Feijóo engade o confinamento local ás súas demandas a Sánchez, que defende o actual estado de alarma

Pedro Sánchez recibe a Núñez Feijóo na Moncloa © Goberno de España

Á morea de demandas que levaba apuntadas para trasladarlle ao presidente do Goberno central, Feijóo engadiu unha máis, tal e como asegurou na rolda de prensa posterior ao encontro con Pedro Sánchez na Moncloa. O presidente da Xunta reclamoulle que permita ás comunidades autónomas aplicar confinamentos domiciliarios a nivel local, naqueles municipios onde a incidencia do virus teña unha incidencia moi elevada, unha medida que Galicia non pode adoptar ao non estar contemplada no decreto que regula o estado de alarma, ao igual que o adianto do toque de recoller ás 20 horas, outra das solicitudes que este mércores levou a Madrid. 

Feijóo pediu a Sánchez que permita ás autonomías aplicar confinamentos domiciliarios naqueles municipios onde a incidencia do virus sexa moi elevada

Nunha nota de prensa feita pública ao pouco da xuntanza de case dúas horas, Moncloa lembrou que Sánchez repasou con Feijóo as medidas adoptadas polo Goberno contra os efectos da COVID, destacando "a ferramenta constitucional do estado de alarma como o instrumento máis sólido para facer fronte a esta calamidade"

Núñez Feijóo e Pedro Sánchez, durante a reunión na Moncloa © Goberno de España

Feijóo dixo ver "receptividade" ás súas demandas, pero Sánchez insiste en derrotar o virus "coas ferramentas legais avaladas polo estado de alarma"

"A miña sensación é que polo menos vaino pensar", dixo Feijóo á saída da reunión, tras asegurar ter visto "receptividade" por parte de Sánchez ás súas propostas. A resposta do Goberno central, no entanto, parece deixar claro que, no que ten que ver con esas dúas medidas para tornar a pandemia, as cousas seguirán como están. 

De feito, segundo Moncloa, Sánchez instou a Feijóo a "seguir avanzando no camiño da cogobernanza" para "volver derrotar o virus coas ferramentas legais avaladas polo estado de alarma e, sobre todo, cunha estratexia compartida de vacinación". 

Non foron estas as únicas reclamacións de Feijóo, que --tal e como adiantara o mércores na impetuosa intervención contra Sánchez no Parlamento galego-- pediu ao Executivo central un criterio unánime para a obrigatoriedade do uso da máscara FFP2 en determinados lugares, unha lei de pandemias ou o aumento da taxa de reposición para permitir á Xunta a convocatoria doutras 3.500 prazas en sanidade. 

Feijóo tamén reclamou a Feijóo "transparencia" na repartición dos fondos europeos, trasladándolle cinco proxectos que considera fundamentais dos elixidos pola Xunta para optar a financiamento da UE, ademais de advertirlle de que, segundo dixo, en Galicia "hai 16.500 empregos afectados polo novo modelo enerxético". Así, pediu solucións para o mantemento de Ence na ría de Pontevedra, para a fin das centrais térmicas nas Pontes e en Meirama ou para unha venda axiña da planta de Alcoa na Mariña, ademais de demandar a competencia en materia de Costas. 

Feijóo insistiu ademais na rebaixa das peaxes da AP-9 ou no impulso de proxectos como o acceso ao porto exterior da Coruña ou a saída sur de Vigo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.