O número de casos novos da COVID-19 detectados en Galicia segue a descender tan rápido como subiu. Entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns, 8 de febreiro, o Servizo Galego de Saúde rexistrou 582 novos casos, 489 deles diagnósticos mediante proba PCR. Son xa catro xornadas por baixo do milleiro, o cal non sucedía dende os primeiros días de xaneiro, e dúas seguidas por baixo dos 600.
O número de casos novos segue descendendo tan rápido como subiu e o Sergas leva xa catro xornadas por baixo dos mil positivos novos e dúas entre os 500 e os 600
En termos de días naturais (das cero ás 23:59), a tendencia é semellante, con tres días seguidos por baixo dos mil e o último completo dispoñible, o domingo, na contorna dos cincocentos (536). Con estas cifras, a media diaria de diagnósticos mediante PCR segue baixando e xa se achega aos 800 por día na última semana. É un nivel, non obstante, aínda moi superior ao que fora o pico da segunda vaga (a única comparable, por dispoñer o Sergas daquela dunha capacidade diagnóstica semellante á actual).
O descenso no número de casos novos e o elevado número de altas epidemiolóxicas de persoas que se contaxiaran durante as semanas do Nadal, Aninovo e Reis (máis de mil todos os días dende o 27 de xaneiro agás un, con 938) seguen contribuíndo a que descendan as cifras de "positivos activos". Este martes o Sergas informa de que son 18.452, unha cifra semellante á de mediados de xaneiro.
Todo isto, nun contexto no que os cribados masivos en diferentes puntos do país continúa contribuíndo a que descendan moi notablemente a taxa de positividade das probas PCR. Na última semana, a porcentaxe de PCR que dan positivo cada día é dunha media do 6%, case a metade das cifras acadadas a finais de xaneiro.
As incidencias acumuladas a 7 e 14 días tamén descenden con intensidade, pero seguen por riba dos picos da segunda vaga, a única comparable neste aspecto
Esta tendencia descendente no número de casos detectados, máis acusada nos últimos días, contribúe a que sigan baixando as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) tanto a 14 como a 7 días e que o fagan, ademais, a xeito de espello, cun ritmo moi semellante ao ascenso anterior. En calquera caso, o bo comportamento destes indicadores nos últimos días non oculta que os actuais 600 casos novos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas ou os 242 nos últimos sete días seguen sendo, como amosa o gráfico baixo estas liñas, niveis que superan con moito os que foran os picos da segunda vaga.
Mostra de que a terceira vaga tende a remitir é tamén o indicador coñecido como razón de taxas. Dende comezos da semana pasada, as incidencias a 14 e 7 días son, cada xornada, inferiores aos do mesmo día da semana anterior. O resultado de dividir este indicador polo mesmo día da semana anterior é en ambos casos inferior a 1, o que indica que esta onda remite [podes ampliar estes datos nesta ligazón]
Case unha vintena de concellos sen novos casos en dúas semanas
Os concellos máis poboados que superan os 1.000 casos na incidencia a catorce días son xa só media decena: Betanzos, Poio, Vilalba, Arteixo e Ordes
A mellora das incidencias vaise estendendo, aínda que os poucos, polo mapa. Os concellos de máis de dez mil habitantes que superan os mil casos novos por cada cen mil persoas a catorce días son xa apenas media decena (Betanzos, Poio, Vilalba, Arteixo e Ordes) e os municipios sen novos casos en dúas semanas van medrando aos poucos e chegan a 19. Os concellos libres da COVID seguen sendo, en calquera caso, moi poucos comparados co centenar que chegou a haber a mediados de decembro.
A mellora das incidencias esténdese, pero non é menos certo que aínda son uns 150 os concellos nos que este indicador segue superando os 500 casos por cada cen mil habitantes. Como xa sucedera en meses anteriores, a mellora esténdese máis rapidamente canto máis ao leste e tarda máis en chegar á contorna do eixo atlántico, onde se sitúan as maiores concentracións de poboación, e tamén ao sur da provincia de Ourense.
No que atinxe ás principais cidades, a incidencia acumulada a 14 días coincide nesta xornada en trazar en todas elas unha liña descendente. A Coruña e Ourense seguen sendo as que presentan maiores incidencias, aínda que no caso da capital ourensá destaca a súa boa evolución nos últimos días. Ferrol e Pontevedra, que semellaban estancadas, emprenden tamén o camiño á baixa que en Santiago se vén acentuando dende comezos de febreiro. A incidencia a 14 días máis baixa da Galicia urbana é agora a de Vigo (375), moi semellante á de Lugo (388). Todas elas aínda son, como amosa o gráfico sobre estas liñas, moito máis elevadas que antes do Nadal, cando ningunha se achegaba aos 300 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas.
Máis mortes que na primeira vaga e lixeirísimo alivio hospitalario
Dende o día de Nadal morreron en Galicia 622 persoas que contraeran a COVID-19, tres máis que en toda a primeira vaga; o total chega xa ás 1.988
Como aconteceu tanto na primeira como na segunda vaga, as mellorías no número de casos detectados tardan en percibirse tanto nas cifras de falecementos como na ocupación hospitalaria. No que atinxe ás persoas contaxiadas que falecen, as cifras xa reflicten ás claras que a terceira foi (ou está a ser) en Galicia a vaga máis virulenta ata o momento. Dende o día de Nadal e ata o 8 de febreiro morreran en Galicia 622 persoas que contraeran a COVID-19, segundo datos do Sergas. Son tres mortes máis que as rexistradas dende o comezo da primeira vaga e ata o mes de xuño, cando comezou un período de case dous meses sen mortes oficialmente ligadas á pandemia no país. O total ascende xa a 1.988 persoas.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a media de falecementos da última semana rolda os 24 ao día, aínda por riba do peor momento da primeira vaga. Nesta terceira vaga, ademais, rexistrouse o maior número de mortes de persoas contaxiadas nun só día dende o comezo, con 36. No día con máis falecementos rexistrados da primeira vaga foran 31. Nos últimos días, non obstante, o número de falecementos notificados por Sanidade comeza a descender mentres se confirma tamén unha tendencia: a porcentaxe de persoas que vivían en residencias sobre o total de falecementos é agora inferior ás anteriores vagas: menos do 30% fronte a máis do 40%. [A terceira vaga da pandemia está a ter nas residencias galegas menor impacto que no conxunto da sociedade]
A ocupación nas UCI segue sen diminuír significativamente mentres si o fai a hospitalización ordinaria, que aínda supera o máximo de ocupación da primeira vaga
Tamén nas cifras de hospitalización a tendencia comeza a ser descendente, pero con moito camiño por diante. Cada día dende o pasado 6 de febreiro, o total de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus en Galicia é inferior ao mesmo día da semana anterior. No entanto, esa diminución procede fundamentalmente das unidades ordinarias de hospitalización, xa que a ocupación das UCI transita por unha caste de altiplano na contorna das 250 persoas. O dato publicado este 9 de febreiro indican que ás seis da tarde do luns eran 248 as persoas en coidados intensivos con tes positivo da COVID, seis menos que un día antes.
Esa lixeira diminución da ocupación nas UCI e unha baixa máis pronunciada na hospitalización ordinaria deixa o total de pacientes ingresados nos hospitais galegos oficialmente a causa da pandemia en 1.278. Son 161 menos que unha semana antes, pero tamén 171 máis que no pico da primeira vaga e 667 que no máximo nivel de ocupación da segunda vaga. [A terceira vaga da COVID pon as enfermeiras ao límite: "Os pacientes son máis graves e máis novos; non damos visto o final"]