A terceira onda da pandemia de COVID continúa a reducir, de vagar, a súa incidencia en Galicia. Este domingo a Consellería de Sanidade notifica 833 novos casos de coronavirus, 819 diagnosticados por proba PCR nas últimas 24 horas. A cifra é inferior á do pasado domingo (963), o que permite continuar reducindo os indicadores de incidencia.
Na última semana detectáronse ao redor de 900 novos positivos cada día, aínda tres veces máis que antes do Nadal
A media diaria de casos diagnosticados na última semana baixa de 900 por primeira vez dende o pasado 17 de xaneiro. Con todo, estas cifras deberán descender aínda moito máis antes de que as restricións poidan ser relaxadas. Antes da Noiteboa detectábanse en Galicia ao redor de 300 casos ao día e, de feito, estamos aínda lonxe do nivel que supuxo o peor momento da segunda onda, cando a media diaria de novos casos superaba por pouco os 650.
Continúa incrementándose a cifra de persoas falecidas por mor da Covid-19. Este domingo son 16 máis, o que eleva a 1.950 a conta total dende o inicio da pandemia
A mellora prodúcese en case toda Galicia, segundo amosan as cifras de incidencia de cada concello. Porén, aínda que xa se está producindo un descenso no número total de persoas con COVID ingresadas nos hospitais galegos, nas UCI a situación mantense en niveis semellantes aos da pasada semana. Aínda que semella que de momento non haberá que recorrer aos hospitais de campaña, o sistema sanitario galego podería atoparse en dificultades no caso de producirse unha nova escalada de contaxios.
Tamén continúa incrementándose a cifra de persoas falecidas por mor da Covid-19. Este domingo son 16 máis, o que eleva a 1.950 a conta total dende o inicio da pandemia. Nas últimas dúas semanas foron 318 as mortes. Destaca a elevada mortalidade que se está a producir na área sanitaria da Coruña, con 163 defuncións só dende o 1 de xaneiro.
Segue a descender o número de casos activos nas residencia de maiores
Hai boas novas, en cambio, nas residencias de maiores, que sufriron a terceira onda en menor medida que as anteriores. O número de casos activos nestas instalacións é de 410 entre as persoas usuarias e 210 entre o persoal, en claro descenso dende as cifras do sábado (448 e 218).
A Residencia DomusVi Carballo, a Residencia DomusVi Laraxe, a Residencia Mi casa Ferrol e a Residencia Nosa Señora do Carme (Sarria) rexistran nestes momento os gromos de maior importancia.
A taxa de positividade tamén continúa baixando e chega ao 7,07%
A taxa de positividade tamén continúa descendendo e chega ao 7,07% na súa media dos últimos sete días, fronte ao case 11% que se rexistraba hai dúas semanas. A área sanitaria de Pontevedra é a que rexistra unha maior porcentaxe de probas positivas (10,7%), mentres que as restantes áreas xa baixan todas do 10%. Santiago sitúase mesmo por debaixo do 5% e Lugo e Vigo por debaixo do 7%.
O número de probas de detección realizadas cada día continúa a ser alto, con 11.893 probas PCR engadidas este sábado. A media diaria da última semana (12.420) mantense próxima aos niveis máis altos acadados ata o momento.
O Grove, O Carballiño, Marín, Castroverde, Arzúa, Guitiriz, Ordes, Soutomaior, Cangas, Pontevedra, Cabanas ou Vilagarcía de Arousa aumentaron os seus positivos na última semana
Nos últimos sete días o número de casos activos descendeu en máis da metade dos concellos do país (169), manténdose estable en 86 e incrementándose en 58. Son cifras que amosan a mellora xeral da situación, pero nas que chama a atención o empeoramento que continúan a experimentar amplas zonas do país, destacando o aumento de positivos no Grove, O Carballiño, Marín, Castroverde, Arzúa, Guitiriz, Ordes, Soutomaior, Cangas, Pontevedra, Cabanas ou Vilagarcía de Arousa.
Moeche segue a ser o concello que presenta unha maio incidencia acumulada e, en total, hai 50 localidades que presentan unha incidencia acumulada nos últimos 14 días superior aos 1000 casos por cada 100.000 habitantes. Pola contra, hai 15 concellos que nas últimas dúas semanas non rexistraron ningún novo positivo.
Entre as localidades de máis de 10.000 habitantes, destaca a negativa situación de Poio (IA de 1.763), Betanzos (1.532), Arteixo (1.304), Vilalba (1.278) e Ordes (1.149).
No que atinxe ás sete cidades, A Coruña, Ourense, Santiago e Vigo manteñen unha tendencia á baixa no número de casos activos, mentres que Pontevedra, Ferrol e Lugo están estables.
A mellora nos hospitais prodúcese nas unidades convencionais, pero non nas UCI, que se manteñen en cifras máximas de camas ocupadas
Finalmente, nos hospitais mantense a situación dos últimos días, cun descenso no número total de persoas con COVID ingresadas (1.274, fronte ás 1.283 de onte ou as 1.452 do pasado luns). Porén, esta mellora prodúcese nas unidades convencionais, pero non nas UCI, que se manteñen en cifras máximas de camas ocupadas. Este domingo son 248, unha máis que onte e moi preto do récord acadado o pasado martes (253).
Por áreas sanitarias, A Coruña e Ferrol si amosan unha tendencia á baixa, fronte aos ascensos de Ourense e Vigo. Cómpre ter en conta que a área viguesa, ao igual que a de Lugo, están a recibir algúns pacientes de áreas máis saturadas.