Menos de 200 positivos do coronavirus nas UCI galegas por primeira vez dende o Nadal

Indicacións para o cribado da COVID-19 en Sada nos primeiros días de febreiro © Concello de Sada

Ás seis da tarde do martes, 16 de febreiro, había nas UCI galegas un total de 187 pacientes con test positivo do coronavirus. Son aínda dez máis que no pico de hospitalización en coidados intensivos na primeira vaga da pandemia en Galicia, pero case 70 menos que o pasado 8 de febreiro, cando chegaron a rexistrarse 254.

As actuais 187 persoas na UCI con test positivo da COVID son dez máis que no pico de ocupación da primeira vaga, pero case 70 menos que a comezos de mes, cando chegaron a ser 254

Sempre tendo en conta a cautela de que as persoas que pasan a dar negativo pero precisan seguir na UCI desaparecen da estatística (como marcan os protocolos vixentes), os datos difundidos polo Sergas este 17 de febreiro son os primeiros, dende o 28 de decembro, xusto despois do Nadal, que reflicten menos de douscentos pacientes coa COVID-19 en coidados intensivos. Comezan a chegar, daquela, os primeiros alivios relativamente relevantes a este crítico elo da cadea hospitalaria. 

Estas primeiras diminución de relevancia chegan ás UCI despois de que, dende principios de mes, comezase a percibirse un certo acougo nas unidades de hospitalización ordinaria. Nelas hai agora 737 persoas (9 menos que un día antes). O total de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus descende así ata as 924; 27 menos que un día antes e 291 menos que o mesmo día da semana anterior. Estas diminucións débense a varios factores: altas epidemiolóxicas (pacientes que superan a infección pero seguen ingresados), altas hospitalarias e, en menor medida, falecementos.

O Sergas suma 357 casos novos, a menor cifra en vinte e catro horas dende principios de xaneiro; a media semana de diagnósticos por PCR segue por riba dos niveis previos ao Nadal

Vanse así cumprindo, aos poucos, os prognósticos trazados dende os hospitais en semanas pasadas, cando o persoal sanitario auguraba que cumpriría chegar a mediados de febreiro, tras máis de dúas semanas de caída sostida no número de positivos rexistrados tras a explosión do Nadal, para detectar un certo alivio na presión hospitalaria. Ese descenso de novos casos segue rexistrándose con claridade -aínda que cun ritmo un chisco menor que nas semanas previas- e o Sergas suma este mércores 357 casos novos, a menor cifra en vinte e catro horas dende principios de xaneiro. 

Deses 357 casos rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes, 323 son diagnósticos mediante probas PCR. Na última semana, cos datos do último día natural completo dispoñible (o luns, 15), en Galicia rexístrase unha media diaria de 469 diagnósticos da COVID a través destas probas. A liña segue tendendo á baixa pero, malia continuar no período de descenso máis prolongado dende o inicio da pandemia, aínda segue por riba da situación previa ao Nadal, cando roldaba os 300.

A baixada sostida no número de casos novos e as cifras de altas epidemiolóxicas, que seguen sendo moi elevadas (máis de 20.600 nos primeiros 16 días de febreiro, para un total de 95.465), permite que o número de casos considerados "positivos activos" siga descendendo. Os datos deste mércores reflicten 11.742, xa moi por baixo dos máis de 22.000 acadados a comezos de febreiro pero aínda por riba do pico da segunda vaga, que apenas pasou dos 10.000 [podes consultar a serie íntegra de casos activos por áreas sanitarias nesta ligazón]

A incidencia acumulada baixa máis devagar, pero segue descendendo

Tras máis de dúas semanas de pronunciado descenso, a incidencia acumulada a 14 días aínda duplica a rexistrada antes das festas

As devanditas cifras de casos novos rexistrados permiten que as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) sigan descendendo, aínda que nos últimos días o fagan cun ritmo máis moderado, especialmente o indicador a sete días. A incidencia a 14 días rolda agora os 360 casos novos por cada cen mil habitantes no conxunto de Galicia, o dobre dos días previos ao Nadal e tamén por riba do pico da segunda vaga da pandemia.

A incidencia a sete días, con 134 casos novos por cada cen mil habitantes, é a que máis claramente está a moderar o seu ritmo de decrecemento. No seu caso, xa está por baixo do pico da segunda vaga da pandemia, pero aínda non do nivel previo ao Nadal, cando chegara a descender con claridade por baixo de cen.

Sobre o mapa, a melloría xeral das incidencias acumuladas é tamén evidente. Os concellos sen novos casos rexistrados nas últimas dúas semanas xa superan a trintena -a mediados de decembro chegaron a ser máis dun cento e a finais de xaneiro, apenas unha decena- e só sete superan os mil casos novos por cen mil habitantes a 14 días. Os municipios con incidencias acumuladas superiores a 500 están a piques de descender do medio cento e entre eles xa só está unha das sete cidades, A Coruña. Mentres, na banda contraria a urbe máis poboada do país, Vigo, segue descendendo e, de manter a tendencia actual, en apenas dous días baixará dos 200 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días [podes consultar a evolución das sete cidades nesta ligazón]

Positividade media das probas PCR na contorna do 5%

Todas estas cifras rexístranse nun contexto no que o número de probas PCR procesadas cada día comeza a descender aos poucos, de xeito paralelo ao acougo nos contaxios e tamén tras semanas cun gran número de cribados en diversos puntos do país. Na última semana, o Sergas procesou unha media de máis de 8.000 probas PCR ao día, unha cifra moi elevada en comparación co conxunto da pandemia, pero máis baixa en comparación cos últimos días de xaneiro e os primeiros de febreiro, cando chegaron a procesarse máis de 13.000 nun só día.

A diminución no número de probas PCR non está a provocar un incremento da taxa de positividade

A realización de cribados adoita favorecer o descenso das taxas de positividade (número de probas que dan positivo) pero, nos últimos días, a diminución do total de PCR non está a provocar subas significativas nesta taxa. Así, para o conxunto de Galicia, a positividade media das PCR nas últimas semanas xa rolda o 5%, o nivel que a Organización Mundial da Saúde sinala como limiar para dar a pandemia por controlada nun territorio. As áreas sanitarias de Ourense, Lugo, Vigo e Santiago xa están por baixo do 5%.

Como adoito, o último indicador ao que chega o alivio tras unha suba relevante dos casos rexistrados e da transmisión do virus é ao de falecementos. O cómputo oficial suma este 17 de febreiro outras 14 mortes de persoas que contraeran a COVID-19, seis delas da xornada previa. O total chega así a 2.138 tras unha semana cunha media superior ás 15 mortes ao día.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.