O presidente non responde ás preguntas directas de BNG e PSdeG polos proxectos da Xunta para os fondos de recuperación e as irregularidades na vacinación fronte á COVID
Segundo Feijóo, el mesmo defende os intereses de Galicia e non se pode empregar a expresión “Goberno do Estado” para referirse ao que lidera Pedro Sánchez senón “Goberno central” ou “Goberno de España” porque “Galicia tamén é Estado”. O presidente galego realizou esta reflexión na sesión de control do Parlamento deste mércores malia que tanto a Xunta como o PPdeG se refiren habitualmente ao “Goberno do Estado” e esa é a expresión empregada no Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 20. Feijóo renegou así do contido dunha norma, o Estatuto, que é á vez unha lei orgánica estatal, nunha intervención na que se presentou como home de Estado fronte á ameaza do terrorismo e o independentismo que ao seu ver supoñen para Galicia as figuras dos líderes de EHBildu e ERC Arnaldo Otegi e Oriol Junqueras.

Feijóo foi preguntado expresamente por BNG e PSdeG, a través de Ana Pontón e Gonzalo Caballero, polos proxectos galegos que aspiran ás axudas europeas á reactivación económica e polas irregularidades detectadas na vacinación fronte á COVID-19 coa administración de doses á alcaldesa de Boimorto ou a conselleira delegada das residencias DomusVi. O presidente non deu explicacións a ningunha das dúas cuestións máis alá de dicir que o PP “invitou a dimitir” á rexedora e, pola contra, acusou aos socialistas galegos de que cargos seus noutras comunidades autónomas tamén se vacinaron e aos nacionalistas de non defender os intereses galegos como fai el.
Pontón acusa a Feijóo dun "mix de opacidade e propaganda no que detrás non hai nada, non hai unha visión de país"
Feijóo centrou a súa resposta a Pontón na participación da líder do BNG nun mitin da campaña catalá xunto a Junqueras e Otegi para asegurar que “non se me ocorre nada máis antigalego” que ese feito. “Pódese ser máis ultra, máis radical?”, preguntouse Feijóo sobre un BNG ao que acusou de non defender os intereses de Galicia como asegura que fixo el na súa recente reunión con Sánchez. Pontón, pola súa parte, puxo o foco nos acordos do PP con Vox e lembrou que durante os gobernos de Feijóo Galicia non logrou nin unha soa nova transferencia de competencias estatais.

Caballero reclama explicacións polas irregularidades na vacinación da COVID e a intención de "salvar o Nadal"
Porén, nada detallou Feijóo dos proxectos de reactivación polos que lle preguntaba Pontón, que acusou o presidente dun “mix de opacidade e propaganda no que detrás non hai nada, non hai unha visión de país, de futuro”. Pola súa banda, e despois de que Caballero o acusase de errar no seu intento de “salvar o Nadal” coa moderación das restricións pola COVID, o presidente asegurou que na situación actual “imos facer o que nos comprometemos a facer, unha desescalada medida, gradual”.