Unha explosión sen precedentes seguida dunha caída de intensidade equiparable. A incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días da COVID-19 leva descendendo con intensidade en Galicia dende comezos de febreiro, xusto despois de tocar teito arredor de 774. Son 20 días de descenso sostido e, como amosa o gráfico baixo estas liñas, tan intenso como a suba disparada provocada pola detección masiva de contaxios das semanas do Nadal, Aninovo e Reis.
Tras unha caída sen precedentes, a incidencia acumulada a 14 días baixa dos 300 casos novos por cada cen mil habitantes; antes do Nadal era inferior a 190
Malia a esta substancial mellora, Galicia está agora apenas un chisco por baixo do que fora o pico de incidencia a 14 días rexistrado na segunda vaga da pandemia, a única equiparable por existir daquela unha capacidade diagnóstica á que actualmente ten o Sergas. E, sobre todo, o valor deste indicador aínda está en torno a un 60% por riba do que se rexistraba ao comezo das pasadas festas, arredor de 187 casos por cada cen mil habitantes. Aínda moito máis lonxe dos arredor de 109 de principios de outubro.
Mentres a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) segue descendendo e permite augurar que, agás un cambio moi brusco de tendencia, será a semana que vén cando Galicia chegue a niveis equiparables aos previos ao Nadal, a evolución das áreas sanitarias dá tamén mostra tanto da intensidade da caída como da altura do pico da terceira vaga. A principios de febreiro, todas as áreas sanitarias superaban os 600 casos novos a 14 días por cada cen mil habitantes e dúas delas, A Coruña-Cee e Ferrol, roldaban os 900. Agora son xa catro as que están por baixo dos 250 casos por cada cen mil habitantes, un dos primeiros obxectivos marcados polo Sergas para o conxunto de Galicia como limiar para dar por relativamente controlada a situación.
Estabilidade na contorna dos 300 casos novos diarios
O actual escenario chega tras unha semana na que o número de casos novos sumados cada xornada polo Sergas está a estabilizarse na contorna dos 300, na liña do que sucedera antes da ponte da Constitución e tamén antes do Nadal. Este venres, Sanidade engade ao seu cómputo 353 novos casos (apenas 2 máis que a xornada previa), dos que 325 son diagnósticos mediante proba PCR.
Na última semana, Galicia rexistra unha media diaria duns 353 diagnósticos da COVID-19 mediante PCR. Antes do Nadal eran apenas 300, nivel que cabe esperar para a vindeira semana. Galicia non descende dunha media semanal de 200 casos novos ao día dende principios de outubro.
Os positivos activos son menos que no pico da primeira vaga por primeira vez dende mediados de xaneiro e o Sergas incorpora 64 casos de días pasados
A moderación nas cifras de novos casos e o alto número de altas epidemiolóxicas de persoas contaxiadas durante as festas permite que a cifra de positivos activos sexa, por primeira vez dende mediados de xaneiro, inferior ao que fora o pico da segunda vaga neste indicador. Os datos pechados ás seis da tarde do xoves sitúano en 10.040 casos. Todo, nun contexto no que a Consellería de Sanidade continúa a revisar e consolidar os seus propios datos, unha práctica habitual tanto no departamento sanitario galego como no Ministerio de Sanidade e que, neste caso, implicou que o Sergas sumara 64 casos de diferentes áreas que non foran notificados dende principios de ano. [A vacinación reduce ao mínimo os novos positivos de COVID nas residencias galegas]
Unha trintena de concellos por riba de 500
Neste contexto, os descensos nas incidencias acumuladas tamén se van espallando polo mapa. Tras un mes de xaneiro no que chegou a haber máis de 180 concellos con máis de 500 casos novos por cada cen mil habitantes en 14 días, os municipios que superan ese limiar agora son xa apenas unha trintena. Ademais, ningunha das sete principais cidades supera xa ese limiar. Entre os concellos con máis de 10.000 habitantes, as incidencias máis elevadas rexístranse en Carballo (696) e Sada (623).
Todos estes datos rexístranse nun contexto no que tamén se modera o número de probas PCR procesadas polo Sergas cada xornada. Nos últimos sete días son unhas 6.900 por xornada, practicamente a metade das que se chegaron a rexistrar nun só día a finais de xaneiro e principios de febreiro, xornadas marcadas polo altísimo número de casos sospeitosos de ser positivos e tamén pola realización de múltiples cribados pasivos. A diminución no número de probas non está a provocar, non obstante, un incremento das taxas de positividade (porcentaxe de probas que dan positivo), indicador que segue estable arredor do 5%, limiar que a Organización Mundial da Saúde estipula para dar por controlada a pandemia nun determinado territorio.
Menos ingresos nas UCI que no pico da primeira vaga
As UCI experimentan os primeiros descensos significativos de pacientes coa COVID e rexistran 169 ingresos, menos que no pico da primeira vaga por primeira vez dende finais de xaneiro
Todos estes freos nos novos casos e nos indicadores de incidencia seguen chegando devagar ás cifras de hospitalización, que este venres (con datos pechados ás seis da tarde do xoves) reflicten un total de 813 persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus, 50 menos que un día antes e 271 menos que o mesmo día da semana anterior.
Os principais alivios neste indicador seguen chegando dende as unidades ordinarias de hospitalización, se ben as cifras de ingresos en UCI comezaron a baixar esta semana de xeito máis significativo. As persoas en coidados intensivos con test positivo da COVID son agora 169, o que supón que sexan menos que no pico da primeira vaga por primeira vez dende finais de xaneiro.
Mentres, o freo xeral tamén semella estar a chegar ás cifras de mortalidade. O Sergas incorpora este venres outra 7 mortes de persoas que contraeran a COVID, unha delas das últimas vinte e catro horas e as outras cinco, dos dous días anteriores. O total chega así aos 2.154 falecementos oficialmente ligados á pandemia en Galicia nunha semana cunha media de 13 mortes diarias.