A mudanza nas restricións contra a COVID permite abrir as fins de semana ás "grandes superficies" que a Xunta non considera "centro comercial"

Centro comercial Compostela de El Corte Inglés, en Santiago, nunha imaxe de arquivo © El Corte Inglés

Unha pequena modificación na nova orde de restricións permite abrir as fins de semana a "grandes superficies" que non puideron facelo nas últimas semanas

Unha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia (DOG) concretou as novidades nas restricións pola COVID que están vixentes desde este mércores 17 de febreiro. As novas medidas supoñen a reapertura de espazos culturais e universitarios, así como a relaxación no veto ao deporte federado e outros ámbitos, pero sobre todo o levantamento das restricións horarias no comercio. 

Fronte ao peche do comercio non esencial ás 18 horas que estaba en vigor ata este pasado martes, a Xunta establece nas 21.30 horas o novo límite, cunha capacidade ao 50%. Ademais, os centros comerciais, agás as súas zonas de comercio esencial, deberán seguir pechados os sábados, domingos e festivos e cunha capacidade do 30% nas súas áreas comúns. 

Espazo de El Corte Inglés no centro comercial Marineda City © El Corte Inglés

El Corte Inglés advertiu dos cambios ao anunciar a apertura o sábado dos seus centros en Galicia agás un; persoal e sindicatos chamaron a atención sobre a mudanza

Semellaba que nada mudaba nas restricións a estas grandes áreas comerciais, que se manterían pechadas nas fins de semana e nos festivos ata, como mínimo, o vindeiro 3 de marzo. Pero non é así. Unha pequena modificación na nova orde permitirá a apertura a "grandes superficies" que non son consideradas "centros comerciais" pola Xunta e que mantiveron as súas portas pechadas os últimos tres sábados. 

Foi El Corte Inglés quen advertiu dos cambios ao anunciar, hai tan só uns días, que abriría a partir deste mércores todos os seus establecementos en Galicia de luns a sábado e de 9 a 21 horas, agás o que ten no centro comercial Marineda City da Coruña, que non abrirá nas fins de semana. Persoal e sindicatos chamaron a atención sobre unha mudanza non agardada. 

"A única excepción a esta apertura represéntaa o centro de Marineda pola consideración de pertencer a un 'parque ou centro comercial ou que forme parte deles', segundo se recolle no punto 3.7 da orde da Xunta", explicaba El Corte Inglés nunha nota, en referencia á lixeira modificación que sufriu ese artigo --e outros-- e que lles permitiu saltar as restricións das fins de semana que viñan mantendo os seus outros establecementos establecementos en Galicia, na Coruña, Santiago e Vigo. 

"Mudou a normativa e eses centros non se inclúen nas restricións", confirmaron a Praza.gal fontes da empresa, que aluden a un cambio que xa advertira tamén algún sindicato. "El Corte Inglés alega que non é centro comercial, senón que son grandes almacéns, polo que agora non lles afecta o peche das fins de semana", asegurou a Federación de Servizos de CCOO-Galicia. 

A Xunta eliminou a referencia a "grandes superficies" na nova orde, o que permite abrir a grandes espazos como El Corte Inglés

Onde está o truco? Na orde do 26 de xaneiro de 2021, a Xunta establece que "os establecementos e locais comerciais retallistas abertos ao público situados en centros e parques comerciais, así como as grandes superficies, deberán pechar ao público ás 18 horas, salvo que teñan fixado, de acordo coa normativa vixente, un horario inferior. Así mesmo, deberán pechar os sábados, domingos e festivos". Na orde do pasado 15 de febreiro, que prorroga a primeira, aclárase que "os centros e parques comerciais deberán pechar ao público as 21.30 horas, agás que teñan fixado, de acordo coa normativa vixente, un horario inferior ou superior. Así mesmo, pecharán os sábados, domingos e festivos".

Xa que logo, o termo "grandes superficies" desaparece desta limitación, o que abre a man nas fins de semana. Así o confirman desde El Corte Inglés, que aclara que é esa supresión a que lles permite a apertura os sábados dos seus centros, ao non considerarse un centro comercial nin formar parte del, como si sería o caso do do Marineda City. 

A Xunta levou a cabo as modificacións para "precisar algunhas cuestións que foron obxecto de numerosas consultas por parte dos destinatarios das medidas"

Así, e aínda que o propio El Corte Inglés denomina "centros comerciais" --mesmo na cartelería exterior dalgún deles-- aos establecementos que abrirán o sábado, non son incluídos entre os espazos que teñen prohibida a súa apertura as fins de semana. O mesmo podería ocorrer con outras grandes superficies que, ao non atoparse dentro dun gran centro ou parque comercial, terán a posibilidade de traballar tamén este vindeiro día 19

Na súa propia orde, a Xunta advirte de que modifica o artigo 3.7 --ao que fai referencia El Corte Inglés--, "co obxecto de precisar algunhas cuestións que foron obxecto de numerosas consultas por parte dos destinatarios das medidas". Nel considera que "se entenderán por centros e parques comerciais os establecementos comerciais de carácter colectivo definidos no número 2 do artigo 23 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia". Na orde de xaneiro, a esta mesma frase engadíaselle outra que agora desaparece: "Entenderase como grandes superficies as que superen os 2500 metros cadrados".

Na Lei de comercio interior de Galicia non se define "centro comercial" especificamente e como colectivo fala de "conxunto de establecementos comerciais individuais ou de puntos de venda diferenciado".

Desde CCOO, a secretaria xeral da Federación de Servizos, Lucía Trenor, entende que "se as medidas se toman para evitar contaxios coas aglomeracións, parece evidente que hai cousas que non teñen moito sentido". E fai referencia o feito de que o centro comercial Catro Camiños da Coruña non poderá abrir o sábado, mentres si o fará El Corte Inglés, pegado a este último e comunicados ambos por un corredor interior. 

"Non se permite abrir ese centro comercial, pero si a gran superficie que está pegada ou establecementos textís enormes, con ata catro plantas e coñecidas aglomeracións", engade. "É a Xunta quen debe determinar que hai que pechar e que non, pero debe atender a criterios de saúde pública", insiste Trenor, que cre que "a lóxica" leva a pensar que se deberían evitar "todos aqueles sitios que se poden masificar". 

Edificio de El Corte Inglés en Vigo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Roi González

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.