A terceira onda da pandemia de COVID-19 continúa a descender en Galicia, con menos diagnósticos, unha menor porcentaxe de probas cun resultado positivo e unha diminución no número de persoas hospitalizadas. Porén, as altas cifras de contaxios rexistrados en decembro e xaneiro fan prever un moi longo período ata acadar uns niveis que permitan recuperar unha certa normalidade.
O Ministerio de Sanidade advirte de que a presenza da variante do coronavirus descuberta no Reino Unido (B.1.1.7) está "aumentando rapidamente" no Estado. Os datos preliminares sitúan Galicia como un dos territorios nos que a cepa tería unha maior prevalencia
Ademas, a pesar da mellora xeral experimentada na última semana, o número de pacientes ingresados nas UCI continúa en niveis máximos. E, de igual xeito, o número de mortes rexistradas cada día segue a ser moi elevado, superando os récords de defuncións acadados na primeira onda da pasada primavera.
A esta situación engádese o perigo engadido do aumento da prevalencia da variante do coronavirus descuberta no Reino Unido (B.1.1.7), que segundo advertiu este venres o Ministerio de Sanidade, está "aumentando rapidamente" no Estado Español, o que podería provocar un incremento "da incidencia e posiblemente da taxa de hospitalización e a letalidade nas vindeiras semanas". O informe admite a posibilidade de que a variante non só sexa máis contaxiosa, senón que estea relacionada cunha maior gravidade e letalidade das infeccións. Os datos preliminares sitúan a Galicia como un dos territorios do Estado nos que a variante tería unha maior prevalencia. O SERGAS confirmou 14 casos pertencentes a esta cepa, con outros 200 en estudo, sospeitándose que todo o gromo rexistrado no hospital Meixoeiro de Vigo corresponde a esta mutación
O descenso no número de novos casos está a a ser rápido, pero a cifra é aínda tres veces superior á que se rexistraba en decembro antes das festas de Nadal
Este venres a Consellería de Sanidade notificou 919 novos diagnósticos de Covid-19 en Galicia, 808 diagnosticados a través dunha proba PCR nas últimas 24 horas. Estas cifras levan días movéndose lixeiramente por debaixo dos mil casos e a media diaria da última semana sitúase nos 921 casos, moi por debaixo dos 1.352 que chegou a acadar hai dez días. O descenso está a a ser rápido (cun ritmo semellante ao do ascenso rexistrado semanas atrás), pero o número de novos positivos aínda é tres veces superior ao que se rexistraba en decembro antes das festas de Nadal.
Dende o día 1 de xaneiro morreron en Galicia 525 persoas despois de ter enfermado de COVID-19
A redución no número de novos diagnósticos non debe facer esquecer as graves consecuencias que está a provocar a terceira onda da pandemia en Galicia, especialmente no que atinxe á mortalidade. Este sábado hai que engadir 24 novos falecementos, que elevan a 1.934 a cifra total dende o inicio da pandemia. A media diaria de defuncións (23,1) leva dous días en descenso, pero aínda se sitúa nos seus valores máis altos, superiores mesmo aos de marzo e abril.
Dende o día 1 de xaneiro morreron en Galicia 525 persoas despois de ter enfermado de COVID-19, contaxios que se produciron na súa maior parte nas celebracións de Nadal. Nestas case seis semanas medrou especialmente o número de persoas maiores non residentes en centros de maiores que faleceron pola enfemidade.
Nas residencias de maiores hai 448 casos activos entre os usuarios e usuarias e outros 218 entre o persoal. A cifra sitúanse por debaixo das cifras de onte (468 e 229) e confirma a tendencia á baixa iniciada hai unhas semanas.
Con todo, nas últimas horas destaca a aparición dun gromo na residencia DomusVi-Laraxe, en Cabanas, que de momento afecta a 11 usuarios e usuarias e a 1 traballador ou traballadora.
A taxa de positividade continúa a descender en Galicia e a súa media na última semana sitúase xa no 7,29%
A taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo) continúa a descender en Galicia e a súa media na última semana sitúase xa no 7,29%, un nivel que non se acadaba dende o 3 de xaneiro. A positividade media chegou a roldar o 11% ao redor do 21 de xaneiro.
As áreas sanitarias de Ferrol e Pontevedra seguen a ser as zonas cunha maior porcentaxe de probas cun diagnóstico positivo, roldando o 11%. A Coruña está no 8,4% e o resto baixa do 8%, con valores máis reducidos en Santiago (onde se está a levar a cabo un cribado masivo con PCR) ou Lugo.
O número de probas de detección realizadas cada día continúa a ser alto, con 12.980 probas PCR engadidas este sábado. A media diaria da última semana (12.517) mantense próxima aos niveis máis altos acadados ata o momento.
Hai aínda oito concellos con incidencias por riba de 2.000 casos por cada 100.000 habitantes e 57 por riba dos 1.000 casos por cada 100.000 habitantes
A incidencia da enfermidade leva varios días en descenso no conxunto de Galicia e iso nótase no mapa por concellos. Con todo, segue a haber un gran número de localidades con cifras moi elevadas de casos por habitante. Así, hai aínda oito concellos con incidencias por riba de 2.000 casos por cada 100.000 habitantes e 57 por riba dos 1.000 casos por cada 100.000 habitantes. Moeche, cunha IA de 4.806, segue a ser a localidade con peores datos. Tan só 16 concellos non rexistraron ningún caso nos últimos 14 días.
No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, Poio (1.658), Betanzos (1.655) e Arteixo (1.329) seguen a ser as vilas con máis casos por habitante. Destacan tamén os niveis elevados de Vilalba, Sanxenxo, Ordes ou Monforte, todos con IA por riba de mil.
En canto ás cidades, A Coruña segue a ser a urbe con peores datos, pero leva xa varios días cunha tendencia de mellora, o mesmo que Ourense e Santiago. En cambio, as cifra de incidencia de Pontevedra e Ferrol semellan estancadas, o mesmo que as de Lugo e Vigo, aínda que nestes dous casos, con valores máis reducidos.
Nas unidades de coidados intensivos o número de camas ocupadas semella ter chegado ao seu máximo, pero leva varios días situada nese nivel, sen iniciar aínda o desexado descenso
A situación nos hospitais segue a ser preocupante. Nos últimos días iniciose un descenso no número total de persoas ingresadas diagnosticadas de Covid-19, que pasou de 1.452 a 1.283 dende o 1 de febreiro. Esta mellora nas cifras xerais, que amosa que xa se superou o 'pico' hospitalario, non chegou aínda ás UCI.
Nas unidades de coidados intensivos o número de camas ocupadas semella ter chegado ao seu máximo, pero leva varios días situada nese nivel, sen iniciar aínda o desexado descenso. Este sábado a Consellería de Sanidade notifica un total de 247 camas ocupadas, unh cifra que chegou a ser de 253 hai uns días.
A mellora é máis evidente nalgunha das áreas sanitarias que se atopaban nunha situación máis perigosa, como A Coruña (cun descenso de 93 a 81 camas ocupadas no que levamos de semana) ou Pontevedra (de 30 a 24), afastando de momento a necesidade de ter que recorrer a hospitais de campaña.
Pode que nestas cifras influíra o traslado de pacientes aos hospitais de Lugo e Vigo, menos saturados. De feito, a área sanitaria de Lugo nos últimos días incrementou de forma clara a súa cifra de camas de UCI ocupadas. Tamén aumenta a ocupación na área sanitaria de Ourense.