O comité clínico no que a Xunta avalía a evolución da pandemia do coronavirus e do que emanan as restricións para frear os contaxios volveuse reunir este martes. Segundo o previsto, o comité centrouse en estudar os principais indicadores epidemiolóxicos e mais a forte presión que segue padecendo o sistema sanitario galego da COVID, toda vez que non está prevista mudanza ningunha no mapa de restricións ata o 17 de febreiro, segundo o estipulado no propio Diario Oficial de Galicia a finais de xaneiro.
Comesaña: "Sería pouco prudente, con 250 pacientes na UCI, comezar a falar da desescalada"
Na súa comparecencia ante a prensa para dar conta do abordado na reunión, o conselleiro de Sanidade foi cuestionado sobre posibles variacións nas restricións antes dese prazo, dada a relativa mellora da situación epidemiolóxica nos últimos días e a súa resposta foi clara. "Non podemos máis que falar de mantemento das medidas", respondeu Julio García Comesaña ás preguntas sobre unha eventual desescalada. "Sería pouco prudente, neste momento, con 250 pacientes na UCI, comezar a falar da desescalada", afirmou apenas unha hora despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzase no Parlamento sen mediar pregunta ao respecto que esa desescalada será "medida" e "gradual".
"Con ese número de pacientes" nas unidades de coidados intensivos e as previsións que apuntan a, cando menos, unha semana máis de forte presión nese elo dos sistema sanitario, "non é oportuno falar de medidas" ou da súa relaxación, reiterou o conselleiro ao ser repreguntado. "Imos seguir esperando"; abondou tras reflexionar que "non procede agora falar de desescalada". "Imos seguir cumprindo as medidas", resumiu.
Feijóo: "Imos facer o que nos comprometemos a facer, unha desescalada medida, gradual"
As preguntas dos xornalistas ao titular de Sanidade tiñan a intención declarada de obter máis información a respecto do anuncio do presidente da Xunta. Despois de que, dende as bancadas da oposición, regresasen os reproches sobre as súas verbas a respecto de "salvar o Nadal", Feijóo retrucou anticipando que "imos facer o que nos comprometemos a facer, unha desescalada medida, gradual". Ao contrario que o conselleiro, o presidente non fora preguntado especificamente sobre a relaxación das medidas.
Este contraste entre ambas versións sobre o futuro inmediato chega nun contexto no que o máximo responsable político do Sergas reiterou as chamadas á prudencia malia á mellora dos datos. A ocupación hospitalaria comeza a diminuír aos poucos, constatou Comesaña, quen instou a ter en conta que nas unidades de críticos a situación segue a ser "francamente preocupante" e nalgúns casos, "extrema".
No mesmo sentido, o xerente do Sergas, José Flores, admite que aínda faltan "uns días" antes de que a melloría xeral se perciba de xeito claro nas ocupacións das UCI. Nesta liña, e malia ao alivio nalgúns centros, Flores resalta que continúan os traslados de pacientes coa COVID dende o complexo hospitalario de Ferrol ata o de Lugo (foron xa unha vintena) e, aínda que en menor cantidade, dende Pontevedra a Vigo.