Feijóo xustifica a vacinación da conselleira delegada de DomusVi "se tivo relación con maiores"

Josefina Fernández, conselleira delegada de DomusVi, nunha imaxe de arquivo co presidente Feijóo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente di que “todos os directores das residencias de Galicia foron vacinados” pero deixa no aire se foi correcto vacinar a Josefina Fernández, “directora dun conxunto de residencias”

Se tivo relación con maiores, a vacina é correcta, e se non a tivo terá que dar as explicacións oportunas”. Esta é a valoración do presidente Feijóo sobre a vacinación fronte a COVID que xa recibiu Josefina Fernández, conselleira delegada de DomusVi, o maior grupo de residencias privadas de Galicia.

Preguntado pola vacinación de Fernández, máxima responsable da emprega, Feijóo salientou que “todos os directores das residencias de Galicia foron vacinados”, pero el mesmo precisou que Fernández é “directora dun conxunto de residencias”, co que deixou no aire se considera ou non correcta a súa vacinación. “A pregunta é se algunhas das persoas directivas das residencias tivo relación con enfermos, maiores ou residentes”, dixo o presidente, pregunta que non respondeu para o caso da máxima responsable de DomusVi, da que se limitou a dicir que a empresa “notifica que esta persoa ten relación coas persoas das residencias que dirixe e tutela” pero non aclarou se a Xunta avala esa notificación ou non.

A resposta de Feijóo chega despois de que a portavoz do BNG, Ana Pontón, cualificase a vacinación de Fernández como “unha labazada na dignidade da xente” pola que considera que é o propio presidente da Xunta quen debe dar explicacións. Sobre a cuestión tamén se pronunciou o número 2 do PSdeG, Pablo Arangüena, que a considerou “inadmisible e lamentable”.

Defensa de Rajoy ante as revelacións de Bárcenas

“Sigo convencido da honorabilidade en toda a súa carreira política do presidente Rajoy”, di Feijóo sobre a acusación de Bárcenas de que destruíu probas do financiamento ilegal do PP

Por outra banda, Feijóo tampouco quixo pronunciarse sobre as acusacións do ex-tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, contra o ex-presidente do partido e do Goberno central Mariano Rajoy, do que di que destruíu documentación que certificaría o financiamento ilegal da formación. Segundo Feijóo, a acusación forma parte da “estratexia de defensa dunha persoa que está condenada por delitos de corrupción”. “Sigo convencido da honorabilidade en toda a súa carreira política do presidente Rajoy”, sentenciou o presidente da Xunta e do PP galego.

Rajoy e Feijóo nun mitin en Pontevedra © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.