Feijóo condiciona o levantamento dalgunhas restricións pola COVID á vacinación da poboación maior de 80 anos

Feijóo na súa comparecencia tras o Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente apunta á hostalería como “sector crítico na transmisión do virus” e di que a Xunta está a axudala “con cantidades inxentes”

“Hai cousas que nos gustaría pero que a responsabilidade nos impedirá facer”. A resposta é de Feijóo tras ser preguntado en varias ocasións sobre as posibles medidas de alixeiramento das restricións que están en vigor desde o pasado 27 de xaneiro e que deben ser revisadas antes do próximo mércores 17 de febreiro. O presidente puxo o foco na necesidade de manter medidas especiais que non concretou “sobre todo no período ventá que imos investir en inmunizar aos maiores de 80 anos”

“Imos esperar ata a primeira, segunda semana de maio”, dixo, sen concretar o que debe agardar ata daquela, e poñendo así o foco no prazo estimado para que remate a inmunización dese grupo poboacional. Unha estimación que está condicionada a que se manteña o actual ritmo de obtención de vacinas e que podería acelerarse se chegan máis. Porén, se hai unha semana o propio Feijóo fixaba nos días “16, 17 de febreiro” o inicio da vacinación á poboación de máis de 80 anos, este xoves o presidente falou dos “días 22, 23”.

“É evidente que a hostalería é o sector con máis dificultades para poder levantar algunhas restricións”, di Feijóo

Feijóo foi preguntado en varias ocasións sobre cales poden ser as medidas da desescalada e se estas poden implicar ou non a reapertura da hostalería pechada en toda Galicia desde o 27 de xaneiro. O presidente insistiu en que non quería “prexulgar o contido e alcance” da desescalada de medidas, que deixou en mans do comité clínico que se reunirá o próximo luns, pero engadiu que “é evidente que a hostalería é o sector con máis dificultades para poder levantar algunhas restricións”.

Repreguntado sobre a mesma cuestión aínda engadiría que a hostalería “é un sector crítico na transmisión do virus” como ao seu ver se comproba na evolución da curva de contaxios en cuxa caída “o fundamental foi o peche da hostalería”. “ O cal non significa que os titulares dos locais sexan os responsables, en ningún caso, o sector é unha vítima máis da COVID, e por iso hai que axudala, e no caso de Galicia con cantidades inxentes de cartos, 160 millóns de euros, que é mais que o orzamento de toda a Consellería do Mar ou que finalizar a Autovía da Costa da Morte”, explicou.

Feijóo intenta negar a discrepancia co seu conselleiro de Sanidade, que dixo que "non procede falar agora de como vai ser a desescalada" tras el mesmo avanzar algunhas das súas características

O presidente tamén intentou xustificar a discrepancia das valoracións realizadas este mércores por el mesmo e polo seu conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sobre a oportunidade ou non de “falar de desescalada”. Tras avanzar el no Parlamento a primeira hora que esa desescalada será “medida” e “gradual”, o conselleiro foi preguntado de xeito específico por esas palabras do seu superior, ao que respondeu que “non podemos máis que falar de mantemento das medidas” e “non procede falar agora de como vai ser a desescalada”.

Preguntado por esa reprimenda do seu conselleiro por “falar” de “desescalada”, este xoves Feijóo terxiversou os feitos deste mércores e fixo ver que Comesaña non se refería ás súas verbas -cuestión pola que foi preguntado expresamente- senón que estaría a contestar a unha pregunta que non se lle formulou así sobre o tratado no comité clínico que viña de rematar e no que efectivamente non se adoptara aínda ningunha medida de desescalada. “Nin o comité nin o Goberno se nos ocorreu levantar ningún tipo de restricións, esa é a decisión que se adoptou e que adiantei”, dixo Feijóo este xoves malia que o que el fixo foi adiantar unha decisión que se tomará a próxima semana de forma “medida” e “gradual”, segundo as súas verbas.

Reunión do Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.