menos de 30 (en xaneiro chegaron a superar os 180) e entre eles só hai catro que teñan máis de dez mil habitantes: Carballo, Sada, A Laracha e Betanzos. Mentres, os municipios sen novos casos rexistrados nos últimos 14 días roldan os corenta.
Aínda que con ritmos dispares, a melloría tamén é obvia nas sete principais cidades. Xa só dúas superan os 400 casos novos por cen mil habitantes a 14 días, A Coruña e Ferrol. Na banda contraria, Vigo segue sendo a que rexistra menor incidencia, cuns arredor de 170 casos novos por cen mil habitantes a 14 días, nivel ao que está a piques de chegar Santiago tras un incremento no seu ritmo de descenso nas últimas xornadas. Ese ritmo tende a enlentecer en Lugo e, en menor medida, en Pontevedra.
Menos de 800 persoas hospitalizadas con test positivo
Todos estes alivios seguen chegando máis tarde e máis devagar aos hospitais. Os datos deste sábado reflicten un total de 740 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus, menos de 800 por primeira vez dende finais de xaneiro. Son 73 menos que vinte e catro horas antes e 261 menos que o mesmo día da semana anterior. Nesa diminución inflúen as altas hospitalarias, pero tamén as epidemiolóxicas (persoas que pasan a dar positivo, pero seguen ingresadas) e os falecementos.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o último punto do sistema sanitario en percibir este relativo acougo seguen sendo as unidades de coidados intensivos. Agora son 163 persoas na UCI con test positivo do coronavirus, un nivel tamén moi semellante ao de finais de xaneiro. Segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Sanidade este venres (a Xunta dispón de datos de hospitalización acumulada, pero non os divulga), dende o comezo da pandemia foron xa 11.699 as persoas infectadas que precisaron ser hospitalizadas e delas, 1.543 precisaron asistencia na UCI.
O que está por vir: descenso da incidencia, pero máis lento
Neste contexto e mentres a positividade media das probas PCR segue roldando o 5% para o conxunto de Galicia (limiar sinalado pola Organización Mundial da Saúde como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio), cabe preguntarse cal será a tendencia epidemiolóxica do país nos vindeiros días e semanas. Máis aínda tendo en conta que o Goberno galego se dispón, segundo recentes declaracións, a relaxar algunhas das restricións vixentes a partir da semana próxima.
Dende hai unha semana, o ritmo de baixada da incidencia tanto a 7 como a 14 días tende a estancarse
Atendendo á razón de taxas (comparación entre as incidencias acumuladas a 7 e 14 días dunha xornada determinada e o mesmo día da semana anterior), a incidencia da COVID-19 vai seguir baixando, pero vaino facer a menor ritmo. Mentres estes valores se atopen entre 0 e 1, a pandemia estará a remitir en Galicia. É o que sucede coas incidencias tanto a 7 como a 14 días, se ben dende hai unha semana semella claro un certo estancamento. Isto non quere dicir que a situación tenda a empeorar, senón que o ritmo de mellora se estanca ou diminúe.